As linguas constitúen parte da riqueza dun pobo, parte do seu patrimonio histórico e cultural ,e parte da súa identidade. As linguas son vehículo de comuniciación, serven para construír o mundo e para expresalo. En Galicia temos a sorte de nacer con dúas linguas nais, que nos engrandecen, e tan só o fascismo foi quen de intentar acabar cunha delas, como medio de aniquilamento da liberdade, a través da opresión e a ignorancia. Os que coma min somos nenos da transición falamos en castelán de entrada, cando nos acaban de presentar a alguén e utilizamos o castelán en casi tódolos ámbitos da nosa cotidinidade. Estudiamos en castelán na infancia e na adolescencia e os nosos pais educáronnos en castelán nunha época na que o galego non estaba prohibido pero si denostado pola sociedade e relegado ao ámbito do rural e da familia. Era a lingua que representaba aos estratos máis baixos da sociedade , a lingua dos pobres. E curiosamente deuse así un fenómeno nas familias que era un bilinguismo perfecto presidindo as comidas familiares. Na miña casa, por exemplo, meu pai só fala galego, miña nai fala galego con meu pai , e conmigo e con miña irmá fala o que lle sae, indistintamente. Miña irmá e mais eu falamos castelán entre nós e coa miña nai, pero sempre falamos galego co meu pai. Este reflexo da comunicación familiar pode trasladarse á toda a comunicación da nosa xeración. Somos castelán falantes porque cando éramos nenos o médico e o avogado só falaban castelán ,e falar galego era pecharnos as portas ao futuro. Pero os nosos pais non deixaron de comunicarse en galego entre eles, cos veciños, e así a lingua galega, que se falaba sobre todo tras das cociñas calou en nós e forma agora parte da nosa riqueza persoal.
Os que din que hoxe o castelán está en perigo son uns cínicos. O castelán é a nosa lingua , ao igual que o é o galego. Hoxe o galego non é unha lingua vergoñenta que non se pode falar no ámbito público, e unha lingua que está en vías de recuperar o seu prestixio, o que a dictadura franquista lle arrebatou, arrebatándonos así a nós parte da nosa propia identidade. Pero nesta tarefa aínda queda moito por facer. Non hai máis que darse unha volta por calquera das cidades galegas, Pontevedra, por exemplo, e escoitar en qué idioma fala a xente. O galego segue sendo unha lingua de uso minoritario, aínda que agora quen a fala non sinte vergoña nin é tratado con desprecio. Pero todavía hai quen acude á miña oficina e me pide con certa altanería que lle fale en castelán,e vese no seu semblante certo ar nostálxico daqueles tempos nos que os señoritos crian que saber menos era símbolo de poderío. E entón eu , con certa ironía constestolles "Perdoe, non se preocupe, fálolle no idioma que vostede queira, en castelán era, non?"
E seguindo co tema das linguas, e concretamente das nosas, quero traer de novo a figura de meu pai. Eu de meu pai aprendín moito, moitas leccións sobre o mundo e a vida. Meu pai é teóricamente analfabeto. Sabe ler e escribir, pero non ten ningún título que acredite nin un mínimo nivel de estudios. Aprendeu a ler e a escribir de noite , cando era un neno, porque de día tiña que traballar. O meu avó morreu cando meu pai tiña 10 anos, e daquela eran outros tempos. Miña avoa fixo o que puido ,pero meu pai non puido ir á escola. Por suposto o pouco que sabe de ortografía e lingua é da lingua castelá. Pero meu pai criouse e viviu toda a vida no rural , foi agricultor durante moitos anos e nunca precisou máis lingua ca que el aprendeu oralmente, o galego. En contadas ocasións escoitei eu a meu pai falar castelán. Lembro cando eu era nena, e meus pais tiñan que andar constantemente conmigo dun lado para outro levandome a médicos e a hospitais. Daquela os médicos si lles falabas en galego tratábante bastante mal, como si foses un paleto que non merecía respeto . E entón a miña nai, antes de entrar na consulta, dicíalle a meu pai que non falase, que a deixase falar a ela, que él non sabía expresarse en castelán. Vin a meu pai convertido nun homiño durante toda a miña niñez, empequenecido por non saber expresarse correctamente en castelán, en despachos de médicos, en salas de espera, en colas da administración esperando para tramitar axudas económicas para sacarme adiante...
Meu pai ten agora 72 anos, e segue acompañandome ao médico relixiosamente , a todas as miñas revisións do corazón, do pulmón etc. Segue xestionando el mesmo os seus asuntos e pelexándose coa burocracia. En galego. Na lingua que el coñece e domina, ainda que non sabe escribila. E cando vou con el ao concello a tramitar un papel ou simplemente vamos ao hospital, eu dígolle que fale. Que fale como sabe, e que o que non o entenda que aprenda.
Xa non é un homiño, xa non ten que calar para que o médico ou o funcionario o traten con respeto. Xa non ten que baixar a cabeza ante ninguén por non saber expresarse ben en castelán.
Coñecer cantas máis linguas mellor é unha riqueza incalculable. E os galegos temos dúas linguas que nacen con nós. Pretender privarnos da posibilidade de aprender calquera delas é empurrarnos á ignorancia e ao sufrimento. O saber sempre nos fai máis libres.
No hay comentarios:
Publicar un comentario