Dende o pesimismo non se poden tomar decisións, tampouco dende o medo, e menos ainda dende o vértigo. Cando o vértigo se instala nas cousas cotiás só se contempla no estado de ánimo un bloqueo cognitivo que nos impide pensar con claridade, que nos impide reaccionar de xeito adecuado. Estou sumerxida nese vértigo, espeso e nauseabundo, e non consigo encontrar o atallo que conduce a unha saída posible.
Tampouco axuda moito o ocio ao que me estou abandonando, esas películas e eses libros que devora unha cando non atopa sentido algún na realidade, na procura dunha pouca de luz en forma de respostas. Cando o que escollemos para encher o noso tempo non é de todo adecuado, corremos o risco de agravar o noso estado de vértigo de maneira profunda e debastadora.
Comecei a ler de novo (por terceira ou cuarta vez) 1984, e deixei a lectura a medias porque o meu corazón non podía soportalo. Ainda así non me resistín de todo e vin a película que se fixo sobre a novela de Orwell, para quedarme despois anclada tristemente nesa imaxe visual terrrible, repetitiva e claustrofóbica , de Smith regresando do traballo á súa cochambrosa morada polo medio dunha cidade chea de lixo e escombros, cun raído maletín na man, uniformado cun mono azul. Non son moi dsitintas as cousas ao panorama que Orwell plantexa na súa novela: ese estado totalitario que aliena e esclaviza ás persoas quitándolles incluso a humanidade.
Cada mañá acudo a pé ao traballo , e nese camiñar crúzome cada día con máis de cen persoas que van tamén aos seus traballos. Tódolos días á mesma hora vexo os mesmos rostros, ateridos de frío nas madrugadas de inverno, apáticos, dóciles , perfectamente axustados na engranaxe deste sistema totalitario no que vivimos. A diferencia co sistema que recrea Orwell está en que a nós encúbrennos este totalitarismo coa forma teórica da democracia. O poder que nos domina non é un Gran Hermano tal e como o entendía Orwell, senón o mercado e a sociedade de consumo na que vivimos instalados. Somos esclavos do consumismo, e o que é peor de todo, dun xeito que escapa da nosa vontade. Porque o capitalismo e o consumismo anidan nas nosas conciencias ao igual que o amor ao Gran Hermano acaba por anidar no corazón de Winston Smith. Acabamos aceptando esta sociedade consumista porque consiguen que pensemos que é o mellor para nós, que nisto consiste o "estado de bienestar". Comprar cada vez máis e mellor. A superación persoal non existe máis que entendida como superación material, ter máis cousas , ser cada vez máis rico, e na medida da riqueza que alcancemos, ter cada vez máis poder. O poder, ao igual que plantexaba Orwell, basease na posibilidade real de moldear as vontades dos cidadáns e poñelas ao servizo dun sistema que beneficia só a uns poucos. Estamos nesa mesma engrañaxe , ir ao traballo para conseguir cartos para mercar o que nos mandan que merquemos, o que nos din que necesitamos. A nosa vontade está anulada. O noso tempo pertence ás empresas, o noso ocio está en mans das mesmas empresas que nos explotan. Compran o noso tempo para que nós compremos con eses cartos os produtos froito do noso traballo a un precio desorbitado. Produtos que non necesitamos e que non temos tempo de disfrutar. Produtos que caducan e perden o seu sentido e reclaman ser sustituídos por outros...
Hoxe non teño as claves para saír desta encrucillada. Sei que estou atrapada na trampa, coma todos, e o pesimismo impídeme ver unha saída posible. ¿Outro mundo é posible? Hoxe creo que non, que Orwell tiña razón. Existe o Gran Hermano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario