Non pretendo descubrir en Marzo tódolos segredos do mundo. Nin siquiera pretendo ir a máis nas miñas estúpidas pretensións. Tan só un pouco de paz e ao mesmo tempo un pouco de realidade. E marabilloso poder resgardarse no cine cando a vida non che da segundas oportunidades, cando o amor se resiste a aparecer e os teus nervios están a xogarche malas pasadas. Así devoro películas cun apetito que non parece deste mundo, e tan só isto, sentarme frente a unha pantalla de televisor ou de ordenador, e acumular historias que me van enchendo o corazón doutras vidas que non se parecen en nada a miña, é o único prazer que atopo nestes días grises que transcurren demasiado lentos.
Decidín sentarme unha vez máis á beira do camiño, por dous motivos ben diferentes entre sí. O primeiro porque hai cousas que simplemente non dependen dun mesmo, contra as que non se pode facer nada, máis que esperar e levalas do mellor xeito posible, mentres as correntes non mudan de dirección. O segundo, porque o amor é demasiado caprichoso e non sempre nos brinda a felicidade en bandexa. Fixeime -coma sempre- no home equivocado, e ante dous "non" determinantes e contundentes, decidín non tirar a toalla, senón esperar un pouco. En parte porque non teño nada que perder, e en parte tamén, porque neste momento non teño nada mellor en qué pensar. Polo tanto , aquí estou, sentada á beira do camiño consumindo cine con voracidade casi enfermiza e soñando na posibilidade de que algún día, non moi lonxano, algo poida sairme ben.
No hay comentarios:
Publicar un comentario