Onte choveu sobre Pontevedra, gotas de choiva tormentosas que me trouxeron recordos da infancia, cando nos meses de agosto, miña irmá máis eu, saímos ao prado que está á beira da nosa casa , pola noite , a mirar ao ceo durante horas, dispostas a contemplar a choiva de estrelas de agosto. Lembro que eran as noites húmidas, despois das pequenas tormentas de verán, cando por fin escampaba, cando mellor se vían as pequeas estrelas fugaces surcar o ceo de agosto como veloces cometas que nos enchían de felicidade. Pasabamos sentadas no prado, en cadeiras de xardín, horas e horas, e ao fin, voltabamos para a casa, con dez desexos -os días máis afortunados- no corazón e vinte babosas subíndonos polas pernas. Cheiraba a noite de verán, a herba mollada, a frescura. Os soños íanse desgranando a medida que aparecían estrelas, e a noite dilatábase na conversa entre as dúas nenas que éramos entón- miña irmá máis eu- felices e con todo o futuro por diante.
Hai outros agostos na memoria, que pesan como ferro sobre as entrañas, pero hoxe o día amenceu con ledicia no meu rostro. Escoitei falar de Mauritania, do manotazo á democracia que supuxo o golpe de Estado, e encolleuseme un pouco o espíritu pensando no fráxiles que son as cousas , no que dependemos da política e en como inflúen as decisións dalgúns na vida de tantos. E logo foiseme a ollada á noite de onte , cando escoitaba coma cada mércores a Gustavo, esta vez xa recuperado da voz, cantando a miña canción, esa que sempre lle pido e que él me regala cando se lembra. "Que tu no me quieras no me importe tanto..."e tantas outras verdades que di nas súas letras, sempre con optimismo, como si a vida se salvase nas súas propias contradiccións e a música puidese resolvelo todo. Onte tiña máis forza que de costumbre, onte estaba eufórico e contaxiaba a súa euforia. E logo, fixeime en "Fly", o percusionista , grandioso e discreto, que non perde nin un segundo o ritmo. E en Jose, o negro que desliza os seus dedos polo teclado como si lle estivese dando caricias. Mírame de reollo, ás veces tímidamente agasállame cun soriso, e incluso aproveita a mínima ocasión para falarnos. Unha amiga que sempre me acompaña asegura que él ten os seus motivos, quen sabe.
Hoxe despertei contenta, sí. Con bicos antigos grabados nos beizos, e os seus cabelos rubios e rizados facéndome cóxegas nas entrañas. Sei que o amor está a un paso, que só teño que deixar de ser racional e amarei a ese home por riba de calquera entendemento. Pero xa non teño idade para encoñamentos sin pensar. E os seus cabelos non me namoran tanto como para esquecer que os amores non correspondidos son un pozo sin fondo que só conduce á desesperación. E qué vos importa, xa o sei. Sin embargo despertei contenta. Gustoume a choiva lene sobre a cidade, refrescando os nosos soños de antaño, renovando o noso espiritu, limpando o noso ollar na medida do posible.
No hay comentarios:
Publicar un comentario