05 septiembre, 2008

ti si que dis barrabasadas


"del otro lado también hubo muchas barrabasadas". Amanecín onte con estas palabras, que resoan dende que as escoitei na miña conciencia, como un rebumbio que non podo esquecer, nin un segundo. Eu que cría que don Manuel e mais eu acabaríamos por reconciliarnos no último momento,xa que pouco a pouco o odio que eu lle tiña ía remitindo e transformándose nunha especie de simpatía entrañable, ese sentimento que me provocan moitos velliños , cando na fin do camiño, miran atrás con ollar cansado, con nostalxia, e con certa pena, pero que se acomodan no presente, que encaixan a pesar de todo. Pero non, don Manuel é o que é , ou máis ben o que foi, e hoxe , despois dun tempo no que non me tiña moi alterada, voltou a poñerme dos nervios, como entón , cando ainda era o presidente da Xunta de Galicia. A frase das barrabasadas é a que máis se comenta, a que sae en tódalas páxinas de noticias de internet, pero creo que hai frases peores nas declaracións que fixo Fraga á cadea Ser en relación coa investigación que Baltasar Garzón comezou e coa que pretende confeccionar un censo de desaparecidos no franquismo.


"no vale decir que fueron objeto de la justicia o de la represión, porque muchos se fueron a México con el famoso barco cargado de tesoros artísticos" e "hicieron mucho dinero". "Muchos de ellos no han tenido que dar cuenta de esos hechos muchísimo más graves. Por lo tanto, la política de revivir esas cuestiones no me parece lo mejor"


Hai verbas que non requiren comentario, que por si soas alcanzan a dimensión exacta da súa grandeza, ( ou baixeza, según o caso) . Fixeron moitos cartos, di don Manuel, os do outro bando. Era un bó momento este para que don Manuel se quedase calado ,por unha vez . Hai que lembrar que este home , que foi presidente da Xunta durante 15 anos, foi tamén ministro no franquismo, polo que en parte é responsable de moitos dos crimes que se cometeron. Di que non hai que remover o pasado, pero vaia si o removeron eles durante 40 anos¡¡¡

Don Manuel podía calar, pero preferiu pronunciar palabras insultantes, que por outra parte é mezclar o touciño coa velocidade. Durante o franquismo moitos morreron en cunetas, en camiños nun tiro polas costas, ou de cansancio facendo traballos forzados. Morreron e os seus corpos foron abandoados en fosas comúns, olvidados de todos, para sempre. Os familiares das víctimas teñen todo o dereito do mundo de saber cómo e onde morreron os seus seres queridos, e a darlles un enterro digno. Poucas cousas debe haber máis inquietantes que non saber en qué monte e de que maneira foi asesinado un irmán ,por exemplo. E iso é o que pretende facer Garzón, descubrir a verdade da historia, e contala. Non para abrir feridas, senón para pechalas , para poñer fin á tortura constante de miles de persoas que viven coa angustia de non coñecer o que pasou.

Fraga non é dos que gusten da verdade. En parte porque ésta non o deixa en moi bó lugar. Foi un home que participou no goberno de Franco, que consentiu e mesmo perseguiu aos republicanos. E despois , seguiu gobernando coma si nada. Don Manuel , éste era un bó momento para non abrir a boca, e menos para dicir -agora sí- "barrabasadas".

03 septiembre, 2008

Laurita


A morriña da infancia é dificil de explicar, tan só se pode sentir, na pel, nas entrañas...


Chamábase Laura. Foi moito máis ca un pedazo de plástico que tiña os ollos debuxados. Os que me coñecen ben saben quen foi, quen é todavía. Laurita.


A miña infancia ten moito que ver con esta boneca.
ay...¡ chovía cando saín á rúa, choiva menuda que molesta máis do que molla, pero que non pasa desapercibida, eso nunca. Comezou setembro, e xa noto ausencias na pantalla do meu móbil, e nostalxias azuis que me provocan pequenas angustias. Agora contemplo o mundo dende a fiestra...setembro dende o borde o precipicio, sin medo a caer definitivamente, sin precisar porqués nin buscar respostas máis alá da sobra dos obxectos que amamos.
¿Pódense amar os obxectos? Existiu un tempo no que eu cría que si, que as cousas tiñan unha alma propia e que xeneraban sentimentos en nós, como si de seres vivos se tratasen. Pero co paso dos anos fun comprendendo, ou cambiando simplemente o punto de vista. E agora non deixo que se creen lazos profundos con nada que non teña un corazón, e ainda así con certos reparos. E agora sei que podo mudar de casa, deixando atras cantos obxectos configuran o meu entorno , sin pesar, sin dúbidas, sin nostalxias. Basta fuxir coa memoria intacta. Todo o demais, esas couas inútiles que se acumulan coa rutina dos días non son máis que lixo, que non ten máis valor do que queramos darlle. Eu, fai tempo que aprendín a desprenderme deses afectos, a ser libre do materialismo que nos rodea. E así, podería marchar a calquera parte coas mans completamente baleiras.
Levanteime esta mañá con inquietudes literarias. Ou non, máis ben foi onte pola noite cando me entrou unha angustia extraña, porque non tiña ningún libro novo entre as mans, e a lectura que agora ocupa os meus ratos libre tenme un pouco aburrida. O caso é que agobiada como andaba , ansiosa de palabras bensoantes e ávida de historias, desempolvei da estantería a obra " Crimen e castigo". Comecei polo prólogo, pero xa con iso me din conta de que non vou poder con ela. Así que hoxe puxénme a buscar pola blogsfera algo de intuición, algo de motivación, unha lectura que de repente me pareza apetecible, e mesmo inevitable. Atopei entón o blog de Guillermo Urbizu, que ainda que parece un pouco casposillo, pois ten un apartado de reseñas de libros que parece altamente interesante.

02 septiembre, 2008

A hipocresía de Palin


Nunca falo dos EEUU, en parte porque todo o tema das eleccións estame saturando a min e a todos sobremaneira. Pero hai días coma hoxe, nos que unha non pode máis que mostrar un pouco as cores e dicir catro tonterías ao respecto. A nova do día, a filla de Sarah Palin, a número dous de McCain, de tan só 17 anos está preñada. Non é unha nova tan extraña si non fose porque Palin é unha muller ultraconservadora e profundamente relixiosa. De novo aflora a hipocresía estadounidense, e sobre todo a hipocresía da clase conservadora.

Palin é actualmente gobernadora de Alaska, pero antes foi periodista e quedou segunda nun concurso de misses. Esta muller ultraconservadora, contraria ao aborto e defensora da pena de morte é partidaria de ensinar o creacionismo nas escolas, e supoño que por iso disculpará á súa filla adolescente que se saíse do camiño marcado de pureza e castidade.

O certo é que custa crer que podan existir determinadas personaxes, pero Sarah Palin é unha mostra de que ás veces existen seres que son difíciles de imaxinar. Esta muller, nai de cinco fillos, defende o uso das armas, de feito é "membra" da asociación do Rifle, e apaixoada da caza.



Seguramente McCain a elexiu - pese á pouca experiencia política e a non ser muller de mundo- polos seus valores sociais, cos que pretende conquistar a unha parte do electorado. Muller, de extremos en tódolos ámbitos da súa vida, parecerialle a candidata idónea para movilizar o voto ultraconservador e relixioso. Pero o embarazo de cinco meses da súa filla adolescente é un duro golpe para os republicanos, que procuran manter este acontecemento dentro da privacidade de Palin. Sin embargo dificilmente aos relixiosos estadounidenses se lles vai escapar a hipocresía coa que Sarah elude o tema; a hipocresía que conleva predicar unha cousa é obrar en senso contrario.

Por suposto que Palin solucionou o problema anunciando a voda da súa filla co futuro pai da criatura. Vamos, algo moi lóxico, sempre mirando polo ben da familia.

Claro que si o embarazo da adolescente é froito dunha creación divina, pois enténdese todo moito mellor, ¿non?

Programa Feira Franca 2008

Este ano a Feira Franca de Pontevedra está dedicada ao traballo do campo. Aquí tedes o programa, para que non vos perdades nada.

http://www.feirafranca.info/docs/2008/PROGRAMA%20FEIRA%20FRANCA%2008.pdf

01 septiembre, 2008

Vilalba tamén existe


Esta fin de semana comezaron en Vilalba as festas de San Ramón, e eu afortunadamente estiven alí e podo contar todo o que pasou. O sábado pola tarde tocaba coroación das raíñas e paseillo da corporación municipal, entrega de premios do certame literario e cena-bufet no Parador para as personalidades. Ao evento acudiron ilustres do pobo , como don Manuel que do brazo dunha das súas fillas seguiu o ritmo do resto da comitiva. Tamén estaba o ex – alcade e agora diputado Agustín Baamonde, en Vilalba coñecido como Tito, acompañado da súa esposa Mari Paz, que lucía un vestido carísimo dunha diseñadora coruñesa. Outro ilustre que non quixo perderse o sarao foi o senador José Manuel Barreiro , que tan só foi deixarse ver e marchou como un raio. Botamos en falta a outro senador que non foi convidado probablemente por esquecemento , o alcalde de Cospeito Armando Castosa. E non faltou á cita ningún dos membros do concello, e por suposto o alcalde , Gerardo Criado.
Ao bufet frío que lles serviron no Parador o último en chegar foi o socialista Martín Seco, vestido con cazadora de ante marrón ao purísimo estilo socialista. O menú non foi gran cousa, tan só destacar o postre de filloas de crema e chocolate.


Á noite os vilalbeses estaban divididos. Pois menuda se montou este ano co programa das festas, que non acaba de contentar a todos, e ten defensores e detractores a partes casi iguais. Cun orzamento de 170.000 euros hai quen di que cada membro da comisión se embolsou para o seu peto uns 20.000 eurazos. E é que as contas non acaban de cadrarlles aos vilalbeses, que este ano se atopan cun programa de festas con moito festival independente e poucas orquestas. E claro, os velliños non acaban de entender eso do FIV ( festival independente de Vilalba) que se convertiu na noite do sábado no espectáculo central das festas, coa actuación estelar do grupo The Ellas, liderado por Luis Tósar. Polo medio grupos coñecidos na súa casa , e como colofón final a actuación do ex cantante de Siniestro Total , Miguel Costas, que sin pudor cantou os vellos éxitos do grupo, convertidos xa en auténticos clásicos.
Dicir que Luis Tósar ao final non decepcionou aos que nos decantamos por acudir á praza da Constitución. Cheo de enerxía, volcado co público e algo ebrio , todo hai que contalo. E moito menos decepcionou o ex – siniestro, que cando lle tocaba a él tocar xa daba igual , era tarde, e na praza só quedaban os de sempre, todos na barra do bar A Pravia, escoitando a música entre cubatas e conversas, xa máis colocados que outra cousa. Vamos, moi oportuno.

E mentres o FIV avanzaba, na praza de Santa María , sobre un palco cutre iluminado cun só foco un grupo de mariachis cantaba rancheras para deleite de xóvenes e vellos. Para que logo digan as malas linguas que a comisión non pensou na xente maior ao confeccionar o programa. En Santa María estaba moi entregado ao espectáculo o alcalde, que acabou dando a nota. Nun arranque de espontaneidade subiu ao palco e fixo as ledicias dos vilalbeses arremetendo cunha ranchera a viva voz. “Con dinero o sin dinero/ hago siempre lo que quiero/ y mi palabra es la ley/ no tengo patria ni reino / ni nadie que me comprenda / pero sigo siendo el rey….” E é que hai que telos ben postos para quentar así os ánimos nunha data tan sinalada, e con tan pouco pudor. Non faltaron os que contestaron as notas do alcalde con berros de “más bien con dinero, que con lo que cobras¡¡¡…ladrón…carota…” e tal e tal. Pero o noso Gerardito é así, un home imprevisible e polifacético que se debe aos seus, e que o mesmo toma un viño , que unha caña que un cubata cos seus paisanos- súbditos, que se sube ao tablado e pon no escenario todo o seu sentimento.
Por certo, entre o público había moito teléfono móbil na función de grabar video, e non descarto que pronto poderemos disfrutar no youtube das imaxes que forman xa parte da indescriptible historia de Vilalba.


Por suposto que unha fin de semana en Vilalba da para moito máis, pero hai cousas que prefiro gardarme para min, por ser demasiado emotivas e non empacharvos con rollitos persoais. Tan só rescatar as verbas de Luis Tosar para despedirse “Queda moito ritmo, queda moita festa. Queda moito que bailar, moito que beber, moito que foder”. Pois iso. Porque a vida é o que nos queda.