25 octubre, 2009

Un domingo como calquera outro, unha hora menos e máis nada. Din unha volta polos diarios dixitais e púxenme triste, ás veces a actualidade é demoledora, máis cando unha ten a sensibilidade a flor de pel. Hoxe síntome verdadeiramente mal, un malestar físico, que me cabrea, que me saca das miñas casillas.
Vou ir ao cuarto de baño e meterme na bañeira ata que casi me quede sin respiración polo vapor da auga quente colapsando o ambiente.Vou apretar os botóns que fan que a auga saia a presión polos buratiños laterais da bañeira, esos chorros que din dan unha masaxe mentres che golpean o corpo sin tregua. Vou deixarme ir nese mergullo de auga moi quente, nese hidromasaxe que adormece os sentidos cando unha non quere pelexarse máis con esta vida, con esta tarde dos mil diaños, dun domingo calquera.
Hai outono e hai moscas. Moitas. Non chega o frío nin cesa a choiva. A bañeira agarda por min. Ao final sairei cansa e apática, máis se cabe. E sin gana botarei crema hidratante por todo o corpo, e tentarei peinar o cabelo sin arrancalo todo de raíz, e vestireime sin presa, con calquera camiseta que se asemelle a este domingo, nin bonita nin fea, algo estirada polo uso, algo incómoda a pesar de ser da miña medida, algo triste para un día coma o de hoxe.

No hay comentarios: