25 junio, 2015

O verán en bosquexos


Ando nestes días na  procura dun pasatempo para as tardes de verán. Non está nada decidido, ainda que xa teño algunha idea rondándome a cabeza.  Pensei en facer bosquexos. Si. Facer pequenos debuxos nun block, apenas debuxos inconclusos, trazados a lápiz, de calquera forma ou obxecto que se presente ao alcance da miña vista. Non penso ir a tentas. Merquei un libro que me vai guiar na aventura, e dunha primeira lectura xa saquei a conclusión positiva de que debo disfrutar da inconcreción das formas, das figuras pintandas tan só a medias. Disfrutar de facer bosquexos.

E pareceume unha metáfora perfecta para o verán. A vida en bosquexos, tan só esceas inacabadas, sentimentos indefinidos…trazos lixeiros, volátiles, imprecisos…O verán en bosquexos. Sen a preocupación de ter que ver a obra rematada, disfrutando da lixeireza de cada composición, dos momentos imperfectos que non conducen a ningures, que mesmo morren no intre no que son trazados, no que son vividos. Disfrutando dos erros cometidos a cada paso.  De cada bico que se perda nun só trazo. Mal definido. Inacabado. Bosquexo que xa non serve para nada. Máis que para disfrutar do momento no que se estaba a pintar. Facer bosquexos. Tan só.

No hay comentarios: