09 diciembre, 2009

Mércores que se asemella a un luns calquera en case todo, menos na profunda nostalxia que queda nas pálpebras despois de catro días de ponte afastada da nausebunda oficina. Caeume a casa sobre as costas onte á noite, ao chegar de volta da cidade milenaria de pedra e soños , agardando furtivos por entre as esquinas da súa plaza Mayor.
Trouxen a maleta chea de humidade e de recordos humildes, deses nos que unha se pon a pensar e non teñen relevancia algunha, pero que sin embargo construén un entramado de ledicia interna, que deixa un poso de melancolía nos beizos e na ollada. Eses pequenos recordos que se traducen en rúas e bullicio, en brisa na cara, en bares e edificios monumentais...
Queda na retina a viaxe e doe un pouco voltar ao mesmo escenario de cada día, esa rutina morna que non remata nunca e que acaba por anestesiarnos sin pudor. Non chove, nin fai frío, só a ameaza do nadal á volta da esquina me fai estremecer. Quero durmir as horas todas que me quedan ata que esqueza que o amor é unha quimera na miña realidade. Quero borrar esta morriña que cheira tanto tanto a Salamanca e que non me deixa casi respirar. Quero que remate este mércores que acaba de comezar, que se asemella tanto a un luns e que me devolve á miña realidade dun xeito demoledor.

No hay comentarios: