A existencia confórmase de pequenos momentos, anacos de tempo que acaban por facer unha vida. Así de sinxelo. Con optimismo maio floreceu ao tempo que o sol fixo a súa aparición estelar e todo cobrou unha armonía distinta, que xa me era necesaria, por certo. Decidín que as cores me animaban por dentro, que era máis feliz vestida con cores alegres e os beizos dun vermello intenso. Dirás que che parecín moi "hortera", pero tamén era eso o que pretendía: un pequeno brillo artificial que combinase ben co meu soriso de maio. Quero que saibas que hoxe pensei en ti, tanto...que nunca te farás unha idea real do tempo que dedico a pensarte. Claro que tamén teño tempo para pensar noutras cousas, e mesmo para namorarme noutros camiños que non conducen ao teu portal. Simplemente hoxe sentín a primavera dun xeito abraiante, a brisa suave con cheiro a verán , a rúa bulliciosa, os soños expectantes dende o primeiro minuto do día...E no medio de todo, estabas ti, sempre ti, facéndote notar sin apenas facer ruído, nun susurro...Logo chegará outro día sin luz, quizais chova e mire pola fiestra como as gotas de auga se estrellan nos cristais e forman regos que eu seguirei co dedo ata velos morrer, e así , gota a gota, lembrarei que noutro tempo te amei e fun feliz. Logo será tarde para casi todo o que teña que ver co amor, pero agora, agora sinto ganas de comerme o mundo en horas libres, de facer piruetas co destino e desperdiciar soños apostando por causas perdidas. Son unha incrédula que se resiste ao pesimismo dos tempos que corren, polo menos hoxe. Quizais mañá me pilles nun mal día e che diga que non hai remedio, que todo acabará mal e que non temos salvación posible. Pero hoxe, sóbrame alegría para repartir, e a ti quero darche casi toda a que me sobra, e que te empapes conmigo...e que sintas que este momento é tan máxico como poidas imaxinar.
Maio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario