As resacas dos domingos rematan no primeiro café da maña no bar do lado da oficina. Afóganse nese café quente e amargo, que non só arrastra a resaca de toda a fin de semana, si non tamén a memoria e o regusto das horas que vivimos. Despois dunha fin de semana demasiado longa, demasiado intensa, é triste descubrir que non queda nada, ou casi nada, máis que as risas cos amigos e pequenas anécdotas que configuran un mosaico de imaxes coloristas que non voltarán a repetirse. Atrás quedou o venres e as súas traxedias, e a noite do sábado coa súa traca final de autocomplacencia e hedonismo a flor de pel, e o domingo de reconstrucción das xogadas entre a frescura das cañitas e a brisa do mar.
Cómo gusta lembrar que foron dous días que aproveitaches ao máximo, nos que o desamor tivo moito que ver, e nos que descubriches que sabes poñer ao mal tempo boa cara, e saír triunfante das adversidades que se lle presentan ao corazón. Non hai decepción que non se cure no fondo dun vaso de wisqui e nos bicos –sexuais- dun descoñecido que podería intimidar ao mesmo Apolo coa súa beleza e con seu don de conquista. E todo isto é o que nos salva ao final das semanas, un tempo de felicidade, no que a realidade se difumina un pouco e deixa un poso de ledicia pintado tímidamente nun soriso de luns. Boa semana a todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario