11 junio, 2010

A Guerra Comercial

No século XXI podemos distinguir tres modelos capitalistas diferentes que compiten entre si. Por un lado, o sistema que ten EEUU, chamado sistema liberal, no que o goberno se mantén desimplicado da economía e é a clase corporativa a que dirixe a economía á súa conveniencia. Esto implica a existencia dunha clase traballadora que carece de influencia no goberno á hora de obter protección mediante leis laborais, protección da renda ou subsidios sociais.
Foi precisamente esta estratexia competitiva , este modelo de economía capitalista o que levou a EEUU ao rexurdimento económico. As innovacións tecnolóxicas e a mellora nos procesos de produccción contribuíron ao rexurdir económico, pero o factor máis importante foi a capacidade para obter máis traballo dos traballadores a menor custo. Esto levou a que a finais da década dos 90 as condicións laborais en EEUU experimentasen un cambio que se traduce en recorte de salarios, recorte de prestacións como o seguro de enfermidade, temporalidade no emprego, ampliación da xornada laboral, etc...
En Europa continental encontramos un modelo capitalista ben distinto, representado especialmente por Alemania e Francia como principais potencias, o denominado sistema corporativo, no que a clase corporativa e a clase traballadora, de acordo co goberno, chegan a un pacto no reparto de poder, de modo que o goberno contribúe a organizar a economía e protexe os intereses de tódalas partes. Un elemento central deste sistema son uns sindicatos poderosos e unhas leis laborais que limitan a capacidade de acción das élites corporativas na economía e no sistema político.
Este modelo Europeo trazou como estratexia competitiva a unificación económica coa creación da Unión Europea. A idea é que a cooperación económica entre as nacións da UE fará máis eficiciente e competitivas as súas economías , primando as axudas ao benestar e desemprego, con salarios máis xenerosos, traballadores que disfruten de máis beneficios e xornadas laborais máis curtas.
O reto ao que se enfrenta Europa coa creación da UE como estratexia competitiva é o de, sin deixar de lado as súas medidas de protección social e sen reducir o benestar da clase traballadora, competir coa estratexia conservadora dos EEUU.

O certo é que nas últimas décadas, as principais nacións industriais, con sistemas capitalistas corporativos, vense presionadas a aceptar o desafío económico estadounidense e o seu modelo económico. O que estamos a vivir nestes días, trátase precisamente disto, de competir co modelo de economía político que se erixiu como máis competitivo na economía global ,e para facelo a única maneira parece ser recortando tamén salarios e subsidios e creando máis desigualdade. E dicir, estamos inmersos no medio dunha guerra comercial a gran escala na que o coñecemento tecnolóxico, a súa aplicación e as formas máis eficientes de organización socio-política- económica teñen agora a importancia que tiñan os tanques , os acorazados e as bombas de principios do século XX.


Nesta guerra comercial, enfréntanse os tres modelos comerciais coas súas armas diferenciadoras. Deixando a un lado o terceiro modelo, o asiático, que constitúe a auténtica ameaza para o modelo capitalista liberal, neste momento é a zona euro a que se atopa en perigo frente á presión do modelo liberal.
O sistema corporativo europeo, co estado social de benestar que o caracteriza fracasou, e Europa ten que buscar a maneira de recuperar a súa gobernanza, nun intento de voltar a ser competitiva económicamente. De momento a UE non consegue impoñerse ás forzas do mercado estadounidenses e parece plegarse aos mandatos destas forzas, co que isto implica de renuncia ao estado social.

Os países da zona euro , sumerxidos nesta guerra comercial, están lonxe de poder continuar competindo nun mercado global dominado pola economía estadounidense e teñen ante eles o reto de rendirse ao modelo imposto polas élites económicas globais ou reformar o seu modelo capitalista corporativo tratando de salvagardar a defensa dos dereitos dos traballadores e o estado de benestar, buscando ao mesmo tempo mecanismos de crecemento económico que lles permitan competir dentro da economía mundial.

Pero entre tanto Europa parece que se atopa paralizada ante esta irrupción do FMI nos seus gobernos e nas súas economías e non consegue reaccionar cunha política común na que tódalas forzas políticas eurpoeas se poñan de acordo para buscar unha estratexia de gobernanza propia e non a imposta polos mercados externos.
Estamos inmersos nesta guerra e levamos todas as de perder. Os gobernos europeos perderon o mando a favor das forzas do mercado e parece que vamos cara ao sistema imposto polo FMI, sistema que ten demostrado o seu éxito para os mercados globais, co que supón de perda de dereitos laborais e sociais, así como o aumento da desigualdade.

As reformas laborais ás que se ve forzado o gonerno de España nestes días son un exemplo do que relatei arriba. Veñen estas medidas impostas polo FMI e escapan por completo das estratexias competitivas ou de goberno dos políticos españoles.

Para comprender mellor isto, cómpre aclarar de qué falamos cando falamos do FMI. O FMI trátase dunha institución internacional que protexe e fomenta os intereses dunha clase corporativa global. E unha especie de banqueiro para as crisis que presta cartos aos países con problemas para evitar que se afunden as súas economías e perxudiquen a outras nacións da economía global.
O FMI está dirixido por esta clase corporativa que son os que marcan aos países receptores de axudas as reglas do xogo e as súas visións de cómo debe funcionar o capitalismo.
Si a esto engadimos que o "pacto entre cabaleiros" que existía dende a Segunda Guera Mundial, cando se crearon tanto o FMI como o Banco Mundial, entre a clase corporativa estadounidense e a europea para o reparto da presidencia destas institucións , se rompeu dando como consecuencia que ambas institucións están dominadas pola clase corporativa estadounidense, é obvio que nestes momentos, o goberno dos asuntos dos países da zona euro está en mans destas élites corporativas das EEUU.

No hay comentarios: