10 febrero, 2008

Domingo

O entroido rematou, deixándonos unha resaca amarga e reveladora. Non hai nada máis neste domingo soleado. Quizais todo o que perdimos polos camiños da felicidade. E tamén as derrotas. Nas máscaras deixamos os nosos soños prendidos, esquecidos como bonecas rotas que como único destino teñen verse cubertas de pó. Nas máscaras finalizou a nosa búsqueda, con resultados distintos. ¿Cales foron as vosas conclusións? Ainda queda tempo para reconstruir os pedazos dos corazóns que se quedaron rotos entre a pedra da cidade bulliciosa e embriagada. Bebimos. Con avidez, coma si cada tequila fose o último trago da nosa vida. No medio da xente, da música, das perrucas, dos chapeus...,no medio de todo, coa noite de testigo único das nosas miserias, o entroido convirtese nun inferno desexable que acaba por afogarnos nos nosos propios medos.
As revelacións poden conxelar unha mirada, ou partirnos en dous anacos o corpo , de súpeto. Gústame esaxerar cando conto as miñas derrotas, cando me fago por fin consciente de que perdín outra batalla, e que xa só queda saquear aos cadáveres -enterrar os corpos, chorar de rabia, de impotencia, de tristura sobre as tumbas aínda abertas- mentres agardamos un novo amencer que nos faga libres.
E cando un consigue levantarse do chan, rodeado de caos e de absurdo, cando o sabor que deixa o alcol no paladar despois dunha noite de excesos, é o único sabor que recordamos, cando te das conta de que a pesar de todo ainda respiras, entón, tes a única certeza de que quedan por diante mil batallas distintas que pertencen a mil guerras tamén distintas, nas que non vas acabar de morrer. Así se constrúe todo, coas poucas forzas que sacamos das entrañas cada vez que algo sae mal.
A pesar de todo, hoxe é un domingo soleado.

No hay comentarios: