Marzo arrancou no meu horizonte con momentos sumamente emotivos. Non quero convertir este blog nunha especie de diario sensibleiro no que vos aburra coas miñas andanzas, pero hai acontecementos que ás veces merecen unha mención especial, ainda que vós non podades entender os meus motivos.
Esta fin de semana fun á miña terra, a Vilalba. O motivo era ir a ver un mitin no que participaba a miña irmá como candidata polo Partido Socialista ao Senado pola provincia de Lugo. Ainda que estiven bastante alonxada de como se desenvolveu a campaña en Lugo, sentía que lle debía a miña irmá , polo menos, acompañala nun mitin. Así que o sábado pola tarde acudín cos meus pais e uns doce amigos ao auditorio da casa da cultura de Cospeito ( terra da miña aboa , da miña nai, e terra tamén da miña infancia) ao mitin. Miña irmá era o prato forte desa noite, pechou ela . Non quero neste momento falar de política, nin de programas electorais , nin de calquera outro dato da campaña. Era miña irmá a que falaba , ante un auditorio de amigos e veciños, na terra onde naceu e se criou, coas siglas detras do partido co que simpatizamos dende que temos uso de razón. O auditorio enteiro estaba conmocionado, eufórico, e os aplausos enchían o espacio. E eu, eu sentía sobre todo, un orgullo infinito. Estivo increíble. E non é porque o diga eu, non. Todo o mundo coincidiu no mesmo.
Busquei nalgunha ocasión o rostro dos meus pais, pero enseguida apartei a mirada, para evitar que os ollos se me enchesen de bágoas. E pensei no que sentiría entón meu pai, nese momento preciso , vendo como a súa filla era candidata polo partido que sempre él defendeu, vendo como toda a xente estaba estupefacta, pendente do que miña irmá dicía. E outra vez sentín orgullo. Esta vez por meu pai, polo ben que o fixo, e pola tranquilidade que me daba velo xa maior, sentado xunto cos seus veciños, vendo un mitin _ como tantas veces durante a súa vida- do Partido Socialista, pero esta vez coa diferencia de que era a súa filla a que falaba.
No hay comentarios:
Publicar un comentario