14 febrero, 2009

Asunto : poema de febreiro


Trátase dunha breve historia, a dun home que recibía cada día primeiro de cada mes un poema no seu correo electrónico, un poema inédito, feito especialmente para el , e que ninguén máis -salvo ás persoas que el quixese mostrarllo- o coñecerían. Os poemas enviaballos unha moza que estaba tola de amor por el, pero isto é o de menos. O caso é que este home un día primeiro, do mes de febreiro do ano 2009 , ao abrir o seu correo para ler o seu poema mensual atopouse coa sorpresa de que na súa bandexa de entrada non se atopaba ningunha mensaxe que se calificase como "asunto: poema de febreiro". Trala sorpresa inicial que esta nova lle produxo, entrou nun estado de nerviosismo pouco haitual nel. Tomou unha aspirina ( como nunca entraba en estados de nerviosismo non tiña pastillas para tal mal) e decidiu agardar un anaco frente a pantalla do ordenador, poida que ela se retrasase un pouco por cousas do traballo, ou por unha febre repentina polo sol dos últimos días. Agardou. Os minutos caíanlle enriba como si llos fosen tirando cun contagotas, lentamente e de seguido. Púxose a navegar por internet nun intento de distraer a atención do goteo constante de minutos. Comezou con cousas sinxelas, blogs de amigos, os xornais dixitais, algunha páxina de contactos ...Cada certo tempo voltaba á súa bandexa de entrada na procura do ansiado "asunto: poema de febreiro", pero este non acababa de entrar. Cando os seus nervios comezaron a xogarlle unha mala pasada, cando xa esgotara casi todalas posibilidades que lle brindaba internet, cando xa nin siquiera quedaba páxina porno que non visitara, caeu na certeza de que compría tomar unha decisión. Ao tomar unha decisión, calquera que fose, templaríanselle os nervios, sen dúbida. Así que púxose a pensar niso. ¿Qué podía facer? , ¿ qué podía facer si o poema ao fin non chegaba?


Esa idea destrozaballe as entrañas. Esa idea era simplemente inadmisible. O poema de febreiro chegaría. Quizais non o día un , nin o día dous, pero chegaría antes de que se dese conta. Só tiña que ter un pouco de paciencia e agardar. Esa foi a decisión que por fin adoptou, agardar diante da pantalla do ordenador o tempo que fixese falta.



O goteo de minutos fíxose denso , mareante, producíndolle un vértigo extraño que ata entón non coñecía. Ansiedade, suor frío. Pero a decisión estaba tomada. Así que decidiu tomarlle ventaxa ao tempo e aproveitar a espera en cousas útiles. Matriculouse en varios cursos on line, e cando xa tivo varios títulos dunhas trescentas horas cada un pensou que o mellor sería facer unha carreira. Fíxose abogado pola Uned, e logo decidiu optar por outras ramas, máis científicas, ainda que aquí as posibilidades da universidade a distancia eran máis limitadas. Con todo conseguiu vencer aquel malestar agónico que lle producía o goteo de minutos , e casi acabou por adaptarse a esta nova situación que decidira levar ata o final. Por suposto que supuxo un gran cambio na súa vida, vivir pegado á pantalla dun ordenador, comprando só a través da web, lendo día tras día todo tipo de información contradictoria e moitas veces disparatada, sin ver a luz do día, sin durmir, sin relacionarse con ninguén máis que a través do mesenger. Pero si finalmente acaba chegando o poema de febreiro ao seu correo electrónico, todo o esforzo merecería a pena.



Dixen que a historia era breve e xa me estou alongando demais. O home decidiu agardar polo poema, e tomada a decisión tan só lle quedaba mirar para adiante. Diante a súa pantalla de ordenador viu pasar a súa vida, minuto a minuto, hora a hora, día a día, ano a ano...Ninguén sabe canto tempo estivo así, agardando, co único contacto co mundo a través de internet, sin perder nunca nin pinga de esperanza. Por suposto que pasou o mes de febreiro do 2009, e tamén pasou febreiro do 2010, e do 2011, e ningún mensaxe na súa bandexa de entrada puido lerse nunca coa lenda de " asunto: poema de febreiro".

No hay comentarios: