08 diciembre, 2014

Foi un abandono, e teño que recoñecelo sen poñer excusas. Pasei de escribir porque fixen outras cousas, pero a verdade é que non fixen cousas moito mellores que escribir. E agora, cando decembro se precipita cara o Nadal ás presas, eu tomo unha vez máis a firme determinación de voltar a este blog con certa regularidade. Vouno intentar, polo menos.
***
Non podo falar de amor. Non me sae. Estou cansa e xa non me quedan recursos aos que agarrarme para non caer de cheo na negrura da miña realidade sentimental. Así que, decidín o sábado pasado, cando despertei con esa dor de cabeza dos mil diaños que só traen as resacas mortais, reanudar aquela sana costume que tiña de facer de cando en vez, cando sentía que estaba a piques de tocar fondo, o meu ramadán particular. 
Estou xusto nese momento no que as bágoas afloran xusto á porta do after, antes da última cerveza da madrugada. Son unha borracha triste, que se deprime porque lle pesa a vida, ou sente que lle pesa a vida, cando as copas foron demasiadas. E cando unha toma a conciencia exacta desta tristeza trasnoitada, nada mellor que facer unha retirada a tempo. E nesas estou. O meu ramadán particular. 

No hay comentarios: