23 marzo, 2011

A nova Pontevedra 2.0


Non se trata do título dunha película feita na casa, senón do programa electoral co que Telmo Martín ( PP) pretende acadar a alcaldía de Pontevedra en tan só dous meses.

Telmo, dende a barreira, non é so un político que desplega un atractivo natural dende o seu corpo formino e a súa ollada azul senón que se convirte nunha especie de mago ou deus que promete pouco menos que facer realidade a miragre dos pans e os peixes.

A gran promesa electoral é todo un soño para unha sociedade en crise que agoniza nas listas do INEM, nin máis nin menos que a creación de 5000 postos de traballo. Relacionado con este obxectivo tan esperanzador está o plan de actuación que denomina " o emprego do futuro" no que a peza clave parece ser a dotación de pizarras electrónicas para as 374 aulas de Pontevedra.

Comeza A voz de Galicia a contar a noticia cunha frase moi significativa: "Telmo Martín se sacó ayer de su chistera un nuevo proyecto político..."; porque este programa non pode máis que sacarse como un coello dunha chisteira por arte de maxia.


"A nova Pontevedra 2.0" é un proxecto amplo e ambicioso á altura do que Telmo Martín nos ten acostumbrados nas súas campañas electorais. Grandes obras forman parte do mesmo, como o bulevar do Lérez soterrando o tráfico entre o mercado e o Gremio dos Mareantes, unha praia na zona onde actualmente se ubica Ence, soterrar as vías do tren entre a zona da Seca creando un corredor verde, eliminar o tráfico da plaza Galicia cun túnel entre a plaza da Liberdade e Eduardo Pondal creando un novo espazo urbán en superficie de 20000 metros cadrados, cun primeiro sótano dedicado a áreas de ocio, zonas comerciais, pistas de xeo, rocódromo e pista de karts, e un segundo sótano con 575 plazas de aparcadoiro para residentes.



O candidato a alcalde do PP en Pontevedra non sorprendeu co seu proxecto urbanístico alonxado dos programas electorais tradicionais aos que nos teñen acostumbrados a maioría dos candidatos. El non se conforma con folletos propagandísticos cargados de dereitos e promesas que non se concretan en grandes obras de enxenieiría e urbanismo, e así, no seu afán de facer as cousa ao grande fala tamén en " A nova Pontevedra 2.0" de dúas liñas de transporte urbán no centro con minibuses eléctricos e un teletaxi compartido a prezo dos billetes de autobús.

Porque Telmo non fai simples promesas electorais senón que debuxa sobre o papel toda unha cidade reconstruída, futurista e utópica na que Pontevedra pasa a convertirse na nosa imaxinación nunha especie de parque temático no que todos os cidadáns estaremos contentos movéndonos con facilidade baixo terra , patinando sobre xeo por plataformas inmensas, bañándonos en praias idílicas a escasos metros da Peregrina e cun posto de traballo para cada persoa e unha pizarra electrónica por neno. Nunha cidade ideal como a que propón Martín non nos queda outra aos cidadás que sucumbir á feliciade plena.


Co único co que Telmo Martín non conta é con que esta utopía literaria e urbanística xa a plantexou fai catro anos e os pontevedreses tiveron a ben moverse na realidade tanxible das promesas posibles, que si ben non configuraron durante os últimos catro anos un panorama de ensoño, non constituiron unha tomadura de pelo.

Pero Telmo é perseverante e terco na súa maneira de dirixirse aos votantes, aos que debe imaxinar como homes e mulleres ignorantes e carentes dun mínimo de entendemento, e preséntase unha vez máis ante eles como un vendedor de fume que ofrece paraísos virtuais imposibles a cambio de votos co propósito único de convertirse en alcalde non polo ben de Pontevedra e dos seus habitantes,senón como dixo nunha entrevista fai algún tempo, polo prestixo que tal cargo lle outorgaría.

No hay comentarios: