Recén chegada de Madrid, ainda coa ollada sobre ese ceo claro que se divisa dende a fiestra do piso dos meus amigos, unha luz tan distinta como familiar, tan pura como entrañable e recoñecible. Voltar a Madrid é voltar a esa mesma luz , voltar ás sobremesas tranquilas , tomando café e falando de todo un pouco, coas bromas sutiles adornando o ambiente; "nosotros los intelectuales..." Hai tempo para casi todo en Madrid, porque o tempo estirase, roubanselle horas ao sono e a rúa convirtese no escenario principal. Cañas, paseos, terrazas, teatros, tendas de museos, (museos), metro, metro , metro...Madrid sempre é unha festa e eu son a invitada principal , a estrela da fin de semana, con anfitrións de luxo e cariño a mans cheas.
Madrid é outro mundo. Nun teatro de verdade unha obra de verdade, desas que che encollen as entrañas, que che fan medrar queiras ou non, que non sabes si te ensanchan ou te aniquilan, que non sabes si son para ben ou para mal...Platonov, esa obra dun Chejov no seu primeiro momento, coa súa esquizofrenia particular, cos seus temas e as súas obsesións. Durante as casi tres horas que dura a obra ,vaite envolvendo dese vértigo espeso, un desasosiego que medra a cada minuto, ao tempo que as personaxes se definen.
Agradece unha o teatro así, ao grande , dende un palco maxestuoso, sentindo que estás asistindo a un espectáculo que non se atopa en calquera esquina. E teatro de verdade, con actorazos e un público entregado ao drama dende o primeiro momento.
Todo se queda algo empequenecido despois dunha obra así, como si a vida quedase suspendida por unhas horas, a mente exhausta tras ese tempo de vértigo e agonía. Custa repoñerse, voltar á rutina do noso século, das nosas preocupacións, das nosas vidas normais nun sábado normal no que nos agardan bares e amigos.
Ainda hoxe andamos a darlle voltas a experiencia, como si todavía non acertasemos a colocar as sensacións no sitio preciso para que non nos fagan demasiado daño. A loucura non é tan extraña a nós como creemos, está por todas partes e acechános ao dobrar calquera esquina. O amor, o odio, a traición, a deseperanza, a inxusticia, a febre...,a dor , a morte en vida...
No hay comentarios:
Publicar un comentario