Volto a este blog como quen volta ao fogar despois dunha longa viaxe que non foi de todo complacente. A vida non sempre sae ben e ás veces o tempo de ocio convértese nunha especie de inferno persoal do que non sabemos como escapar. Bótalle un a culpa ao tempo, esa excusa para todo, que si chove, que si fai demasiada calor...e así , xullo e a climatoloxía irregular cargan coa responsabilidade dun presente construído a trancas e barrancas, como si o único relevante no día a día fose se fai vento ou sol.
Non quero caer nese erro, quero asumir que simplemente non soupen facelo mellor, pero coa esperanza de que todo pode mudar de aquí en diante. E por iso, volto.
Xullo remata con noticias suculentas, políticos corruptos que parece que van pagar polos seus delitos, expresidentes que dan a nota en traxe de baño e que saltan á palestra polos deméritos dos seus tempos de gloria, bebés de dúas cabezas...Hai festas por toda Galicia, e pérdese un entre tantas opcións, pero o caso é fuxir de Pontevedra e da súa "festa nacional", esa masacre que se cumple como un ritual inevitable catro veces ao ano. As touradas moven xente, cartos..., din que son positivas para a economía do concello, que son parte mesma da cidade e que potencian o turismo. Aos detractores ninguén os escoita, coma si non existisen. E no fondo, creo que nonos escoitan porque non fan o suficiente ruído. Nos anos que levo vivindo en Pontevedra dinme conta de que aquí, a "festa nacional" é intocable porque gusta a case todo o mundo. Algúns -hipócritamente- afirman non estar a favor da matanza dos touros na praza pero din que lles gusta o cachondeo, o bullicio que enche a cidade na festa "das peñas". Pero é que a festa das peñas xira en torno as touradas, e admitir as peñas é admitir que cada ano morran nesta cidade 24 touros , mentres un público exaltado e cheo de xúbilo celebra esa tortura.
Nunca estiven en peñas, e nunca vou estar. Porque si estou en contra das touradas, estou tamén en contra das peñas taurinas e da festa que se debuxa co seu pretexto.
Trátase, dicía, de fuxir. Non importa demasiado a onde, o verán abre fiestras onde se pechan portas, e sempre hai un mencer novo para pensar de xeito diferente.
Bárcenas tivo que dimitir -por fin- ao seu pesar e detrás irán outros. O home das mil derrotas , ese Rajoy que non se rende, acabará quizais algún dia sendo presidente pero pouco lle durará a ledicia, e mesmo o poder. Será lembrado como ese mastil que resiste erguido mentres a tempestade arrasa todo ao seu arredor. A política é o que é : ese xogo de pillos que queren convencernos de que todo o que fan é polo noso ben, mentres asistimos impasibles ao espectáculo de ver como medran as súas contas correntes. A democracia peligra , polo menos a súa credibilidade, cando uns rouban e prevarican con total impunidade , burlándose da xustiza e co beneplácito do voto cidadá. En Valencia e Madrid segue arrasando o PP nas urnas, que tamén gañou as europeas. Da vértigo. E en Galicia -nunca máis Galiza- Feijoo gana adeptos e puntos coa súa imaxe de austeridade, esa capa de pintura que lle quixo dar á Xunta, para que todos crean que fixo unha auténtica renovación.
Chegaron os cen días, e sobre a mesa propostas, acordos, ordes , proxectos de lei...E todos contentos porque Feijoo é un tipo moi cercano que o primeiro que fixo ao chegar á súa nova vivenda foi ir tomar un viño ao bar máis cercano. E verémolo por Cambados no Albariño, e por Pontevedra na praza de touros deixarase fotografiar con Rajoy e Louzán, e seguirá levando flores alí onde a súa figura sexa ben vista, onde haxa unha boa oportunidade de sacar a foto.
Cómo cambia a política as cousas. No meu traballo os xefes xa falan castelán - cousas do bilinguismo- e os que quedan do "antigo réxime" aferránse aos sillóns cos dentes, pisando cabezas si fai falla para manterse erguidos un pouco máis. Esa maldade tonta, pequena, que ensombrece as vidas das persoas humildes e que fai ensombrecer tamén as causa nobles. Ese "todos son iguais" que desmoraliza e fai que os pobres perdamos a esperanza. A administración en época de cambio político é coma a merda remexida, cheira moito. Supoño que pasa en tódolos lados.
Logo cómennos a cabeza coa crise, que si o peor xa pasou ,que si o peor está por vir...E o único que percibimos é unha psicose extraña que nos cubre de melancolía. O gripe A traslada o problema do paro, xa non importa o traballo si á volta da esquina me espera o virus ameazante. A vida é unha ruleta rusa, a alguén lle vai tocar palmar. Supoño que o que prevalece , nestes tempos grises, nos que o verán se pon do lado da adversidade, é o pesimismo. E nonos queda outra que seguir adiante, ainda que sexa respirando fatalidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario