Estado de Alarma, día dous. Chove, xa non neva sobre Vilalba. No ecuador da miña mañá intrascendente todavía non se perfilou un novo día, un domingo no medio dunha ponte na que eu decidín fai días non coller un avión, nin ir a ningures, nin facer nada que non fose quedar na miña casa, na miña aldea, rodeada das cousas cotiás que me recordan á infancia.
Agora penso que foi unha sorte tomar a decisión de cambiar Amsterdam (era o destino escollido) pola aldea e non estar cos billetes na man, cun día perdido e na procura polos ventanillas dos aeroportos dun voo que me permitise disfrutar dos restos dunha viaxe casi totalmente frustrada. Foi unha sorte decicir meterme cinco días na cociña da casa dos meus pais, e dedicarme casi exclusivamente a ler blogs e xornais en internet, e a acariciar ás noites ás páxinas da novela de Pablo Núñez, que me agasallou cunha dedicatoria preciosa, con tinta e corazón.
*
Hai mercado no pobo. Baixo a choiva , sábeno ben os gandeiros, a feira desfaise, e todo se convirte de bar en bar, achegándose a hora de comer, nun asubío lene de voces que repiten entre viño e viño "a feira non valeu nada". Eu agardo chegar a ese momento da xornada no que a feira desfeita xa acolle os seus restos na calor dos bares onde a xente bebe tazas de viño ou curtos de cervexa mentres falan de política , de fútbol ou do tempo. Agardo a hora dos "viños" para construír o rumbo dun domingo que na aldea parece un día longo e extraño.
*
Rubalcaba non sae da pantalla, está en tódalas cadeas de televisíón soltando a mesma parafernalia sobre o caos aeroportuario e que non vai voltar a suceder. Eu confío nel. E extraño pero defendo a medida adoptada, un estado de alarma sin precedentes. Rubalcaba move os labios en tódolas cadeas de televisión, fai tempo que non o escoito, que non di nada novo, que non me interesa.Normalidade, responsabilidades, aena, cancelacións, controladores...Son palabras que se convirten nun eco de fondo que se mezcla cos sons da cociña, como a choiva fóra petando contra as fiestras. Chupa cámara este Rubalcaba, anda que non. Menuda ponte tiveron os ministros -dixo miña nai. Pero eu pensei, polo menos non se aburren, están liberando adrenalina a chorros e facendo historia a golpe de decreto e man de ferro. Si o pensas ben, incluso hai nesta crise dos controladores e no xeito de enfrentala que tivo o goberno algo de erotismo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario