Sempre pensei -xa dende nena- que o tempo en Cospeito era como un tempo detido, como si de pronto os minutos corresen máis lentos, acompasados ao ritmo das cousas e non ao revés. Sempre foi coma unha parada , como un descanso da vida cotiá. Porque alí non chegan os ruídos do mundo e todo xira dun xeito distinto e mesmo os momentos de ocio, as conversas, os paseos e as comidas teñen un sabor distinto a calquera outro. Pensei sempre que pousar os pés en Cospeito de cando en vez era un exercicio necesario, como unha terapia de relaxación para eliminar o estrés das rutinas diarias. Pero agora quizás comezo a mudar a miña percepción e comezo a crer que quizais sexa ese o ritmo que debería ter a vida. Que quizais non sexa a excepción esa quietude, senón a maneira en que deberían acontecer as cousas. A tranquilidade dunha vida entre veciños que conversan no bar, que se xuntan nas casas, que se coñecen e que respetan as súas miserias...Unha vida á marxe do que sucede nas grandes capitais, na que a globalización só chega a través da televisión encendida, pero que non importa demasiado. Porque importan os pequenos problemas daquela convivencia de pobo pequeno que loita pola súa supervivencia.
Díxeno unha vez medio en broma "Cospeito é un bó sitio para vivir", e agora esa frase cobra cada vez máis sentido e máis realidade. A vida tal vez sexa eso, e máis nada. E non vexo agora algo tan aloucado trasladar os meus soños e as miñas inquedanzas á pequena casa da Tina, como lle chamamos á casa na que nos criamos a miña irmá máis eu, e comezar de cero nese micromundo no que o tempo vai máis lento e a tranquilidade é un distintivo de calidade. Mudar de lugar, aproximándome ás raíces, e deixarme querer por ese home que leva anos declarándome o seu amor si florituras nin exceso de romanticismo. E plegar a miña existencia a ese ritmo que ten o encanto dos pobos e da natureza en carne viva. E rememorar en cada paso aquela infancia, os veráns na casa da Tina, os paseos á lagoa, os churrascos na terraza da miña avoa, os xelados no bar do Bautista...A vida era feliz cando eu tiña seis, sete, oito anos...e podería ser feliz agora tamén. Plantar eu a mesma horta que plantaba a miña tía, e levantarme cada mañá e abrir a mesma fiestra da infancia, e respirar ese aire e escoitar aos paxaros e nada máis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario