O Nadal é un estado de ánimo, así que cada quen o vive como lle peta, e vale perfectamente o dito aquel de que cada un fala da feira según lle vai nela. A liña psicolóxica divisoria, que marca o inicio do Nadal está situada para a maior parte dos mortais no día 22 de decembro, xusto ás 9 da mañá, cando da comezo o griterío de voces dos nenos de San Ildefonso, nun intento de cantar a nosa fortuna escrita nunha boliña. Pero os vilalbeses temos a nosa maneira particular de marcar as liñas divisorias, e o Nadal comeza en Vilalba non coa chegada do Gordo, senón coa feira dos capóns. Os capóns, para quen non o saiba, son pitos gordos, criados nun caixón á medida e alimentados dun xeito especial e atroz ata provocarlles todo tipo de enfermidades cariovasculares, que según os expertos, fan da súa carne algo exquisito e excepcional. Vamos, que son pitos criados dun xeito cruel.
Claro que ás veces o Nadal da comezo nas primeiras ceas de empresa, nesas primeiras borracheiras entre compañeiros de traballo ou grupos de amigos que rematan en bicos roubados e polvos furtivos , dos que todos finxen arrepentirse ao mencer. Pero o máis intelixente sería sen dúbida que o Nadal non comezase nunca, para non ter que sentir de golpe o desexo inexplicable de lanzarse á rúa na procura - sempre contra reloxo- dun agasallo calquera para cada membro da familia. O importante xa non é acertar, senón mercar o que sexa con tal de que se poda cubrir cun papel de cores e un lazo brillante. O Nadal é tempo de compartir, de felicidade, de amor...Ja. O Nadal é tempo de consumismo , de hipocresía e quizais con sorte, tempo de vacacións.
Pero a min, ainda que pareza o contrario, gústame o Nadal. Cómese máis marisco que en todo o ano, bébese champán sin remordimentos, ( en xeral bébese de todo sin excusa e sin remordimento) e pode un cometer erros imperdoables noutra época do ano, que no Nadal sí lle serán perdoados.
O amor tamén anda máis atolondrado que de costume, como unha enerxía extraña que o empapa todo. Eu namoreime fai anos nunha cea de nadal de compañeiros de traballo; outra vez namoreime nunha festa de fin de ano, e outra vez consolidei unha relación imposible nunha madrugada do día un de xaneiro á calor da chimenea na casa da miña avoa.
Agora, metida xa de cheo no chollo, non sei cómo afrontar o que me agarda: a saturación familiar, a saturación de azúcares e graxas, a saturación de alcol e de resacas, a saturación de colonias sin marca regaladas por parentes lonxanos...Pero a min, ainda que pareza o contrario, gústame o Nadal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario