28 julio, 2015

De bailes agarrados


J. voltou. Fíxoo dun xeito extraño, con máis determinación ca outras veces, quizais consciente de que esta vez ía en serio o de deixalo correr para sempre. Non era nada novo o de deixar de falarnos durante un tempo, pero agora…era distinto. E deuse conta. E non me deixou demasiada opción. Cando se decatou de que as explicacións e os perdóns non ían valerlle de nada, fixo o único que podía salvar aquel momento. Colleume da man. E só dixo “voy a sacarte de aquí”. E eu, que non esperaba nel esa contundencia, deixeime arrastrar, porque no fondo era o que máis desexaba naquel instante. E entón xa éramos nós. Fumos ao baño e entramos xuntos, como o fan as amigas. No de cabaleiros. El suxetou a porta mentres eu me desfacía da última cervexa que tomara. E falábamos. Ao saír soaba unha bachata e quedamos a bailar naquel local. Nós, bachata. Por favor ¡¡ Pero alí estabamos, e soupen xusto nese intre que aquela noite era a noite dos asuntos pendentes.
Eu nunca fun moito de bailar agarrado. Pero sempre hai un tempo para cada cousa, e este verán está resultando todo un descubrimento no que respecta ao baile con parella. Ten perigo este tipo de baile. Primeiro porque hai moito roce de mans, de corpos, de corpos que van sentíndose felices e suorosos ao mesmo tempo. E onde hai suor hai feromonas aloucadas que fan das súas. Logo están os ollos, pendentes dos ollos do outro. Para seguir o compás. E os ollos falan. Falan de máis ás veces. E a cousa está totalmente perdida cando te esqueces de que estás nun bar, de que te estás deshidratando, de que saíches tomar unhas copas…Cando só bailas. E nen a mexar te atreves a ir. Para non romper a maxia do baile.

No hay comentarios: