26 febrero, 2009

A foto da campaña



Cando faltan pouco máis de dous días para que os galegos vaiamos as urnas a votar, o panorama está caldeado por múltiples motivos. As enquisas rebosan resultados contradictorios e o PP parece que sae airoso da súa crise particular e das súas tramas de corrupción. Pero non vou ser eu quen se poña hoxe a falar de política, e menos da campaña electoral que enche o noso panorama. Son socialista, convencida e militante, que na data na que estamos tan só pode pedir fervorosamente o voto para o PSdeG-PSOE. Pero si quero facer a miña pequena homenaxe a esta campaña que espero remate o día 2 de marzo cun goberno socialista. A foto da campaña, para min, é a tenra imaxe deste homiño que fixo campaña á sombra de Rajoy, dando suaves patadas á herba das vacas, nun emotivo encontro con estes animais un día nunha granxa en Rois.

Estes días mezclase a campaña co entroido, unha mezcla que casa mal, pero que este ano se nos fixo inevitable. Fun ver as murgas ao Pazo da Cultura de Pontevedra, e quedei algo decepcionada. O carnaval da política é moito máis inxenioso que o carnaval que se está vivindo nas rúas, nas que atopo con caracter xeral unha falta total de orixinalidade. Ou a xente está cansa e xa non ten gana nin de protestar ou estamos perdendo ata a capacidade de rirnos de nós mesmos. As voltas os murgueiros co "pilla-bici" e co carril de bicicletas, como si fosen os grandes males do concello. Tamén lle tocou repaso á crise económica, pero quitando unha actuación ou dúas, as letras eran sosas dabondo. Queixábanse de falta de cartos, de apoio polo concello, e quizais teñan algo de razón, pero ainda sin motivación económica, si vai un subirse a un escenario na época de entroido ten que ir con forzas para arremeter contra todo e contra todos. En fin, que o entroido está ferido, e este ano Pontevedra non luciu expléndida de man de don carnal, a pesar do bo tempo.

Logo empéñanse todos en facer burla do sistema de aluguer de bicicletas municipal, como si fose un mal invento. Iso é que os que se atreven a criticar o "pilla bici" non coñecen as súas ventaxas. Pero qué felicidade coller a bici ao lado da miña casa, e dar unha volta pola cidade , agora que as temperaturas pola tardiña son casi primaverais.

Pois iso, que o Entroiodo agoniza na carencia de ideas , de humor e de loboriosidade, e o 1 de marzo preséntase como unha gran incógnita que se resolverá en torno ás doce da noite do domingo.O tempo parece suspendido, toca fin de festa nunha noite de venres que tamén servirá para despedir o mes de febreiro. En Pontevedra, queimaremos ao Ravachol, que este ano ven de banqueiro salvador , e no medio desa noite de luto e de pranto, asistiremos ao peche das campañas electorais, como quen asiste a unha festa máis, porque a política ten as súas propias festas, e na democracia a festa por excelencia é o acto mesmo de votar, de exercer un dereito individual, intransferible e secreto que nos fai a todos iguais.

23 febrero, 2009

PE


Onte vin a película Vicky Cristina Barcelona, coa que Penélope Cruz gañou o Oscar á mellor actriz secundaria. Foi a miña particular homenaxe á noite dos Oscar, e tamén en parte unha maneira de afrontar hoxe a nova que enche as páxinas de tódolos xornais, o éxito de Pe, que os españois como por arte de maxia fan extensible a todo o cinema español e mesmo a toda a nosa cultura. Pero non nos engañemos , o Oscar de Pe nada ou moi pouco ten que ver coa industria do cine do noso país, nada ou moi pouco que ver coa nosa maneira de facer cine e de entendelo. E un galardón tan alleo a nós como a propia Penélope, que marchou facer carreira da man dos grandes do cinema e empapouse deseguida dese aire hollywoodiense que a convertiu nunha pseudo-diva do celuloide.

Vin a película, dicía, e ainda que non me disgustou tampouco me gustou en exceso. Deixase ver, e pouco máis, pero non está clara a pegada de Allen. Claro que o que peor está da película , e sentindoo moito, é a nosa Pe, que na dobraxe a si mesma perde naturalidade e credibilidade a moreas. A dobraxe fai que sobreactúe sobre o sobreactuado,e ao fin resulta un empalague imposible de interpretación de neurótica que nin ela mismo cre. Eu dende logo non lle daría a Penélope Cruz un oscar por este papel, e non é porque persoalmente non me guste moito , sinón porque penso que incluso estropea un pouco o conxunto da cinta.

Tampouco salvo a actuación de Barden, que non pega nin con cola. De todos modos, poida que un visionado en versión orixinal salve os aspectos máis deficientes da película, terei que probar.



Hai unha escea que me conmoveu especialmente por dous motivos. Enfocase nun primeiro plano un cazo de leite fervendo, botándose por fora, e un cafetera. Logo, aparecen Juan Antonio e Cristina facendo o amor. Gústame porque é unha maneira xenial de describir a paixón entre a parella, dun xeito sinxelo e ao mesmo tempo que non deixa lugar a dúbida. E gústame pola melancolía que suxire ese cazo de leite fervendo. Agora ninguén ferve o leite nun cazo, e esa imaxe coma doutro tempo ten unha carga de certa nostalxia que arroupa o romanticismo da escea.

Os microondas nunca permitirían unha escea tan chea de contido como ese primeiro plano do leite saindo fóra do recipiente mentres a parella se entrega ao sexo no chan da cociña, e isto éncheme de ledicia porque eu son das que todavía quenta o leite no fogón da cociña, non por un acto anti-progreso, senón por incompatibilidade tecnolóxica entre eu e os microondas.

16 febrero, 2009

Aparicións

Perdínme esta fin de semana o que foi sen dúbida o acontecemento por excelencia, o macromitín de Rajoy na plaza de touros de Pontevedra. Claro que non pasa nada, porque alí había xente dabondo ,e porque onte lin unha crónica tan minuciosa que me fixen unha idea de todo o que aconteceu como si eu mesma estivese alí. Pero o destino , tan caprichoso , fixo que tivese o sábado pola noite un marabilloso encontro inesperado.
Eran algo máis das doce da noite, a noite dos namorados, para que nos situemos correctamente no tempo, e baixaba eu pola rúa San Nicolás moi metida na conversa cunha amiga, polo que foi de súpeto, como si saíse da nada, que nos xurdiu diante o corpo grande e fornido, e o rostro serio de Mariano Rajoy, alzando un dedo en actitude ameazante cara uns chavaliños que o seguían berrándolle "narcotraficante". A Rajoy o insulto non o deixou indiferente, e voltouse cara a eles, con certo aire de cachondeo pero ofendido no fondo , e increpoulle a un "te voy a dar" . Foi ese momento preciso no que a miña mirada e a de Mariano se cruzaron, no medio desa noite xa de 15 de febreiro. Quedei xélida como si acabase de ver a unha pantasma, pero deseguida reaccionei e como si non existise ninguén máis naquela rúa que Mariano máis eu ,achegueime a el, collínlle a man con xesto agarimoso e saúdeino con sentido respeto. Desexeille sorte, e manifesteille a pena que me daba velo nesa situación, rodeado de xente mala por tódalas esquinas. El miroume entrañable, ao tempo que avanzabamos os dous rúa abaixo agarrados das mans. O seu séquito non se meteu, non interrumpiu o momento, como si non estivesen. Mariano estaba preocupado polo insulto dos chavales, e díxome " ...pero no soy narcotraficante,eh". Eu sentín entón a necesidade de tranquilizalo, por suposto que non, é vostede un político equivocado , pero narcotraficante non. Chegamos á Pega Moura, e tiven que despedirme. " Nosotras nos quedamos aquí, un placer " E despedímonos.
Logo todo continuou como un día calquera, como unha noite calquera, na que as sorpresas foron as previsibles. Piti engordou un pouco , e o home máis guapo do mundo tiña un soriso renovado, como si rexuvenecera un par de anos.
O domingo foi tamén como calquera outro, salvo por outra aparición inesperada. Caeume como un tiro ver a Julito nun bar da cidade, tomando unha cocacola como si tal cousa. Pero bueno...estas son outras historias.

14 febrero, 2009

Asunto : poema de febreiro


Trátase dunha breve historia, a dun home que recibía cada día primeiro de cada mes un poema no seu correo electrónico, un poema inédito, feito especialmente para el , e que ninguén máis -salvo ás persoas que el quixese mostrarllo- o coñecerían. Os poemas enviaballos unha moza que estaba tola de amor por el, pero isto é o de menos. O caso é que este home un día primeiro, do mes de febreiro do ano 2009 , ao abrir o seu correo para ler o seu poema mensual atopouse coa sorpresa de que na súa bandexa de entrada non se atopaba ningunha mensaxe que se calificase como "asunto: poema de febreiro". Trala sorpresa inicial que esta nova lle produxo, entrou nun estado de nerviosismo pouco haitual nel. Tomou unha aspirina ( como nunca entraba en estados de nerviosismo non tiña pastillas para tal mal) e decidiu agardar un anaco frente a pantalla do ordenador, poida que ela se retrasase un pouco por cousas do traballo, ou por unha febre repentina polo sol dos últimos días. Agardou. Os minutos caíanlle enriba como si llos fosen tirando cun contagotas, lentamente e de seguido. Púxose a navegar por internet nun intento de distraer a atención do goteo constante de minutos. Comezou con cousas sinxelas, blogs de amigos, os xornais dixitais, algunha páxina de contactos ...Cada certo tempo voltaba á súa bandexa de entrada na procura do ansiado "asunto: poema de febreiro", pero este non acababa de entrar. Cando os seus nervios comezaron a xogarlle unha mala pasada, cando xa esgotara casi todalas posibilidades que lle brindaba internet, cando xa nin siquiera quedaba páxina porno que non visitara, caeu na certeza de que compría tomar unha decisión. Ao tomar unha decisión, calquera que fose, templaríanselle os nervios, sen dúbida. Así que púxose a pensar niso. ¿Qué podía facer? , ¿ qué podía facer si o poema ao fin non chegaba?


Esa idea destrozaballe as entrañas. Esa idea era simplemente inadmisible. O poema de febreiro chegaría. Quizais non o día un , nin o día dous, pero chegaría antes de que se dese conta. Só tiña que ter un pouco de paciencia e agardar. Esa foi a decisión que por fin adoptou, agardar diante da pantalla do ordenador o tempo que fixese falta.



O goteo de minutos fíxose denso , mareante, producíndolle un vértigo extraño que ata entón non coñecía. Ansiedade, suor frío. Pero a decisión estaba tomada. Así que decidiu tomarlle ventaxa ao tempo e aproveitar a espera en cousas útiles. Matriculouse en varios cursos on line, e cando xa tivo varios títulos dunhas trescentas horas cada un pensou que o mellor sería facer unha carreira. Fíxose abogado pola Uned, e logo decidiu optar por outras ramas, máis científicas, ainda que aquí as posibilidades da universidade a distancia eran máis limitadas. Con todo conseguiu vencer aquel malestar agónico que lle producía o goteo de minutos , e casi acabou por adaptarse a esta nova situación que decidira levar ata o final. Por suposto que supuxo un gran cambio na súa vida, vivir pegado á pantalla dun ordenador, comprando só a través da web, lendo día tras día todo tipo de información contradictoria e moitas veces disparatada, sin ver a luz do día, sin durmir, sin relacionarse con ninguén máis que a través do mesenger. Pero si finalmente acaba chegando o poema de febreiro ao seu correo electrónico, todo o esforzo merecería a pena.



Dixen que a historia era breve e xa me estou alongando demais. O home decidiu agardar polo poema, e tomada a decisión tan só lle quedaba mirar para adiante. Diante a súa pantalla de ordenador viu pasar a súa vida, minuto a minuto, hora a hora, día a día, ano a ano...Ninguén sabe canto tempo estivo así, agardando, co único contacto co mundo a través de internet, sin perder nunca nin pinga de esperanza. Por suposto que pasou o mes de febreiro do 2009, e tamén pasou febreiro do 2010, e do 2011, e ningún mensaxe na súa bandexa de entrada puido lerse nunca coa lenda de " asunto: poema de febreiro".

12 febrero, 2009

Hoxe síntome tan glamurosa...
O cónclave do PP tivo moito de símbolo, pero pouca chicha , a verdade. Andan desbordados porque teñen ao enimigo dentro, e iso non é excusa para culpar ao goberno dos seus males, e menos para facer acusacións tan graves como as que fixeron.


Toda esta historia de espionaxe que levamos vivindo dende algún tempo ten máis de comic de Mortadelo e Filemón que dun partido serio da oposición . Sin embargo trala foto familiar, chegou a acción, collelas armas e comezar a batalla (xurídica) para defender posicións. E ahí entrou Trillo na película con tres papeliños na man, correctamente distribuídos, a quen toca. Primeiro toca persoarse na causa, que admitan ao PP como acusación particular, para poder logo recursar ao xuíz Garzon , amparandose en "enemistade manifesta". Pero ao tempo ante o Poder xudial denuncia a famosa cacería que levou a que compartiran escenario en plena natureza o ministro de xustiza e o citado xuíz.
Sin embargo xurde un problema xurídico, a saber: o PP podería chegar a ser defensa na causa como responsable civil subsidiario, polo que non podería ser acusación particular, xa que non se pode ser ao mesmo tempo acusado e defensa. A polémica está servida.
Esto pasa polos madriles, que xa se sabe que alí todo é ao grande, pero por aquí, xa sabedes,arrancou a campaña electoral cun dato moi significativo e novedoso: FRAGA NON É CANDIDATO. ¿ sabedes cantos anos fai que non sucedia tal cousa? pois ahí tedes divertimento para a fin de semana.

11 febrero, 2009


Cando era nena quería ser enfermeira cando fose maior. Os soños dos nenos soen estar máis ligados a outro tipo de profesións, como astronauta, bombeiro, piloto de avión...eu que sei. Pero eu tan só quería ser enfermeira, quizais porque ese era entón o meu mundo, rodeada sempre de agullas, camas de hospital , tubos, cables, probas médicas de todo tipo...Non fun unha nena infeliz, estaba enferma e os hospitais conformaban parte do meu escenario diario. Eu admiraba as profesións de médico e enfermeira, nese momento vía neles aos únicos garantes auténticos do meu futuro. Detrás dunha bata de médico vía sempre a un amigo que ía cuidarme e sempre me deixaba facer ,con paciencia e do xeito máis valente do que era capaz. Falaba cos médicos con naturalidade, e sempre lles ofrecía sorisos a cambio de xarabes apestosos ou pinchazos nos brazos. Admiraba aos médicos e as enfermeiras dun xeito marabilloso,e os meus xogos sempre estaban conformados por ese ambiente de hospitais; convertía o meu cuarto nunha sala chea de bonecas enfermas, co seu goteiro, as súas medicinas, e eu convertíame nunha superenfermeira que ía curalas a todas.

Os nenos son agarimosos e agradecidos. Logo ,coa idade volvemonos rencorosos e deixamos de valorar as cousas na súa xusta medida. Adoraba aos médicos porque deles dependía a miña saúde, a miña vida, e comprendía que non eran eles os que me causaban dor. O olor a hospitais sempre me facía evocar antigas amistades, compañeiros de habitación cos que compartira conversas coas luces apagadas cando a febre daba tregua. E logo, unha medra e olor a lexía, ese que sempre asociei aos hospitais, faime recuperar un pequeno anaco da infancia.

Non me fixen enfermeira, e no fondo, cando busco nas cinzas da nena que fun, dame moita mágoa non levar adiante aquela vocación obrigada que eu tiña. Pero elas eran as miñas autenticas fadas de conto..., e de vez en cando cómpre recordalo.

09 febrero, 2009


Desgraciadamente as persoas pasan pola vida pública de maneira efímera, un día son reis , con trono e coroa, e ao día seguinte, perden a coroa e son esquecidos para sempre. O rei de Vilalba, ese home que foi "o presidente " dos galegos durante quince anos, que aspirou a ser presidente de España, e que agora da os seus últimos coletazos no Senado, asiste agora á indiferencia do seu propio partido.No PP xa non o teñen en conta coma antes, e cando o fan, danlle as súas verbas ese valor que se lle da a opinión dos avós que xa chochean .Pero don Manuel é terco, e non se deixa relegar o ámbito das opinións de honra, esas que non contan pero que son respetables. El quere dicir, contar, falar e ser escoitado. El opina como político, ainda que ás veces as súas opinións non gusten ao PP, ou non sexan precisamente explicacións demasiado "políticas". Pero , quen si non don Manuel para opinar sobre o caso Luis Carrera, número un do PP por Ourense e que tivo que ser expulsado da candidatura por un caso de fraude a Facenda. Don Manuel, home de ben , sencillo vilalbés , apela a referencias bíblicas como xustificación do erro cometido por Feijoo ao confeccionar a candidatura: «Si había alguien que no podía imaginar lo que le pasara fue Jesucristo, que tuvo un judas entre los doce Apóstoles» dixo á Cadea Ser, e quedou tan pancho. Claro que logo sentenciou que na súa época se atallaba rápidamente un caso de corrupción, poñíase fora de circulación -dixo- polas boas ou polas malas. Iso era, cando alguén cometía algún tipo de delito fiscal, cando metía de máis a man na hucha e o caso trascendía ou tiña pinta de trascender, pois Fraga, agarimoso, como un pai que se preocupa por un fillo que vai por mal camiño, dicíalle "deixa de meter a man, que se van dar conta,e marcha para a casa".E as cousas ían sucedendo sin sobresaltos. Canto sabía Fraga.Pero claro, agora él fala dos seus tempos, e no seu tono non pode un deixar de percibir ese regusto de morriña, tristura doce polos tempos pasados nos que el , e só el, era o rei.


Dos tempos de rei , probablemente, é a triste historia do elefante que nos conta hoxe na Voz de Galicia. Di literalmente: "- Lo cacé en Guinea. Le pegúé un tiro en la cabeza al pobre. Le advierto a usted que si no lo mata del primer tiro, él lo mata a usted. Lo tengo en Perbes, si pasa en verano, se lo enseño".

Conta a historia como unha batallita desas que gosta recordar cando xa te ves cun pé na tumba, pero eu , que nunca lle quixen ben a don Manuel (cousas da política) non quero ver nas súas verbas as dun octoxenario morriñento a quen se lle concede o privilexio da tenrura como unha adquisición que lle corresponde por idade. Fraga é o que foi, e ata nas súas conversas máis íntimas, nas que recrea as súas aventuras, atopo toda a naúsea que sempre me afastou del e das súas ideas. E imaxino a escea grotesca, un velliño que mezcla a política con Jesucristo e que mostra con orgullo a cabeza dun elefante, como símbolo dos logros . Triste legado para os que defendemos a vida.

07 febrero, 2009

Supoño que a climatoloxía afecta ao estada anímico das persoas dalgún xeito. Levabamos días de chuvia intensa sobre a cidade, e agora estas tímidas raiolas de sol parecen maxia no escenario dun sábado de decembro. Hoxe levanteime cun soriso que por máis que lavo a cara non se me vai. O mundo é como é , e hai cousas que non se explican ben, que tampouco hai que darlle mais voltas.
As vidas de cada un de nós son como un puzle imperfecto, no que hai pezas que encaixan á primeira e outras ás que lles temos que dar moitas voltas ata que atopamos o seu lugar exacto no rompecabezas. Outras pezas sobran, sin máis, e as máis tristes, son esas que sabemos de antemán donde van colocadas, pero precisamente por iso ,agardamos ao final para colocalas. Completan o puzle, e por iso, son pezas tristes. Porque cando chegamos ao fin de algo , non hai nada máis. Os finais son concluíntes e agónicos. Non deixan esperanza, e esas pezas ...esas pezas son tan efímeras na memoria

04 febrero, 2009


O presidente do goberno visitou Lugo nun acto de precampaña das Autonómicas. Nesta foto esta posando sorrinte con actuais diputados e candidatos as eleccións de Marzo de 2009.
O motivo da foto , nesta páxina do meu blog etiquetada como "persoal" é que na imaxe aparece a miña irmá, que agora mesmo anda facendo campaña por toda a provincia de Lugo.
Son socialista. Nunca ocultei este feito, máis ben o contrario, sinto orgullo de pertencer ao PSOE, e gústame presumir de militancia activa, tanto nas Xuventudes Socialistas no seu día, como no PSdG-PSOE, e agora , o meu orgullo é orgullo de irmá, porque creo que non se pode sentir alguén máis feliz do que me sinto eu neste momento , vendo como a miña irmá acompaña a Touriño no proxecto de goberno do Partido Socialista para os próximos catro anos. Creo que tiña que contalo.
No quiero ver como se pudre el bote de Colacao en mi cocina. Antes lo tiro a la basura.
***
Estou chorando porque tiven que dicirlle adeus.

03 febrero, 2009

Febreiro. Non ten nada de particular, ou queda eclipsado o feito de que comece un novo mes coas lembranzas a flor de pel que me deixou a fin de semana.Máis que lembranzas (ainda non pasou tempo dabondo para morriñas lastimeiras) son emocións a flor de pel, pequenas punzadas de ledicia dunha fin de semana calquera , de finais de xaneiro no que por riba de calquera outra acción relevante sobreasiu o aplauso, forte, ruídoso, convencido, agarimoso e sinceiro.
Creo que a vida se resume ben neses pequenos xestos de agradecemento, de apoio, de amistade ao fin e ao cabo. Somos tamén as persoas que queremos, as que admiramos e apoiamos nas súas viaxes públicas e privadas, nos seus logros, nas súas metas. E así foi a miña fin de semana, cargada de aplausos para a xente que o merece, e que comparte conmigo os seus espacios, non só a súa cotidianidade máis íntima, senón tamén a intimidade de vértigo que sinten cando se dirixen a un público entregado, cando se enfrentan a un auditorio que os vai xuzgar , que vai empaparse das súas accións, e dos seus sentimentos.