23 diciembre, 2008

Voltar

O Nadal é a estación de voltar. Voltar ao lugar onde nacemos, de onde saímos un día, onde as nosas raíces nunca acaban de extinguirse por completo...Así voltan a Pontevedra os pontevedreses de toda a vida, que por calquera motivo tiveron que partir un día lonxe da súa terra da infancia. Voltan orfos da caricia lastimeira das avoas e dos paseos pola Ferrería, dos interrogatorios en cada esquina "qué tal tu mamá? ", da calma chicha dunha Pontevedra que durme tranquilamente ao tempo que se peatonaliza e se cubre de farolillos. Así voltou Julito, por exemplo, encollido de frío -no sur non petan tanto as xeadas- un pouco máis pálido e con esa ollada tan súa de canciño triste.
Voltou Paco á Coruña, desexoso de cariño familiar , ainda que en apariencia renegue de tal cousa. Cos seus compañeiros de viaxe, sempre xuntos , tamén no Nadal. E voltou á Coruña tamén Xacobe, para estar con Román, e recuperar na súa risa a risa perdida de cando tamén él era un neno. E voltarei eu a Vilalba, á compaña quente da Chispa e do Kiko, aos amigos entrañables que te reciben con bicos e abrazos que lles saen de dentro, ás comidas ricas de mamá servidas co xesto cercano e preciso dos que te queren sin pedir nada a cambio, incondicionalmente e sin dar tregua.
O Nadal é a estación de voltar...

No hay comentarios: