25 octubre, 2013

Fin de semana de outono


Vou pasar a fin de semana enfrascada na lectura do meu último descubrimento: Thomas Bernhard. Quizais me pase por un concerto hoxe, sin demasiadas expectativas, e logo poñerei rumbo a Vilalba para meterme detrás da cociña e ler mentres de fondo escoito a televisión, co volumen demasiado alto porque meu pai xa non oe moi ben. A pereza é a viaxe, porque logo , unha vez alí, o tempo detense e a vida discorre distinta, como si estivese noutro planeta, por suposto moito máis amable.
Nas aldeas sempre se cociña rico, pero cando vou, mamá fai o imposible para deleitarme, e prepárame á carta o que máis me gusta. Hoxe apetécenme cogumelos. Pensando nos cogumelos estou xa ansiosa porque chegue o día de mañá para verme sentada á mesa , quentiña na cociña, comendo coa familia. Despois de comer, parecería que cada un vai ao seu, porque papá vaise inmediatamente para a cama -o tratamento que toma manteno sempre agotado e sonnoliento-, mamá ponse a dormitar deitada no banco da cociña , miña irmá conectase nunha esquina da mesa ao seu portátil e o meu cuñado ponse uns auriculares e ve calquera serie de moda no seu ordenador, tamén sentado no banco da cociña. E eu, que nunca levo o meu portátil cando vou a Vilalba, séntome  diante da televisión e finxo ver calquera película mala de Antena 3 mentres simplemente disfruto da calor da cociña, da casa, da familia...

No hay comentarios: