Na Praza da Ferreiría había o martes de Entroido dous “mimos”, estatuas vivintes, cos seus rostros brancos e expresión entristecida. Os pontevedreses non puideron ser indiferentes á presencia desas dúas personaxes sinxelas, rodeadas de certo aire de inocencia e inxenuidade.A praza era un fervideiro de xente, de un lado para outro, o son da música das parodias que resoaba forte por tódalas esquinas, había bocinazos, berros, risas…Pero no medio de tanto bullicio , os dous mimos, quietos , moi quietos, permanecían mudos e alleos a todo o que non fose a sua propia inmovilidade. E os pontevedreses, mirábamos, parabanse a contemplar a imaxe inamovible das dúas pantomimas e reparaban entón no chapeu que unha delas sostiña na man, e achegabanse a botar nel unha moeda. Así repetiuse o ritual durante toda a noite, e ao mesmo tempo, os mimos repetían tamén un saudo, unha reverencia, ou mesmo un bico como sinal de agradecemento, para voltar de seguida á posición inicial, a quietude, á tristura na mirada. Os nenos pedían moedas aos seus pais para ver sorir aos mimos ao deixar caer a moeda no chapeu. E tamén os maiores se impregnaban desa maxia, do soriso dos mimos, dos escasos segundos que duraba o seu movemento. Había quen procuraba facer rir aos mimos, provocar neles unha reacción, pero era inútil. Só unha moeda , co seu son ao bater no resto das moedas podía despertar ás estatuas.
Eses mimos éramos unha amiga e máis eu. Non vos vou dicir canto foi o diñeiro recaudado, para non romper a maxia do momento, pero o que si vos direi e que na noite do martes, eses dous mimos foron moi felices cambiando sorisos por moedas, coas suas cariñas brancas con bágoas pintadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario