13 agosto, 2008

Vivir na cidade


Folga de sol en Galicia, e en Pontevedra casi que nos da igual, porque estamos no medio das festas da Peregrina, e iso xa é suficiente. Onte a choiva deu tregua e os pontevedreses xa non pediron máis.

Eu busquei no xornal a ledicia matutina que me está permitida neste mes de agosto, cando a oficina é remanso de tranquilidade e escaparate das desgracias dos turistas, e atopei a nova de que van a rehabilitar o café Savoy , ese vello edificio que está no corazón da cidade e que leva pechado moitos moitos anos. A noticia fíxome cóxegas no estómago, unha ilusión pequena, casi persoal, que despertou os mecanismos das miñas nostalxias. Porque cando eu cheguei a Pontevedra, fai uns anos -deus, cómo pasa o tempo, seis anos xa- o primeiro café que me tomei nesta cidade foi no café Savoy. Ao pouco tempo pechárono, e dende entón o edificio foi pouco a pouco caendo no estado ruinoso no que agora se atopa. Pero eu lembro aquel primeiro café, cun vello coñecido , compañeiro de partido e amante antigo, dos tempos da universidade,que ao igual ca min caeu nesta cidade para quedarse.

No xornal cóntase que as obras comezarán en menos dun mes e que se manterá a muralla intacta, que Pontevedra recuperará ese espacio para o café e a tertulia, que tivo tanto éxito ao longo de décadas.



Na tarde de onte o ibuprofeno non me deixou moito tempo libre, dominoume por completo, e tan só me liberei do sopor medicamentoso que me tivo toda a tarde dormitando cara as oito da tarde, entón encendín a tele e tiven a sorte de atopar o partido de baloncesto de España contra China, en diferido. Sabía o resultado e ainda así casi acabo infartada. E nese intre din gracias por non velo en directo, non creo que fose capaz de soportalo. Ao final, o resultado foi o mesmo que pola mañá, cando chegaba ao bar nos últimos segundos, 85 España, 75 China. Polos pelos, no último momento e sufrindo moito, así foi a victoria de España sobre China. O mellor de todo , o sufrimento patriótico dun dos comentaristas, que lonxe de ir retransmitindo as xogadas, suspiraba, facía comentarios máis para si que para os telespectadores e daba ánimos en voz alta aos xogadores, como si o escoitasen. Tivo un toque de patetismo e un toque de tenrura. Así somos no fondo os españois ante os nosos deportistas, mirámolos con orgullo de pais cando triunfan e poñémolos a caer dun burro cando as cousas non lles van tan ben, deixandoos despois caer no máis triste dos olvidos.




O conflicto do Caúcaso parece que se resolve, o que non se sabe é si polo éxito diplomático da UE ou porque Rusia cumpliu os seus obxectivos e agora só lle interesa consolidar certos puntos que non estaban definidos antes do 6 de agosto. Esa é a gran dúbida, si realmente Rusia non estará utilizando á UE como instrumento consolidador das súas estratexias, entre elas a de poñer a integridade territorial de Osetia de Sur como un tema que se debe debatir internacionalmente, e non que dependa únicamente de Georgia. Eu de dereito internacional non entendeo moito, certo, pero o que si queda claro é que coas medidas coas que voltou Sarkozy baixo o brazo como condición para poñer fin ao conflicto, pretenden ir máis alá da situación existente antes de decretarse o estado de guerra, o que beneficiaría sobradamente a Rusia, e a UE contribuiría a ese fin.



No hay comentarios: