Cando vexo como se suicidan as cinco irmáns Lisbon sempre penso o fácil que é conducir a un adolescente cara o abismo, e sempre lembro a mesma historia que unha e outra vez me contou meu pai sobre unha veciña , a súa particular nena Lisbon á que non puido esquecer a pesar de contar xa con 75 anos. Meu pai era un adolescente, da idade da rapaza, algo máis novo quizais. Ela era filla única e vivía cos seus pais nunha casa moi preto da do meu pai. Os seus pais eran analfabetos e brutos, e puxéronse como obxectivo na educación da súa filla protexer a súa honra ata o infinito, custase o que lles custase. Eran outros tempos, non necesariamente se ía á escola, e a vida da rapaza trancorría entre as catro paredes da súa destartalada casa chea de miseria e as leiras ás que ía traballar de cando en vez acompañada dos seus pais.
Como na película, a rapaza da historia real que me conta meu pai, era fermosa e tiña sonos que ían máis alá da aldea e da opresión e brutalidade do seu pai, quería vivir, e mesmo namorarse. As veces, meu pai pensa que se conformaría con ir tan só a algunha das festas da aldea cun vestido novo, como facían tódalas rapazas. Era outro tempo , sí, pero os corazóns dos adolescentes deben latexar do mesmo xeito en cada tempo e en tódolos lugares do mundo, e a nena fermosa que meu pai amaba en segredo non se debía de distanciar moito de Lux.
Meu pai -igual que os nenos que narran a historia na película- atopou o cadáver e quedouse con esa imaxe na retina para sempre. Ao lado da corte dos cabalos había un portalón que daba a un cobertizo onde garndaban aparellos e comida para o gando, tamén durmía o can. Alí, naquel portalón , atopou meu pai, en pleno día , o corpo pendurado da rapaza pola gorxa, coa roupa máis nova que tiña. Non deixou ningunha nota, nin se despediu de ninguén, tan só prolongou a súa xuventude para sempre e deixou unha nai enferma dos nervios ata a morte.
O portalón segue igual despois de tantos anos, a corte dos cabalos, a casa de pedra...E meu pai segue vendo o corpo da adolescente pendurado ,xa frío , cos ollos abertos.
O pai da nena era moi bruto -segue sendo, porque ainda vive- e despois do suceso tivo a ben moitas veces desfacerse de cans da caza por capricho ou por maldade, que ben sendo o mesmo, e non topou mellor maneira que tomar da súa filla a idea. Colgou no mesmo portalón varios cans sin estremecerse. Meu pai atopou unha vez alí colgado un can mouro que levaba pouco tempo na casa do veciño. Púxose tolo, como si algún ser demoníaco se apoderase del e despois de descolgar o can do portalón, correu na procura do veciño e ensañouse con el que ata tiveron que quitarllo ou desfacíao.
Meu pai non é un home violento, máis ben todo o contrario, é un home pequeno e afable que gosta da tranquilidade. Agora, cada vez que conta a historia da rapaza fermosa que se colgou na aldea porque o seu pai non lle deixaba saír, engade que el viu no can a imaxe mesma da rapaza, e sentiu que era o pai quen a colgara, quen acabara indirectamente coa súa beleza e a súa xuventude, coa súa vida ao fin.
No hay comentarios:
Publicar un comentario