Chegada da primavera, fin da Semana Santa, volta á rutina. A primavera chegou con frío, con temporal de neve polo norte, e a miña Semana Santa remata coa morriña duns días pola marabillosa Francia. Foi chegar a Francia e namorarme xa dos franceses, tan guapos e elegantes, da súa forma organizada de pasar os días, da súa tranquilidade vital , que inevitablemente contaxian aos que visitan o seu habitat. Foi chegar a Francia e sentir que podería quedarme alí para sempre, sin botar de menos este país noso que non sei si nos tocou en sorte, ou ben o construímos nós á nosa imaxe e semellanza. E agora, con todo rematado, na mesma mesa de tódalas mañáns, despois do primeiro café do día, no bar de sempre, contando as miñas aventuras vacacionais ao entregado camareiro que cada maña me serve o café con leite cargado, como a min me gusta, teño a sensación de volver á vida despois dunha viaxe non tan longa como intensa. As viaxes abrenche os ollos, e fante un pouco máis libre. Pero tamén che mostran que hai outros mundos posibles, onde un pode desenrolarse como persoa, como traballador, como muller,como ser que habita o planeta nunha constante búsqueda de felicidade. Son hoxe máis feliz porque estiven nun mundo distinto, con xentes distintas, bebendo os minutos coma si a vida rematase no fondo de cada noite que vía morrer en Francia. Pero ao mesmo tempo, son máis desgraciada que cando marchei, porque sei que o meu espacio é este, e non é tan malo como para deixalo para sempre e buscar outro destino, pero tampouco é tan bó, como para saber que non existe un lugar mellor no mundo no que eu podería medrar como persoa, como traballadora, como muller, como ser que habita o planeta nunha constante búsqueda da felicidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario