20 enero, 2009

Hoxe é o gran día


Hoxe é o gran día. Bush deixa a Casa Blanca, ou mellor dito, chega -por fin- Obama. Quizais isto é o peor, o risco maior que corre Obama, o de xerar tanta esperanza, o de ter ao mundo enteiro en vilo, coas esperanzas de futuro postas nas súas mans. Un gran reto, demasiado quizais para alguén que tan só é un home. Pero os cidadáns do mundo enteiro, neste caos no que nos vemos sumerxidos, coa economía global índose a pique, todos teñen a ollada fixa neste novo heroe negro que se nos antoxa como un salvador do noso tempo. Obama corre o risco de defraudar a moitos, e seguramente o faga, porque é moito o que se espera del. Pero hoxe non é momento para dúbidas, para perder nin pinga de ilusión. Ten por diante unha empresa marabillosa, a de devolver a confianza e a tranquilidade a un país aflixido pola crise, defraudado completamente polo anterior presidente.

Obama chega hoxe á presidencia dos EEUU nunha cerimonia cargada de simbolismo e cunhas medidas de seguridade propias dunha pelicula de ficción. A esperanza chámase Obama, e eu hoxe non quero deixar ningún resquicio para o pesimismo. Roosevelt tiña por diante unha gran tarefa e non defraudou, máis ben o contrario, cubriu sobradamente as expectativas que se puxeran nel. Agora chega un novo home e eu quero pensar que é posible, que Obama non vai fallarnos .

Asistimos a un día histórico, un acontecemento que será recordado e estudiado durante xeracións. Hoxe , coa chegada de Obama á Casa Branca, todos facemos historia.

1 comentario: