Preciso imaxinar paraísos posibles, en lugar de revolcarme nesa merda chamada nostalxia, os paraísos perdidos...a infancia, por exemplo. Porque tódalas infancias teñen algo de paraíso, ainda que sexan de todo desgraciadas: neso consiste a maxia de ser neno, na ollada optimista, na inocencia pura. Pero ¿ onde buscar? Hoxe busco nas teclas do ordenador como nunha sorte de camiño á felicidade dun xeito intuitivo. O día ten a mesma cor doutros días de xaneiro, e mesmo o meu corazón marca o mesmo ritmo (rutinas dun marcapasos que non responde ás miñas inquedanzas) ,pero eu teño que mudar a cara deste xoves que se me presenta como un túnel que conduce a unha morte agónica e inevitable. Morrerá o día entre as mantas e un programa de televisión, e eu morrerei tamén un pouco máis..., e así ata que remate a miña vida toda, sin deixar memoria atrás, nin legado, nin pena.
Hoxe resístome a esta sorte. E por eso busco nas teclas , no roce suave do teclado baixo os meus dedos ansiosos e ansiolíticos. Tiven fai pouco un momento de felicidade, efímero e verde, así foi. Logo pasou o tempo como unha condea, ata hoxe.
Si puidese tomar drogas, tomaría tódalas drogas do mundo. Comezaría hoxe, xa de mañá, a primeira raia de cocaína acompañaría ao primeiro café do día. E así conseguiría saír de aquí e ir a ese outro lugar : un sofá blanco nun salón baleiro cun amplo ventanal...A cidade paralizada e a chuvia amable, por unha vez. Quero instalarme sempre nese mesmo escenario, e naquela sensación tranquilizadora. O amor ten que ser algo semellante a unha felicidade rutinaria, que non se percibe na gorxa pero que está ahí, diferenciándonos do resto dos mortais. Porque ninguén é feliz ou infeliz máis que cando o comparamos cos outros. A relatividade, qué cousa. Si o amor non é rutina, non é amor. Sin embargo eu non concibo o amor máis que colgándome das lámparas ( esa expresión...), todo tan magnánime, tan pleno, tan excesivo...
Busco e non atopo. Deixo de escribir, sin máis. Non aparecen eses paraísos...quizais porque non existen. Queda un día por diante, unha vida enteira por diante...un sofá blanco no medio dunha estancia baleira, cálida, infinita...Unha cidade que se parece a tódalas cidades cando ti estás aquí...Esa é a clave: sempre a mesma cidade e sempre a mesma voz, onde sexa que ti habites e me queiras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario