Lentamente outubro
sobre os días rutinarios,
cando non encaixan as pezas
deste rompecabezas
que somos ti máis eu.
Lentamente o tempo
sobre o escenario,
a vida sobre a carretera
mollada, outra vez a choiva,
outra vez o corazón
agrio e a memoria ferida.
Chove, é o único que sei,
e que ti non estás aquí,
que quizais sempre foi así,
esta maneira extraña de
pasar as estacións...
Lentamente outro mes,
outra vez a alarma do
teléfono móbil para despertarme
sin saber moi ben que sucederá
despois, cando na rúa se iluminen
as farolas, e sexa luns, e haxa que voltar
á oficina, ao supermercado...
Supoño que o outono
se parece a esta sensación,
nada relevante, nada que dicir,
nada polo que loitar contra xigantes.
Fun muller, balea, soldado,
heroe, nena, bruxa, raíña...
Fun tantas cousas
baixo o sol de setembro que
agora non encontro a maneira
de voltar a ser eu.
De voltar a ser o que fun.
No hay comentarios:
Publicar un comentario