09 marzo, 2009

Luns 9 de marzo do 2009. Intento recuperar a miña ansia de escribir, por puro parcer, e tamén para pensar e pensarme, para desafogarme tamén dalgún xeito. Estiven algo triste - teño que confesalo- algo ausente, algo despistada. Estiven , quizais sexa a forma máis exacta de dicilo, algo morta. Demasiadas distraccións erróneas que tampouco é que me aportasen demasiado. Pero hoxe, quero recuperar o espacio que deixei baleiro de min, recuperar o modo de sentir e de respirar, no fondo, recuperarme un pouco.
***
Luns, 9 de marzo. Quedou atrás o desencanto, esa xornada gris da democracia que me tinguiu a alma de desesperanza. Pero cada vez que desperto, que me enfrento a un día novo, é un reto vivificador, que en certo modo sinto que necesito. Logo está a esperanza que traen os primeiros raios de sol sobre a pedra das cidades, e a herba nova que resplandece, e as primeiras margaritas...Teño saudade de mil primaveras pasadas, e ao mesmo tempo poño nos vindeiros días todas as miñas expectativas. Non estou namorada, e iso, teño que recoñecer que é unha gran putada, incluso peor que o amor non correspondido. Porque cando asoma a primavera tímidamente por entre as esquinas dos días, e o teu corazón non anda revolto dende a mañá ata a noite, parece que estás morto ou adormecido. Eu son cabezona e oblígome a sentir, obrigo ao meu corazón a que se encolla coa luz dunha mirada azul. que temble coa caricia dunhas mans de sobra coñecidas, que palpite desbocado cos bicos de sempre...Eses bicos...Despois disto, quizais non quede nada.
***

No hay comentarios: