18 enero, 2009


Creo nos domingos con choiva, non me queda outra. Aquí temos un, ampliando a súa horizonte sobre as nosas cabezas, sin ningún tipo de piedade. Creo nos catarros que se alongan máis alá dos invernos, que non a hai nin frenadol nin couldina que os aplaque. Creo no desamor sentido a flor de pel, como unha besta sanguinaria que nos devora as entrañas nas noites de xaneiro. Creo no infortunio da rutina, nas crises económicas e nos escaparates das cidades con grandes carteis anunciando rebaixas inexistentes. Creo, en definitiva, neste día gris que non acaba de atopar o seu sitio no meu escenario particular.
Teño un carraspeo na gorxa que me fai sentir viva, si, sei que vivo porque o malestar xeral que sinto no meu corpo non lles está permitido aos mortos. Non son un morto en vida , e eso por de pronto alégrame un pouco. Non son unha sombra, tampouco. Son os restos da miña felicidade perdida. Levo o inverno ás costas e non vexo moitas espectativas de que que as cousas vaian mudar nos vindeiros días. Pero, albergo unha esperanza.

De madrugada chegoume unha mensaxe ao móbil, contundente, brutal. "GRIS". Era o berro desesperado na noite dunha alma solitaria e ferida, que buscaba , nun intento casi romántico, chamar a miña atención. Pero o meu corazón fíxose pedra nos últimos meses, de xeito involuntario, tamén teño que dicilo. Homes que nunca me quixeron procurando amor a través de sms nunha noite de sábado na metade de xaneiro. Faime algo de gracia, a verdade. E irónico, esa procura do amor despois de esnaquizarme o corazón en mil pedazos e a conciencia. Un tras doutro, sin remordimentos, con certa naturalidade noxenta , con soberbia e crueldade. Un tras doutro, regalándome desamor a feixes, para ,cando todo está xa roto e acabado, buscarme desesperadamente no medio dunha madrugada calquera na que a soidade apreta máis que de costume.



Creo nas segundas oportunidades, nas fiestras abertas para deixar entrar o aire fresco e o bullicio da rúa. Nas estacións intermedias. Na nostalxia infinita...Pero conservo ainda un pouco de dignidade, a mínima quizais que deben de albergar os seres humans, pero a suficiente para non sentir nin pinga de piedade polos solitarios que hoxe se lembran de min. Eu fixen da miña soedade unha luva á miña medida, síntome reconfortada e quente no discurrir das horas sin amor, e ainda que ás veces boto de menos un bico apaixonado que me desperte os sentidos, non choro a miña desamor polas esquinas.
Os domingos invitan á depresión, ainda que a min casi todo me invita a ela dun xeito impúdico e malicioso. Estou farta de escoitar noticias desagradables pola radio, pola televisión. Farta de ler xornais, de escoitar conversas nos bares sobre as desgracias deste mundo. Reconfortame saber que hai persoas , nesta precisa hora do día, que se están lembrando de min, que quizais me queren un pouco e me botan de menos. A vida é iso, ao fin e ao cabo : ir perdendo amores polos camiños e recollendo nostalxias que non desaparecerán nunca.
Chove, sinto unha extraña punzada de esperanza. Quizais non todo esté decidido.

No hay comentarios: