20 julio, 2012

A prima de risco -que ata fai un ano non sabía nin que existía- convertiuse agora na miña principal preocupación. E o de hoxe xa non hai quen o aguante, que a min faime falta o novo marcapasos incluso para enfrentarme ao feito de ler tal cifra dun artigo, sin chegar siquiera a reflexionar sobre o que tal dato significa. 606 foi o último número que quixen reter na memoria deste venres negro , despois de que onte España enteira saira á rúa a berrarlle a súa indignación e o seu descontento ao goberno. Os mercados apretan ,e afogan, e un vaise acostumbrando a camiñar cara o precipicio ao tempo que segue coas súas rutinas como si nada, como si no corredor da morte , unhas horas antes da inxección letal , un preso se preocupara de renovar o carné de conducir ou matricularse na universidade para o próximo curso.
E nisto se convetiu a nosa existencia, en vivir na rutina de días que son unha montaña rusa, na que cada día afondamos un pouco máis, na que cada día perdemos un pouco máis. Os pobres, só os pobres.
Miña irmá sae da ducha e mentres eu seco o pelo dime como si tal cousa que a prima está en 619 -creo lembrar- e seguimos ao noso, sin cambiar a expresión.
*
Vou desconectar este fin de semana , por saúde mental, da situación do país, dos ministros , dos recortes, da voz chirriante e burlona de Montoro, da prima, do rescate...E comezo a facelo merendando pan con chocolate, nun intento de voltar á infancia, a aquel paraíso onde nada malo podía suceder, e si sucedía, alí estaba a familia para resolvelo. Voume meter de cheo nesa burbuxa construída da morriña da infancia, dos mimos de mamá, a praia e verán , e a falta total de responsabilidades que acompañaban a aquelas vacacións eternas, de cando éramos nenas.
*
Teño xa dabondo co meu, o despido, a operación ,a demanda , os puntos que se negan a disolverse, a dor...As veces sorpréndome ao atoparme a min mesma nesta situación e tan estable, tranquilamente tirada ao sol lendo unha novela, allea ao mundo e aos meus problemas, casi feliz. Como o día mesmo da operación, cando unha hora antes de que tiveran que vir a buscarme para levarme ao quirófano, lía tranquilamente o xornal na saliña de estar da miña planta do hospital. Supoño que só así se pode sobrevivir ao infortunio, plantándolle boa cara á máis negra realidade.

15 julio, 2012

Fin da semana

Hoxe remata esta semana e parece que o sólo feito de que así sexa e sigamos ainda vivos é xa motivo de pequena felicidade. A semana foi tráxica por mor dos nosos dirixentes, que se cebaron cos pobres nun ataque aos nosos dereitos, aos nosos recursos, á nosa dignidade mesmo , deixándonos dun plumazo ao borde da supervivencia.
Que non lle quedase outra ao presidente que adoptar tales medidas, permitídeme que o poña en dúbida, pero dende logo o atentado maior, que trascende o feito en sí e nos leva máis alá do sufrimento ao que nos condenan é o desprecio da bancada  que tal como romanos no circo coreaban e vitoreaban a un Mariano que se ía cada vez máis ensañando co seu pobo. Os diputados do PP perderon o norte, ou xa eran así, e non fixeron máis que mostrarse como son, xa postos todos a quitar as máscaras. Esto é o que votástedes, e aquí nos tedes, felices, aplaudindo a vosa miseria e a vosa humillación, porque somos fortes, e ricos e nunca iremos a un comedor social na procura dunha cena quente nin faremos cola ás portas dunha oficina do INEM.
O caso de Andrea Fabra non é senon unha anécdota dentro do abanico de catetismo e hijoputez e soberbia que late entre a bancada popular. Si a democracia é esto, sinto decilo, pero non existe tal democracia, nin siquiera en apariencia. O "que se jodan" escenifica á perfección ,concentrándoo nesas tres palabras, o clamor popular ante a desfeita de país que levou a cabo Mariano dende a tribuna. Obación á tortura, e desprecio para os torturados. Todo pola nosa culpa, todo polo noso ben.
Faltou un AMEN, ao remate do anuncio das medidas, e tamén botei de menos a súa bendición porque hai sinsabores que deben aplaudirse e bendecirse a medias, para que o pobo pense que o sangue derramado os vai conducir directamente a unha vida mellor, cando estén mortos. Debería estar alí Rouco Varela, e así xunto co Rei, teríamos xa montada a escenificación feudal do estado que pretenden.
***
Pero en serio, eu , que falo en primeira persoa, e só en primeira persoa, sin pretender facer análisis máis alá do que me pasa a min, como parada , como minúsválida, como ser doente que se pasa a vida entre medicamento e medicamento, síntome máis ofendida por como anunciou Rajoy a reducción da prestación aos parados que polo insulto en sí de Fabra. O que se jodan é froito dunha mala baba e dunha ignorancia incuantificables, propio dalguén que nin tivo que estudiar moito nin traballar moito para chegar onde está. E o analfabetismo materializado en diputado e en ideoloxía. Casi un clamor de guerra no medio dunha batalla que fai tempo que se sabe que está gañada.
Pero a explicación do presidente ao anunciar o recorte aos parados, ese paternalismo da derechona máis rancia de fódote polo teu ben, paréceme intolerable en calquera rexime que pretenda aparentar mínimamente democrático. Na mesma frase dixo Mariano que se estaba destruíndo empleo e que a tendencia este ano sería esa e sin embargo recorta o 10% aos parados para incentivalos, como faría un pai que recorta a paga ao seu fillo para que quite boas notas. E unha vergonza e un insulto. E un ataque directo á conciencia de cada un de nós, unha burla de todo intolerable. Hai sarcasmos que díficilmente poden soportarse, e menos cando detrás hai verdadeiros dramas de familias que subsisten cos cartos que o pai ou a nai ingresan da prestación por desemprego e que ven como os seus fillos pasan sin cena , ou sin merenda ou sin libros de texto ou sin zapatos.
Do IVE non vou falar agora, nin da paga dos funcionarios, nin dos días libres que lles quitan e que non van supoñer un euro de aforro, porque eses días os funcionarios non son sustituídos.
A impotencia desbórdame mentres escribo, desfóndame, afógame. ¿Hai algunha solución? e de habela,¿ de man de quén e por qué vías?
Hoxe remata esta semana. Mañá comeza outra, e eu xa comezo a sentir o medo.

04 julio, 2012

Hai días difíciles, hai días extraños, e logo hai días coma o de hoxe , no que o feito de vivir nun hospital é o de menos porque hai outras cousas, outras decisións -que non dependen de min- que o empañan todo e converten un día calquera  nun día deses inolvidable.
Os médicos son persoas e da igual os plans que se fagan, as decisións que se tomen e os camiños previos que se andiveron para chegar a unha resolución, porque ao final como dixen, os médicos son persoas, só iso, persoas de carne e óso, que teñen os seus medos e aos que lles pesan tamén os fracasos sobre as costas. E quizais non se lles poda reprochar ser tan só persoas.
***
Entrou no meu cuarto o día antes da operación programada, e alí os dous , frente a frente , espetoume un rotunto "eu son o que asume o risco e non vou a facelo pola túa seguridade". Pero a que optara fora eu, a que decidira asumir o risco dunha operación complicada, a que cegamente puxera a súa vida nas mans dun home ao que non coñecía , o mellor no seu, o único no seu. E este home  chegou xunta min e  dixome que el non ía asumir o risco, conmigo non, sin necesidade non, porque fai dous meses morreulle un paciente de 42 anos.
As mortes en quirófano conforman na maioría dos casos estadísticas e nunca se narran aos pacientes. No texto do consentimento da operación que estaba programada figuraba como risco improbable a morte cun 1% de probabilidade. Pero o home, o ciruxano que ía manipular o láser, dixo que él só era o que asumía o risco e que on ía facelo.
No momento sentinme contrariada, estafa incluso. Desorientada. Todos os esforzos mentais dos últimos meses, a angustia que me supuxo tomar a decisión de arriscarme, o retraso da operación, en definitiva todo o camiño andado, veuse abaixo coa negación dun só home, o executor. El ten a última palabra, e él confioume o seu medo sin poñerlle nome. Tan só dixo que non o ía facer, pero a morte do paciente sobre a mesa, a verdade que os médicos nunca contan, a única verdade que non se permiten que os frene porque de ser así non serían médicos, frenouno neste caso. "Morreume un paciente  que tamén era xoven fai dous meses". E ahí estaba o "tamén" que  se convirte na clave de todo. O medo é humano , e os médicos son tan só homes. Quizais non poidamos reprocharlles nada.
***
"Todos estabamos moi ilusionados coa decisión tomada. Eu pensaba que era a mellor opción, e ti tomaches a decisión moi meditada. Pero cando o executor di que non, todos debemos asumir esa opción como a única válida" ( A cardióloga)

02 julio, 2012

Todos coa Roja e Mariano cos seus líos

A selección española logrou onte -polo visto- unha gran proeza, a segunda Eurocopa despois de gañar fai dous anos un mundial. Foi un triunfo fácil , catro goles marcados a unha Italia que non se parecía en nada á Italia que botou fóra da Eurocopa a Alemania. España celebrouno como se celebran aquí as cousas, pero ben sabido é que nada une máis ca o fútbol e así onte a unidade de España trascendeu fronteiras e problemas e as plazas enchéronse de fervor patriótico, exaltación de país. Cada españolito celebrou onte os goles da selección e ao final do encontro , cando o capitán Iker levantaba a copa, todos nos sentiamos merecedores desa honra e cómplices desa victoria. Os españoles eramos os mellores e  todos nos atribuimos parte do triunfo, como si nada. Pero a realidade é que a ningún de nós lle correspode nin miga dese triunfo e que tampouco veremos  nin migallas da recompensa que suporá para os artífices tal proeza. Porque o fútbol non deixa de ser para os cidadás de a pé máis que o que é , un xogo que se convirte en droga dos corazóns en épocas adversas, que nos fai esquecer a vida e nos mete no corpo un orgullo ridículo que nada ten que ver coa nosa valía. A exaltación patriótica desenboca en resaca, non de victoria, senón de alcohol, que é básicamente o que facemos os españoles cando estamos contentos e non sabemos moi ben por qué. E así nos deitamos onte todos , felices e borrachos, coma si o mundo se parase neses catros goles e non houbese que levantar hoxe o país , facendo oídos xordos ás súplicas de De Guindos sobre máis sacrificios - que corten cabezas nas prazas públicas, por exemplo . A unidade de España simbolizada en Casillas alzando a copa, gañamos, gañadores , España oeoe, son español español español...E entón vai a grande Sara e culmina a estampa cos seus ollos fermosos e ponlle a alcachofa na boca ao presidente, e Mariano , nun exceso de buenrollismo, froito quizais da exaltación do momento, di que anda cos seus líos europeos e os seus asuntos. Porque resulta que os goles de España son mérito de todos, cousa que a todos compete e que compre celebrar; motivo de felicidade. Pero o presidente chama líos europeos aos asuntos máis importantes que vivimos nestes tempos convulsos e que ademais son precisamente os que máis nos atañen e os que maís deberían interesarnos. Os líos do presidente son o gran problema de España, pero el ventila a seriedade do tema cun soriso , como si se tratase dun señor feudal que anda aos seus asuntos mentres o pobo salvaxe se emborracha  por última vez, antes de morrer de fame. E Sara tamén sorrí, e todo conclue con normalidade ,porque España séntese unida na victoria e o presidente está onde ten que estar, nos seus líos europeos e nos seus asuntos, como gran patriarca que nos cuida e nos protexe.
A fraseciña do presidente e sobre todo ese tono xovial , despreocupado, son unha mostra máis da falta de respeto que demostra este goberno polo pobo, pero que ninguén diga nada, que todo o mundo saia á rúa a celebrar que once tipos cun balón marcaron catro goles e non sexamos capaces de poñer o mesmo fervor en exixir que Mariano nos explique ben eso dos seus líos europeos, é unha irresponsabilidade para un país enteiro. A felicidade é necesaria e o fútbol axuda, ben. Pero cando a euforia se convirte en droga dura que nubla o entendemento e nos impide ver como os gobernantes se rín de nós, pois home, cabrea.

21 junio, 2012

Vivir na espera non é o peor que che pode pasar, sobre todo cando o que se espera é incerto e ten un punto de escuridade. A espera é tempo de regalo, que se vai estirando dun xeito consciente e abrumador. Os días son máis longos do que un se pode imaxinar, e  ainda que o corpo vai marcando os seus propios rítmos -54 pulsacións por minuto non dan para moito- a mente agárrase con forza a ese tempo de desconto e disfruta do agasallo sin présas, sin protestar, sin lamentacións de ningún tipo.
Cada enfermidade vai acompañada sempre dos seus mecanismos de adaptación. Non te rebelas, non sufres máis do necesario, só te amoldas ao novo discurrir das cousas, o teu corpo marca un paso novo -o meu marcapasos marca un paso novo- e eu dócil e feliz déixome acunar nese latexar pausado que me baixa a tensión e me fai vivir doutra maneira.
Esperar non importa cando o que se espera da medo. Ainda no mellor dos casos haberá unha ferida aberta, haberá un quirófano e un sono profundo. Despertar. Ahi está o medo todo concentrado, nese instante entre que durmes e logo xa non durmes, e a realidade asoma nunha sala de reanimación, e a vida continúa e ti xa non eres a mesma. ¿Qué pasou? ¿Qué me fixeron? ¿Qué me doe? E o traballo atroz de recoñecer de novo o meu corpo e buscar a través da dor as novas cicatrices, e chorar si é preciso porque pasaron cousas que non estaban previstas. E chorar ao tempo que te alegras de estar desperta, de estar viva. Viva despois de todo.

***

04 junio, 2012

Entre a prima de risco e o dilema do electrodo


Hai situacións nas que  a un non lle queda outra que tomar conciencia do lugar onde se atopa, do tempo concreto –momento histórico- que lle está tocando vivir. A realidade acaba por impoñerse incluso entre aqueles que son máis inconscientes e que se resisten á entregarse á evidencia. Eu nunca fun desas e por iso deixome naufragar entre  as follas dos diarios ata perderme de cheo , ata entender que España se vai á merda e que a política de hoxe é un doblegarse aos mercados e as gobernos fortes de Europa, que ninguén pensa en nós e que o da prima soa mal, moi mal, cada vez peor. Pero as desgracias nunca veñen soas e ás veces non son tan xenéricas como un mero dato estadístico ocupando o lugar predilecto nun titular. As veces as desgracias sucédenche a ti, e entón daste conta do teu anonimato, o xornal non fala de ti, como dicía aquela canción de Sabina, e sin embargo ti, o teu mundo, a túa desgracia , toma unha dimensión tal que xa non importa si a prima está en 600 ou en 700.
A miña desgracia preséntaseme en forma de dilema, de decisión vital, de encrucillada urxente e casi imposible. Ahí está, o reloxo marcando un tempo que se acaba –que se me acaba- e os médicos plantexando opcións, falando de técnicas, de estadísticas, de riscos probables, improbables…A miña vida na boca dos outros soa extraña, como si non falasen de min, do meu corazón, do meu cable, do meu peito aberto.
E a realidade convírtese en vértigo, en medo. Na posibilidade dunha mesa de operacións e que algo falle e pase o peor, e sexa eu a que desperta da anestesia como dun soño, e entón o pesadelo toma forma. Unha cicatriz que me abarca o peito enteiro, unha dor que me indica que as cousas foron como foron.
Eu decido sobre a miña persoa. Eu firmo ou non firmo. Eu mando sobre o meu corpiño que leva dentro o meu corazón. O corazón leva un cable. E o cable é o dilema, a duda, o problema.  A min puxéronme un cable e agora eu digo si o quero quitar ou o deixo ahí ata que as bacterias o invadan e xa sexa tarde. E decido sin ser médico, sin saber, sin querer decidir. Con medo.
A prima de risco de hoxe difuminouse entre mil pensamentos que me entumecen a cabeza.  E o medo é casi palpable, físico, de carne e oso. 
¿Cómo decide alguén que voluntariamente acepta que lle abran o peito dentro dun quirófano?
  

30 mayo, 2012


Vivir co marcapasos no límite da súa batería cando este se fai imprescindible para vivir ten as suas ventaxas, ainda que non o pareza. A principal foi redescubrir a placidez do sono e dos sonos, a calquera hora, en calquera lugar e cincurstancia, sin preocupacións que ameacen a súa  plenitude.
Polo tanto, durmo. Durmo as horas todas das que dispoño, de xeito que a miña vida é traballar e durmir, e todo o tempo libre é pouco para satisfacer as miñas ansias de sono. Quítolle tempo as comidas –unha ensalada ou un bocadillo- e túmbome no sofá disposta a durmir e soñar durante toda a tarde. As veces abro un ollo e sin perder o fío do soño intento recuperar a consciencia uns minutos, pero todo intento é inútil, e ao pouco volto a caer presa da ledicia que da durmir a perno solta , allea ao mundo por completo, á prima de risco que sube, aos recortes en sanidade e educación, a choiva que cae con forza e ao vento que fai tremer as fiestras. Durmo e son feliz. E canto máis durmo máis sono teño. E canto máis durmo, máis disfruto do placer de durmir.
***
A prima de risco, hoxe  en 519 puntos, que si chega a pasar estando o PSOE no goberno , colgan a Zapatero nunha praza pública, que para eso sí son os espazos públicos, para o entretenemento do pobo. Porque as plazas –dise por ahí- non poden ocuparse con manifestantes pacíficos que falan de política ,porque entorpecen o desenrolo normal da vida dos cidadás pacíficos que só queren vivir e esquecer, sin falar de política; pero as prazas sí poden ocuparse de hinchas borrachos que festexan os ascensos dos seus equipos de fútbol. ¿Cal é a diferenza? ¿Entorpecen estos menos a actividade normal das prazas das ciudades? Ou é que o feito de que estén borrachos lles confire menos perigosidade?  Ou quizais sexa que o tema do fútbol resulta máis riquiño aos nosos gobernantes e polo tanto se lles fai máis tolerable. Que xa se sabe que en épocas de crise algún opio é necesario e neste país o fútbol e a relixión sempre cumpriron moi ben con esta tarefa. Pois iso, manifestarse pacíficamente nas rúas e prazas, non, que é delito. Celebrar borrachos ata a madrugada que gañou o Depor –por dicir un- facendo ruído , manchando as rúas, provocando destrozos accidentais por causa do alcohol, sí, que isto no noso  país é cultura.

 ***
Hai regalos bonitos , regalos funcionais que veñen ben nesta época de crise (todo por meter a palabra crise neste post, para darle máis actualidade) e regalos apañaos que cobran vida ao sair do paquete que os envolve. A min fixéronme no pasado cumpleanos agasallos dos tres tipos, pero sen dúbida eu quédome co apañao. Explícome:
O regalo de entrada é sinxelo e preséntase envolto dun xeito sobrio e discreto, pero a discreción esfúmase cando fai a súa presentación. A funcionalidade do xénero (un pantalonciño curto) deixa paso deseguida ao excéntrico do seu diseño, pero non chama a atención.  A cousa cobra seriedade cando o probas, e ahí está a realidade da vida: o pantalonciño cobra vida propia, e mesmo parece que fala, porque ese pantalón , posto nun corpo , ten verdadeiramente moitas cousas que dicir.
“Hoxe teño unha noite atroulada, quero dicir, que me apetece máis unha troula que a un neno un chupachups e que vou rachar coa pana” E xa te podes  poñer ti como queiras que o pantalón xa tomou a súa determinación persoal e leva o timón, para ben ou para mal.
Fala máis ca ti, divírtese por sete, baila e ronronea por onde pasa, e non se cansa por moito que ti lle lembres o tema do ERI e tal e tal. Vamos, que non entende razóns o pantalón  máis alá do de carpe diem  e non deixar para mañán…E chegados a este punto, unha pregúntase si foi tan boa idea o deste pantalón, que dende a súa cor discreta daba apariencia de tranquilidade.