11 febrero, 2009


Cando era nena quería ser enfermeira cando fose maior. Os soños dos nenos soen estar máis ligados a outro tipo de profesións, como astronauta, bombeiro, piloto de avión...eu que sei. Pero eu tan só quería ser enfermeira, quizais porque ese era entón o meu mundo, rodeada sempre de agullas, camas de hospital , tubos, cables, probas médicas de todo tipo...Non fun unha nena infeliz, estaba enferma e os hospitais conformaban parte do meu escenario diario. Eu admiraba as profesións de médico e enfermeira, nese momento vía neles aos únicos garantes auténticos do meu futuro. Detrás dunha bata de médico vía sempre a un amigo que ía cuidarme e sempre me deixaba facer ,con paciencia e do xeito máis valente do que era capaz. Falaba cos médicos con naturalidade, e sempre lles ofrecía sorisos a cambio de xarabes apestosos ou pinchazos nos brazos. Admiraba aos médicos e as enfermeiras dun xeito marabilloso,e os meus xogos sempre estaban conformados por ese ambiente de hospitais; convertía o meu cuarto nunha sala chea de bonecas enfermas, co seu goteiro, as súas medicinas, e eu convertíame nunha superenfermeira que ía curalas a todas.

Os nenos son agarimosos e agradecidos. Logo ,coa idade volvemonos rencorosos e deixamos de valorar as cousas na súa xusta medida. Adoraba aos médicos porque deles dependía a miña saúde, a miña vida, e comprendía que non eran eles os que me causaban dor. O olor a hospitais sempre me facía evocar antigas amistades, compañeiros de habitación cos que compartira conversas coas luces apagadas cando a febre daba tregua. E logo, unha medra e olor a lexía, ese que sempre asociei aos hospitais, faime recuperar un pequeno anaco da infancia.

Non me fixen enfermeira, e no fondo, cando busco nas cinzas da nena que fun, dame moita mágoa non levar adiante aquela vocación obrigada que eu tiña. Pero elas eran as miñas autenticas fadas de conto..., e de vez en cando cómpre recordalo.

No hay comentarios: