A min dixerónmo unha vez con certo grao de solemnidade "Cospeito é un bó sitio para vivir", e eu creino só en parte e creei de coña un grupo no facebook que se chamaba exactamente así no que loubaba esta terra miña á que de cando en vez me gusta voltar uns días. Pero voltar uns días non é vivir, e vivir ben sei que é outra cousa. Máis nestes días , instalada por completo na paz dunha casiña situada no pobo de Feira do Monte, a escasos metros dos humedais máis importantes de Galicia, a Lagoa de Cospeito, e baixo os últimos raios de sol dun agosto que nos vai deixando paseniño, comecei a comprender ao tempo que experimentaba en carne propia que efectivamente Cospeito é un bo sitio para vivir. Pero non só para vivir, senón tamén para atopar certa felicidade, unha felicidade conformada a base de calma e natureza, de relacións reais a flor de pel, como soen ser as relacións coas xentes do rural. Aquí non só teño á miña familia, senón unha rede de amistades e relacións que se foi tecendo a través do tempo e mesmo da distancia (eu que marchei estudar fóra e nunca voltei máis que cunha maleta nas vacacións ou algún fin de semana) que se consolida a cada paso e que sabe unha que é a máis pura das verdades deste mundo. Porque hai cariños que se constrúen en días extraños, en conversas longas nos bares entre cervexas e tapas de tortilla, en paseos por camillos de terra, en charlas baixo unha pravia nas tardes de verán nun domingo calquera no que alguén se puxo a picar xeo no chan cunha botella para facer caipirinhas ...E hai relacións que se fan sólidas sin casi pretendelo, a base deses azares que nos pobos pequenos son tan fáciles como inevitables.
Nos bicos de sempre pódese atopar unha tranquilidade distinta , e ulir o aire limpo pola mañá ao abir a fiestra contribúe a esa mesma tranquilidade. O tempo móvese lento no reloxo e a vida é máis vida baixo o ceo desta marabillosa terra de Lugo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario