29 octubre, 2008

Outono

Cabe demasiado desamparo nunha gota de choiva de outono. Hoxe non vou andar na procura de ninguén, tan só vou procurar atoparme a min mesma, non incomodar a ninguén, máis nada.
Teñen o seu encanto os días morriñentos, cando o frío te espabila e o cheiro a castañas evoca a túa infancia. Os troncos na chimenea , ardendo, tamén son a consecuencia dos valores polos que apostamos, con decisión. Pode un mercar unha caixa na que enterrarse en vida, con fiestras a un lucido patio de luces con roupa colgada, ou pode, pola contra, botar raíces na terra, en contacto coa natureza e coa vida. Son aínda nova para comprender estas cousas, pero comezo a intuilas con certa precisión. En outono sempre debería haber unha chimenea con troncos consumindose en chamas, sempre un camiño de terra con árbores perdendo as follas ao noso paso, sempre o cruxido desas follas secas baixo os nosos pes...
Díxome hoxe alguén que está a redescubrir o mundo ao tempo que parte leña cun machado na finca da súa casa. E eu comprendino perfectamente, non sei por qué, pero si que o comprendín. Ten sentido. Temén é unha intuición.E dende a miña mesa de oficina, dende a miña pantalla de ordenador, tiven unha envexa infinita por ese tronco ardendo na chimenea, por ese calor de fogar, por ese café que seguro estará tomando agora, á beira do lume, mirando pola fiestra o mundo que continua alleo ao silencio dese salón, desa inmensa felicidade que lle proporciona a reencontrada tranquilidade.

1 comentario:

Raquel Gulías dijo...

gracias por este relato.