Lonxe da tristeza do domingo, hoxe é un día distinto, quizais porque pasou a chuvia, quizais porque renuncie a determinados soños imposibles, e eso, tranquiliza moito. Cando un asume a renuncia como única salida posible, acaba por instalarse nunha nada reconfortante que se parece moito a unha sedación. Todo é mellor ca morrer nun tormento de insatisfacción e loita que parece non rematar nunca...A renuncia, dirán moitos, é de cobardes ,pero eu ao tempo que fun cumplindo anos funme dando conta das miñas posibilidades e vexo na renuncia , moitas veces unha especie de rebeldía e mesmo de superación. Non é fácil abandonar soños polo camiño e aprender a non sufrir ante o que esto supón de fracaso. Logo , a nostalxia...porque os soños incumplidos , aos que renunciamos definitivamente, deixan un regueiro de nostalxia , tan tanxible e espesa como a nostalxia dos acontecementos máis memorables da nosa existencia. Chega un momento en que todo é memoria, e todo doe por igual, o que foi e o que non puido ser, e é xusto esto o que eu pretendo evitar. Que non me doa o que non puido ser, o que nunca será por máis empeño que eu poña en conseguilo.
Cos anos aprende unha tamén a facer maletas cada vez menos pesadas, a soltar lastre e mirar á infancia como si se tratase dunha patria perdida...Hoxe aspiro a un café con prensa e unha viaxe tranquila á miña aldea...Chegarei á noitiña, e cearei na cociña cos meus pais. Será unha noite normal na que aparentemente todo estará no seu sitio, no lugar de sempre...Nisto consiste a vida, nestes xestos cotiás que resolven a infelicidade dun xeito sinxelo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario