"Pontevedra é capital. Anulación do decreto xa". Este é o lema que os colectivos e asociacións convocantes da manifestación decidiron para o encabezamento da protesta contra o decreto da Xunta polo que se crea un segundo delegado autonómico da provincia, con sede en Vigo. A manifestación partirá da praza da Ferrería as 20:30 horas do día de mañá e rematará en Campolongo, frente ao novo edificio administrativo da Xunta.
Sen dúbida é mañá unha ocasión perfecta para saír a rúa na defensa da capitalidade de Pontevedra, ou mesmo como medio de protesta contra o novo goberno do PP en Galicia, ou quen sabe, como forma de manifestar a animadversión a Feijoo. Sexa como sexa, ver saír á cidadanía pontevedresa á rúa, unida tras unha pancarta que reza "Pontevedra é capital" é algo tan insólito como extraordinario. Mañá non haberá cores nin bandeiras que distingan a uns pontevedreses dos outros. Mañá Pontevedra paseará as preciosas rúas da cidade defendendo o que máis gusta aos pontevedreses, eso ao que sempre se aferraron os cidadáns desta vila fantástica que respira aires de pobo polos catro costados. Pontevedra é capital. E ahí si que lles tocaron a fibra sensible aos pontevedreses, que xa non entenden nin de dereitas nin de esquerdas; as ideoloxías diluénse nun debate que lles toca de cerca e que lles doe. Pontevedra é ante todo e sobre todo a capital da provincia. Do que os pontevedreses presumen e do que senten orgullo. E nin que sexa un Feijoo recén elexido nas urnas quen leva a cabo a reforma serve de excusa a unha Pontevedra que vota maioritariamente ao PP para aplacar a súa furia cando ve que dende o goberno se ataca o seu ben máis preciado.
Eu non son pontevedresa, e o certo é que renego dabondo desta cidade e mesmo dalgunhas das súas costumes máis arraigadas (eso que se chama "de pontevedra de toda la vida") pero estou cos pontevedres nesta loita pola territorialidade e en contra do decreto, e penso que mañá, ainda que non podo asistir á manifestación, estarei de corazón con toda a cidadanía. Vai ser fermoso ver unha manifestación de pontevedreses defendendo o seu con uñas e dentes, con pancartas e sen ideoloxías. Porque no fondo o que prima é a esencia das cousas: Pontevedra é capital.
1 comentario:
Miña Pontevedriña Fermosa...é capital! ( home,claro)
Publicar un comentario