27 abril, 2009

M.

Hai encontros que non se equiparan a ningunha outra cousa, persoas que ao coñecelas te enchen de luz, e nese intre preciso do coñecemento séntese unha maxia especial. Tiven un destes encontros o venres , no Congreso extraordinario dos socialistas galegos. Da man dun dos meus mellores amigos chegou ata min unha muller excepcional coa que compartín non só unha noite de festa inesquecible senón unha sobremesa atípica ao mesmo tempo que fantástica.
Coñecín a M. o venres pola noite, e o sábado pola mañá ,cando me atopei con ela de novo nun plenario cheo de socialistas soupen que ía quedarse na miña vida para sempre. O feito de que ma presentara un dos meus mellores amigos era un bo comezo pero non garantía suficiente para construír unha amistade, pero sin embargo, o xeito no que se achegou a min ao día seguinte confirmou as miñas sospeitas dende o principio. Logo sentamos nun bar baleiro, e deixamos discurrir a tarde entre cervexas e conversa e risas, non matando o tempo, senón ganándolle a batalla ao mundo dun xeito espectacular. E ela dixo que era feliz, e supoño que non mentía porque eu tamén o era, e non facía falta moito máis.
Na rúa da Oliva despedímonos, cun abrazo longo e as verbas máis fermosas que xamais me dedicaron " fuiste lo mejor del congreso".
Sempre que acontece algo así, que fai que se me remova por dentro algo, recobro un pouco a confianza e síntome satisfeita. Foi unha longa fin de semana na que aconteceron demasiadas cousas, moita xente, moitos minutos cheos de política, e moito entrar e sair , subir e baixar, conversas nos pasillos, saúdos rápidos e bicos hipócritas e bicos sinceiros. E no medio de todo ese barullo do congreso, e da noite tamén longa que chegou detrás dun xeito natural, M. veu a mostrarme que en calquera lugar, incluso no lugar menos esperado ,podes atopar unha persoa que merece a pena, e que che devolve un pouco a esperanza no xénero humano.

No hay comentarios: