Mostrando entradas con la etiqueta actualidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta actualidade. Mostrar todas las entradas

23 marzo, 2011

A nova Pontevedra 2.0


Non se trata do título dunha película feita na casa, senón do programa electoral co que Telmo Martín ( PP) pretende acadar a alcaldía de Pontevedra en tan só dous meses.

Telmo, dende a barreira, non é so un político que desplega un atractivo natural dende o seu corpo formino e a súa ollada azul senón que se convirte nunha especie de mago ou deus que promete pouco menos que facer realidade a miragre dos pans e os peixes.

A gran promesa electoral é todo un soño para unha sociedade en crise que agoniza nas listas do INEM, nin máis nin menos que a creación de 5000 postos de traballo. Relacionado con este obxectivo tan esperanzador está o plan de actuación que denomina " o emprego do futuro" no que a peza clave parece ser a dotación de pizarras electrónicas para as 374 aulas de Pontevedra.

Comeza A voz de Galicia a contar a noticia cunha frase moi significativa: "Telmo Martín se sacó ayer de su chistera un nuevo proyecto político..."; porque este programa non pode máis que sacarse como un coello dunha chisteira por arte de maxia.


"A nova Pontevedra 2.0" é un proxecto amplo e ambicioso á altura do que Telmo Martín nos ten acostumbrados nas súas campañas electorais. Grandes obras forman parte do mesmo, como o bulevar do Lérez soterrando o tráfico entre o mercado e o Gremio dos Mareantes, unha praia na zona onde actualmente se ubica Ence, soterrar as vías do tren entre a zona da Seca creando un corredor verde, eliminar o tráfico da plaza Galicia cun túnel entre a plaza da Liberdade e Eduardo Pondal creando un novo espazo urbán en superficie de 20000 metros cadrados, cun primeiro sótano dedicado a áreas de ocio, zonas comerciais, pistas de xeo, rocódromo e pista de karts, e un segundo sótano con 575 plazas de aparcadoiro para residentes.



O candidato a alcalde do PP en Pontevedra non sorprendeu co seu proxecto urbanístico alonxado dos programas electorais tradicionais aos que nos teñen acostumbrados a maioría dos candidatos. El non se conforma con folletos propagandísticos cargados de dereitos e promesas que non se concretan en grandes obras de enxenieiría e urbanismo, e así, no seu afán de facer as cousa ao grande fala tamén en " A nova Pontevedra 2.0" de dúas liñas de transporte urbán no centro con minibuses eléctricos e un teletaxi compartido a prezo dos billetes de autobús.

Porque Telmo non fai simples promesas electorais senón que debuxa sobre o papel toda unha cidade reconstruída, futurista e utópica na que Pontevedra pasa a convertirse na nosa imaxinación nunha especie de parque temático no que todos os cidadáns estaremos contentos movéndonos con facilidade baixo terra , patinando sobre xeo por plataformas inmensas, bañándonos en praias idílicas a escasos metros da Peregrina e cun posto de traballo para cada persoa e unha pizarra electrónica por neno. Nunha cidade ideal como a que propón Martín non nos queda outra aos cidadás que sucumbir á feliciade plena.


Co único co que Telmo Martín non conta é con que esta utopía literaria e urbanística xa a plantexou fai catro anos e os pontevedreses tiveron a ben moverse na realidade tanxible das promesas posibles, que si ben non configuraron durante os últimos catro anos un panorama de ensoño, non constituiron unha tomadura de pelo.

Pero Telmo é perseverante e terco na súa maneira de dirixirse aos votantes, aos que debe imaxinar como homes e mulleres ignorantes e carentes dun mínimo de entendemento, e preséntase unha vez máis ante eles como un vendedor de fume que ofrece paraísos virtuais imposibles a cambio de votos co propósito único de convertirse en alcalde non polo ben de Pontevedra e dos seus habitantes,senón como dixo nunha entrevista fai algún tempo, polo prestixo que tal cargo lle outorgaría.

01 febrero, 2011

A marcha do millón: á procura da democracia

Mubarak ve o seu réxime desafiado pola vontade firme do pobo, que a pesar dos intentos de sabotaxe das comunicacións para evitar a convocatoria de manifestantes, botouse á rúa baixo un lema tan simple como clarificador: "pan , liberdade e dignidade".
Para hoxe está convocada unha gran marcha sobre Egipto, que se perfila como o principio da caída de Mubarak, a marcha do millón.
Mubarak contaba para facer decantarse a balanza ao seu favor cos brazos do exército, sin embargo onte o exército parecía negar este apoio á dictadura e posicionábase claramente a favor da democratización facendo público un comunicado no que manifestaba que as demandas do pobo eran lexítimas, e garantindo a liberdade de expresión pacífica para todos.
Deste xeito os militares exipcios viran as costas ao réxime de Mubark no que se considera unha invitación ao poblo a sumarse á gran marcha.
Parece claro que despois dunha semana de protestas continuadas e pacíficas nas rúas de Egipto, toda unha xeneración de xóvenes está a demostrar que está preparada e que reclaman dereiros e oportunidades, non para sobrevivir, senón para vivir en dignidade, máis alá do xugo da dictadura, e que son quen de encauzar o camiño da reforma de cara a un réxime democrático, calando as voces dos que como pretenteu o dictador caído en Túnez, queren ver detrás deste levantamento popular a rúbrica do islamismo radical, e non as ansias reais dun pobo de liberdade e democracia. Véñenseme aquí á memoria as palabras de Huntington na súa exposición sobre a terceira ola democratizadora: "as democracias consolídanse cando o pobo aprende que a democracia é a solución ao problema da tiranía pero non necesariamente a todo o demais"
A dúbida é agora descubrir si a transición democrática vai levarse a cabo con ou sen Mubarak, que xa puxo ao seu vicepresidente na palestra para negociar cos opositores, nun intento de conservar o poder.

04 diciembre, 2010

ESTADO DE ALARMA

Sábado , 4 de decembro de 2010, o Goberno decreta o Estado de Alarma, por primeira vez na historia da democracia , polo caos xenerado coa folga salvaxe e ilegal dos controladores aéreos.
O episodio fatídico que desencadeou o decreto do Estado de Alarma despois da reunión extraordinaria do Consexo de Ministros,comezaba cunha folga salvaxe onte ás cinco da tarde aproximadamente, cando os controladores aereos abandoaban os seus postos de traballo alegando malestar físico. O caos que se xeneralizou no país polo peche do espazo aéreo español trátase dun caos sin precedentes que levou ao Goberno á toma de decisións drásticas, non empregadas antes na democracia. Primeiro foi a militarización dos aeropuertos mediante decreto de urxencia publicado no BOE onte día 3 de decembro ás 21:30 horas. Posteriormente, e advertidos os controladores das súas obrigas, ante a persistencia na súa actitude e xa que non se puido restablecer a normalidade, o goberno decreta -por primeira vez dende que se publicou a Constitución- o Estado de Alarma.
***
Teño unha amiga tirada no aeroporto en Madrid dende onte pola tarde, chegaba da lúa de mel dende Viena, ela e o seu marido -primeira vez que digo "o seu marido"- e toparonse coa folga máis salvaxe que viviu este país , unha folga que paralizou en plena ponte da Constitución todo o espazo aereo español. Ela non comprara un billete para irse cinco días de vacacións a calquera cidade de europa deixando nese billete e na reserva de hotel parte dos seus aforros, nin acudía a visitar a familiares aos que fai tempo que non ven aproveitando esta ponte, eles ao fin, voltaban dunha viaxe consumida e Madrid era o seu último destino antes de pisar terra galega e poñer fin á viaxe de noivos. Por este motivo non me sentín nin triste nin preocupada por eles. Son dos afectados, quizais os máis afortunados , porque ainda que hoxe non vexan a dimensión do que está sucedendo máis ca dende o punto de vista o usuario retenido nun aeroporto pola chantaxe vil duns controladores avariciosos, dentro de trinta anos, poderán contar aos seus fillos que o día que remataban a súa lúa de mel, España vivía un momento de caos absoluto e o Goberno decretou o primeiro Estado de Alarma da democracia, e eles, estaban alí.

08 octubre, 2010

AMADOR


Coincido con Celso Bugallo a menudo por determinados locales da cidade de Pontevedra. Esto sucede sempre entre as persoas que gustan de frecuentar bares e mezclarse coa xente máis que da tranquilidade quente dun sofá. Ainda así Bugallo é un solitario que se senta discretamente na esquina da barra dos seus bares -sempre vai aos mesmos- e bebe só e en silencio, contemplando dende a esquina privilexiada que escolleu seguramente non ao azar o espectáculo tremendo que é a vida dos outros.


Gústanlle especialmente as mulleres, eso nótase na súa maneira de ollalas, entre pícara e viciosa, non carente de respecto, e non desperdicia nunca a oportunidade de coquetear coas máis exhuberantes que se achegan a él atraídas pola súa fama, sobre todo dende a súa inmersión no mundo do cinema.




Hoxe fanlle unha entrevista na Voz de Galicia a conto da súa última película, Amador, na que da man de Fernando León interpreta a unha personaxe terminal, postrado nunha cama ao que coida unha inmigrante peruana (Magaly Solier). As dúas personaxes "están en situación distinta, pero desde el punto de vista humano pueden estar unidos, porque deciden desde la soledad. Lo que les une son las condicones extremas", conta o actor cando lle preguntan polos protagonistas da película.


O propio Celso Bugallo resume a película decindo que na vida, ademais de decidir o que conta son as oportunidades e as condicións. E probablemente el saiba moito destas cousas, xa que él que viviu adicado casi por completo ao teatro , o cine chegoulle tarde, ainda que dun xeito contundente.






Hoxe estrease Amador, que todavía non pode erse nas salas dos cines Vialia en Pontevedra. Eu irei ver esa película e coincidirei seguro con Bugallo que acudirá ao cine co mesmo semblante serio e pensativo, con aire reservado, sempre nun segundo plano, como si se tratase dunha personaxe secundaria na súa propia vida. Pero todos sabemos que él é o protagonista e que na cidade, esta que o acolleu como fillo seu, a ninguén lle pasa desapercibido, porque é o noso actor, o que leva entre outros o nome do cine galego a un lugar moi alto, o que tanto fixo polo teatro en Galicia e concretamente en Pontevedra a través da súa Aula de Formación de Actores.






Hoxe que todos os xornais falan de Vargas Llosa e do seu merecido e ao fin acadado premi Nobel, eu quero lembrarme de Celso Bugallo e da súa maestría tanto nos escenarios como na pantalla grande. E quero que cando vos atopedes con Celso nos bares de sempre, o miredes con máis respecto si cabe, con máis admiración si cabe, e ainda que a el lle gusta permanecer nun segundo plano na súa vida persoal, que lle fagades sentir dalgún xeito o voso cariño e profunda admiración.

08 julio, 2010

Semifinal do Mundial 2010: España 1 Alemania 0

Celebración do gol de Puyol que levou a España á final dun Mundial por primeira vez na historia.
Podemos¡¡¡¡¡

13 noviembre, 2009

Intolerable Camps

«Le encantaría coger una furgoneta, venirse de madrugada a mi casa y por la mañana aparecer yo boca abajo en una cuneta». Estas foron as desafortunadas verbas de Camps, que son ainda máis desafortunadas si temos en conta que foron vertidas en sede parlamentaria.
Que fai tempo que as cousas non lle van ben, sabémolo. Que anda un pouco nervioso, tamén o sabemos. Que o escandaloso caso Gürtel tiña que dalgún xeito pasarlle factura, era inevitable. Pero de ahí a facer as manisfestacións públicas coas que deleitou onte aos parlamentarios valencianos é algo intolerable. Esas reminiscencias dos capítulos máis amargos da triste historia do noso país, son non só un atentado directo contra Angel Luna, senón un atentado contra a nosa memoria, contra todos nós, que intentamos non esquecer aqueles episodios amargos , senón aprender dos erros cometidos para que nunca máis volten a repetirse.
A presión á que Camps pode verse sometido non xustifica ese odio que se filtra das súas verbas, ese insulto á toda a cidadanía, metendo o dedo nunha ferida que nos doe demasiado a todos.
Que Camps era un politico que comezaba a verse desacreditado como Presidente da Comunidade Valenciana, era algo por todos sabido , un feito constatable polos acontecementos que se foron sucedendo dende que se destapou toda a trama Gürtel. Que Camps é un home que se sinte acorralado, que está demasiado canso e que comeza a pesarlle seriamente a realidade, é algo que demostrou onte dun xeito que non deixa lugar para a dúbida. Pero si podemos entender a Camps, un home que o ganaba todo e que agora só lle agardan derrotas, o que non podemos comprender nunca é o respaldo dos seus compañeiros de grupo, que cando Camps rematou a súa oratoria con esa perla cargada de violencia verbal, romperon nun aplauso e non mudaron nin o xesto. Que Camps esté perdendo o norte, é , ata certo punto, comprensible. Que os do seu partido, esquecendo onde se atopan, e obviando a grandísima burrada que o seu líder acaba de dicir, lle aplaudan a gracia, é síntoma de que non só Camps debe dimitir como presidente da Comunidade Valenciana, que non só él debería pedir disculpas, senón todos e cada un dos parlamentarios que alí estaban e celebraron o seu discurso. Non só quedou desacreditado -un pouco máis, si ainda era posible- Camps como presidente, senón todo o PP valenciano.

18 octubre, 2009

Queremos Galego

"Un dato para a esperanza. Son profesor da universidade. No primeiro curso de facultade teño este ano matriculados corenta e seis alumnos: rapaces urbanos e rapaces da Galicia rural, metade a metade. Númerus clausus, porque a especialidade ten moita demanda e o corte de nota da selectividade está entre os máis altos. Dos corenta e seis alumnos matriculados, só tres se expresan en castelán."

Así remata un artigo publicado hoxe na Voz por Victor Freixanes. Un dato de esperanza e ao mesmo tempo de forza. A súa publicación comeza cun feito ,"vou de manifestación" , toda unha declaración de principios que hoxe están a levar a cabo miles de galegos en Santiago de Compostela. A manifestación convocada pola plataforma cívica Queremos Galego, que aglutina a case 500 entidades e 3000 adhesións individuais debe estar desenvolvéndose neste intre polas rúas de Santiago, segundo o percorrido previsto pola organización. Confeso que teño mágoa de non estar hoxe alí, como unha galega máis que quere defender a súa lingua , e reivindicar a súa presenza nos ámbitos públicos, dotándoa da dignidade e o recoñecemento que se merece.
A manifestación de hoxe non só se trata dunha festa dos galegos na que manifestan un sentimento común de orgullo e ledicia por unha lingua propia, senón que constitúe tamén unha chamada de atención, unha protesta unánime contra as medidas tomadas polo Exectutivo presidido por Alberto Núñez Feijoo , como son a próxima derrogación do decreto 124/2007 do galego no ensino; a rede de Galescolas; a modificación da Lei de Función Pública para a eliminación dunha proba de galego nas oposición; ou as axudas á traducción de libros en galego; medidas todas elas encamiñadas a facer desaparecer o galego da vida pública, deixándoo relegado ,como nas épocas antidemocráticas, ás cociñas, as relacións familiares.
Teño mágoa de non estar na festa do galego, por mor dunha bronquitis que me ten encerrada na casa e conectada a internet como único vínculo coa realidade, máis eu tamén estou hoxe en Santiago, porque o meu espíritu, a miña forza , está hoxe xunto con todolos galegos valentes que como fixeron sempre defenden o seu con uñas e dentes. E non hai nada máis noso , que nos una e nos identifique tanto como pobo, como a nosa propia lingua. A lingua que -educados ou non nela, escolarizados ou non nela- todos mamamos dende pequenos, primeiro dos nosos avós, cando os nosos país todavía non se atrevían a falárnola por medo a marxinarnos socialmente (qué ben o explica Victor Feixanes, esa renuncia, víctimas dun proceso histórico).
O bipartito, durante os catro anos que estivo no goberno, colocou ao galego no sitio que históricamente sempre lle correspondeu, rompendo as cadeas do pasado e i eliminando os complexos es os prexuizos que moitos ainda albergábamos no noso subconsciente. O galego tomou a vida pública, nun proceso lento que ainda precisaba moita andadura ata chegar a normalizarse, ata ser unha lingua oficial en toda regra , falada de xeito natural en tódolos ámbitos da vida, no desempeño de calquera rol dentro da nosa sociedade. Pero o camiño que emprendeu o bipartito veuse truncado de golpe polas novas medidas adoptadas polo novo Executivo, que non só constitúen unha parada en seco no avance do recoñecemento do galego como lingua propia de Galicia na práctica e non só no papel, senón que supoñen un retroceso importante nos avances conseguidos.
No obstante, somos galegos, e todavía nos queda orgullo , e forza e xenio para defender o noso, pese a decretos, prohibicións e mesmo intentos de desprestixiar o galego convertíndoo nunha lingua de segunda. Os galegos continuaremos loitando polas nosas raíces, pola nosa cultura, pola nosa identidade, e iso é tamén a nosa lingua. Falaremos galego e escribiremos galego ainda que dende a Xunta nos prohiban facelo. Os nosos fillos aprenderán galego ainda que nas escolas non llelo ensinen, e as relacións coas administracións seguirán desenvolvéndose en galego porque esa é a lingua que empregremos os galegos para dirixirirnos a elas. O galego está na intimidade das familias, está nos bares, está nos camiños das aldeas, está nas prazas das cidades, está nos barcos dos mariñeiros, está nas fábricas, está nos patios das escolas...O galego está na nosa terra, mézclase con ela, e mentres haxa un avó que senta ao seu netos nos xeonllos para contarlle historias da súa infancia, falaráse galego. E iso é o que hoxe , en Santiago , todos quermos dicirlle a Feijoo e aos outros que gobernan.

09 octubre, 2009

Esperanza dixo fóra.

Esta noite tiven un soño. Foi bonito. Os imputados polo caso Gurtel, expulsados do Grupo Popular por Espe na Comunidade de Madrid, renunciaban á súa acta de diputados e eran xulgados polo xuíz Garzón. Foi bonito. Pero a realidade ten sempre atallos e escondrixos que permiten aos corruptos sair airosos das súas tramas. Ningún deles renunciará a ser diputado para non perder a súa condición de aforados.
Esperanza comunicou á prensa a súa decisión como si dunha decisión voluntaria por parte dos imputados se tratase, pero de todos é sabido que este é o xeito de facer as cousas en política, para simular unha unidade que non existe.
Espe é lista, calculadora, unha especie de araña que vai tecendo a súa tea con sorriso de ama de casa e tesón de muller de negocios. Da puñaladas como quen da caricias, con suavidade, sin facer ruído e causando máis dor que si o deixase todo tinguido de sangue. Así foi o golpe que lle acaba de dar a Rajoy, contundente , sin temblarlle o pulso ao facelo. Tamén Camps resulta ferido coa actuación rápida de Espe, que da un paso adiante na limpeza da súa imaxe, contra a estratexia do seu propio partido, de defender a presunción de inocencia ata que a merda lles pase do pescozo.

07 agosto, 2009

Conspiración

Un parente meu sufriu durante anos unha paranoia recurrente, cría que había contra él unha cosnpiración na que estaban involucrados policías, xuíces, políticos e mesmo familiares e amigos. Non se fiaba de ninguén, e en máis dunha ocasión dáballe unha volta completa á casa na procura de micrófonos e grabadoras ocultas. Algunha vez incluso chegou a desmontar un televisor porque dicía que colocaran cables extraños dentro. Ningunha organización se mantiña á marxe da súa existencia, era perseguido por ETA, polo Opus, polo Kukus clan...
Nestes días, ao escoitar as declaracións da número dous do PP non podo deixar de lembrar ao meu parente, cando se atopaba nos momentos máis graves da súa enfermidade mental. A teoría da conspiración -tan recurrente no PP- comeza a parecer xa ciencia ficción, e mesmo faría gracia se non fose porque está en xogo todo o sistema democrático. Acusacións tan graves como as que fixo Dolores De Cospedal non deberían verterse tan á lixeira, e menos sin probas contundentes. Esta muller representa a un partido político que foi o máis votado nas últimas eleccións, representa a voz de miles de españois, e non pode facer acusacións tan graves contra o Estado de dereito, e contra as institucións sin procurar ao mesmo tempo a defensa e a restauración da legalidade vulnerada.
Non é unha novidade que o PP cree cortinas de fume para eludir certos temas da opinión pública que lles resultan molestos. Hai demasiada merda dentro das filas do PP e non lles convén ocupar portadas nos xornais nin os minutos de máis audiencia nas emisoras de radio. Xa nos teñen acostumbrados a esas lanzas envenenadas que se lanzan ao aire ,e que acaban por atacar directamente á democracia. Pero máis grave ainda que as últimas declaracións -as das escoitas telefónicas- foron as declaracións referentes a que De la Vega utiliza ao Fiscal Xeral do Estado para perseguir ao PP e non para perseguir a ETA. Dicir esto é atentar directamente contra o goberno de xeito noxento e sin escrúpulos, pero tamén é ferir a sensibilidade de xeito gratuito de moitas víctimas da violencia de ETA, algunhas delas recentes.
Na miña modesta opinión, De Cospedal debería retractarse das súas acusacións, ou ben concretalas e esixir as responsabilidades legais pertinentes. De non ser así, está poñendo en perigo de maneira inxusta a democracia e as institucións, e debería , cando menos, deixar a vida política. Como cidadá, como número dous do partido maioritario da oposición, como avogada do Estado que é, a súa obriga e a súa responsabilidade é denunciar ,polos medios que proceden en dereito, calquera vulneración da legalidade e calquera actuación que poña en risco o funcionamento normal do sistema democrático.

04 agosto, 2009

O auto da vergonza

O TSJV decidiu por dous votos contra un, arquivar a causa aberta contra Camps por considerar que non cometeu delito de suborno. Nunha interpretación restrictiva do artigo 426 o TSJV ventila un asunto que ainda que tan só sexa dende un punto de vista ético é de todo lamentable e vergonzoso. Xa dixo Camps nun acto público que Juan Luis de La Rúa -presidente do TSJV- era máis que un amigo, e aquí é onde comeza a peligrar a independencia do Poder Xudicial. ¿O auto trátase dunha decisión xurídica ou dunha decisión política?
En todo caso, ainda aceptando escrupulosamente a falta de responsabilidade penal que reza o auto, hai algo que queda claro: Camps mentiu no Parlamento, sin ningún tipo de respeto nin ás institucións nin aos cidadás. E nesa falta total de ética e de respeto parece que se mantén tamén Rajoy, que na súa última intervención , e tras conocer o sobreseemento da causa contra Camps, bromeu dicindo que gañaba a xustiza , o sentido común e os vendedores de tila. Non comento esta intervención, porque creo que xa está de máis. Faltan á verdade, rinse abertamente do pobo, e por riba continúan alardeando da súa falta de ética ,ao tempo que se dan palmadas nas costas por conseguir unha vez máis esquivar o peso da xustiza. Unha vergonza.

03 agosto, 2009

Praza de touros, zona vip: Eles teñen poder



A fin de semana deixounos momentos inesquecibles, algún dos cales plasmou con exquisito talento un fotógrafo do Faro de Vigo. Pois si, estiveron en Pontevedra , nas touradas, lucindo palmito na zona vip da plaza de touros estes tres pés para un banco. Rajoy coa mirada posta no infinito ou máis alá, os ollos coma platos, inmobiles, fixos nun punto. A súa beira, no centro do palco, o Presidente dos galegos e das galegas, o rei da austeridade, distraído en profundos pensamentos, algo aburrido, estando porque hai que estar. E ao seu lado, Louzán, con pose de sexsymbol, ollada seductora directamente á camara (detrás do obxectivo sempre se atopa o pobo) e man no peto, con xesto despreocupado; entre chulesco e burlón, ao xeito "porque yo lo valgo". O que menos lles importa a estes tres homes é o que está a suceder na area, os touros desangrados , morrendo. Eles están ao seu, a ser vistos, a pasar o rato. Son o poder e sábeno. Xogan na casa e deixanse querer.

Pero a foto recolle outro prodixio, a Chiny , a futura primeira dama de Galicia , con coroa e todo. Pois caeulle casi como por arte de maxia , sobre a cabeza a coroa da bandeira de Galicia. ¿Casualidade ou premonición?

Ay, qué bonito e ir aos touros en Pontevedra para ver tanto político morto de aburrimento.

30 julio, 2009

Volto a este blog como quen volta ao fogar despois dunha longa viaxe que non foi de todo complacente. A vida non sempre sae ben e ás veces o tempo de ocio convértese nunha especie de inferno persoal do que non sabemos como escapar. Bótalle un a culpa ao tempo, esa excusa para todo, que si chove, que si fai demasiada calor...e así , xullo e a climatoloxía irregular cargan coa responsabilidade dun presente construído a trancas e barrancas, como si o único relevante no día a día fose se fai vento ou sol.
Non quero caer nese erro, quero asumir que simplemente non soupen facelo mellor, pero coa esperanza de que todo pode mudar de aquí en diante. E por iso, volto.
Xullo remata con noticias suculentas, políticos corruptos que parece que van pagar polos seus delitos, expresidentes que dan a nota en traxe de baño e que saltan á palestra polos deméritos dos seus tempos de gloria, bebés de dúas cabezas...Hai festas por toda Galicia, e pérdese un entre tantas opcións, pero o caso é fuxir de Pontevedra e da súa "festa nacional", esa masacre que se cumple como un ritual inevitable catro veces ao ano. As touradas moven xente, cartos..., din que son positivas para a economía do concello, que son parte mesma da cidade e que potencian o turismo. Aos detractores ninguén os escoita, coma si non existisen. E no fondo, creo que nonos escoitan porque non fan o suficiente ruído. Nos anos que levo vivindo en Pontevedra dinme conta de que aquí, a "festa nacional" é intocable porque gusta a case todo o mundo. Algúns -hipócritamente- afirman non estar a favor da matanza dos touros na praza pero din que lles gusta o cachondeo, o bullicio que enche a cidade na festa "das peñas". Pero é que a festa das peñas xira en torno as touradas, e admitir as peñas é admitir que cada ano morran nesta cidade 24 touros , mentres un público exaltado e cheo de xúbilo celebra esa tortura.
Nunca estiven en peñas, e nunca vou estar. Porque si estou en contra das touradas, estou tamén en contra das peñas taurinas e da festa que se debuxa co seu pretexto.
Trátase, dicía, de fuxir. Non importa demasiado a onde, o verán abre fiestras onde se pechan portas, e sempre hai un mencer novo para pensar de xeito diferente.
Bárcenas tivo que dimitir -por fin- ao seu pesar e detrás irán outros. O home das mil derrotas , ese Rajoy que non se rende, acabará quizais algún dia sendo presidente pero pouco lle durará a ledicia, e mesmo o poder. Será lembrado como ese mastil que resiste erguido mentres a tempestade arrasa todo ao seu arredor. A política é o que é : ese xogo de pillos que queren convencernos de que todo o que fan é polo noso ben, mentres asistimos impasibles ao espectáculo de ver como medran as súas contas correntes. A democracia peligra , polo menos a súa credibilidade, cando uns rouban e prevarican con total impunidade , burlándose da xustiza e co beneplácito do voto cidadá. En Valencia e Madrid segue arrasando o PP nas urnas, que tamén gañou as europeas. Da vértigo. E en Galicia -nunca máis Galiza- Feijoo gana adeptos e puntos coa súa imaxe de austeridade, esa capa de pintura que lle quixo dar á Xunta, para que todos crean que fixo unha auténtica renovación.
Chegaron os cen días, e sobre a mesa propostas, acordos, ordes , proxectos de lei...E todos contentos porque Feijoo é un tipo moi cercano que o primeiro que fixo ao chegar á súa nova vivenda foi ir tomar un viño ao bar máis cercano. E verémolo por Cambados no Albariño, e por Pontevedra na praza de touros deixarase fotografiar con Rajoy e Louzán, e seguirá levando flores alí onde a súa figura sexa ben vista, onde haxa unha boa oportunidade de sacar a foto.
Cómo cambia a política as cousas. No meu traballo os xefes xa falan castelán - cousas do bilinguismo- e os que quedan do "antigo réxime" aferránse aos sillóns cos dentes, pisando cabezas si fai falla para manterse erguidos un pouco máis. Esa maldade tonta, pequena, que ensombrece as vidas das persoas humildes e que fai ensombrecer tamén as causa nobles. Ese "todos son iguais" que desmoraliza e fai que os pobres perdamos a esperanza. A administración en época de cambio político é coma a merda remexida, cheira moito. Supoño que pasa en tódolos lados.
Logo cómennos a cabeza coa crise, que si o peor xa pasou ,que si o peor está por vir...E o único que percibimos é unha psicose extraña que nos cubre de melancolía. O gripe A traslada o problema do paro, xa non importa o traballo si á volta da esquina me espera o virus ameazante. A vida é unha ruleta rusa, a alguén lle vai tocar palmar. Supoño que o que prevalece , nestes tempos grises, nos que o verán se pon do lado da adversidade, é o pesimismo. E nonos queda outra que seguir adiante, ainda que sexa respirando fatalidade.

26 junio, 2009

Adeus


Ao despertar escoitei pola radio a noticia da morte de Michael Jackson, producíase de madrugada, presumiblemente por un paro cardíaco consecuencia da medicación que tomaba para tratar certas lesións. Ao escoitar esta nova, veuseme á cabeza a imaxe aquela do icono do pop, asomado á fiestra co seu bebé recén nado en brazos para mostrarllo á prensa, como quen amosa un trofeo. Deu a volta ao mundo aquela imaxe e hoxe inunda tódalas televisións. Porque Michael foi o rei do pop, pero as súas excentricidades constantes e os escandalos constantes que protagonizou durante a súa vida , convertírono nunha especie de parodia de si mesmo, que despertou amores e odios casi por igual. Convertido nas últimas décadas nunha máscara inexpresiva que saía ante as cámaras protexido cunha mascarilla , resulta difícil asociar esa imaxe ao que foi todo un ídolo dos oitenta, creador do gran disco “Thiller” e do mítico vidoclip de zombies que foi toda unha revolución.

Morreu aos 50 anos de idade, e a súa morte apunta a unha sobredose de medicamentos. Durante os próximos días os medios de comunicación van a bombardearnos con todo tipo de especulacións relativas ao motivo do falecemento, en parte porque a súa vida estivo sempre no punto de mira, e non ía suceder menos coa súa morte. Xenio da música e esperpéntico na súa forma de vivir, Michael Jackson gañouse a pulso un sitio na memoria de todos.


Pero non só morreu Michael Jackson , senón que a morte , caprichosa ela , levouse por diante a un dos anxos de Charlie, esa beleza rubia que fixo soñar e empapar sabas a tantas xeracións. Morreu Farrah Fawcett, aos 62 anos , despois de loitar tres anos contra o cangro. Foi un cangro de colon, que lle pasou ao fígado, o que acabou coa vida de Farrah. E neste punto é cando eu me encho de tristura, e cando levo ao terreo persoal esta noticia. Levo días sin escribir neste blog, en parte porque estiven afastada dos ordenadores de da calma mínima necesaria para verter tonterías na rede sin contemplacións. E hoxe , ao ler a noticia do cangro de colon de Farrah Fawcett, todo o meu inferno persoal toma de novo forma nas miñas entrañas. A vida é o único que importa ,e a morte é unha ameaza constante que pulula sobre as nosas cabezas sin tregua. Cando a morte ronda a túa casa, cando asombra a familiares ou amigos, a realidade cobra unha densidade distinta, e os problemas cotias pasan a un segundo plano, igual que lle pasou a este blog. Tan só a morte de Farrah fíxome sair do meu letargo para dasafogarme un pouco. A ninguén lle importan as miñas penas, e eu non quero convertir esta pantalla nun valle de bágoas nin nun escaparate das miñas penas. Pero un blog -o queira ou non- é un escaparate, e eu hoxe quero caer nos tópicos . Quero lamentar a morte de Michael Jackson e quero lamentar a dor de Farrah, ese cangro que a foi consumindo, que lle arrebatou a beleza e a vida.

E venres, xuño toca ao seu fin e ainda que procuro atopar sinais de optimismo nas cousas que me rodean, todo cobra sin que o poda evitar certo aire de loito , de ambiente macabro e desolador. Lin -por exemplo- no Facebook que no meu pub favorito farán unha homenaxe a Jackson e que se pide que acudamos vestidos de riguroso negro. Non podo con isto. Non podo con tanta escuridade. Chove a finais de xuño, e a tristura alonga os brazos para acapararnos a todos. Preciso un raio -mínimo- de luz nesta tarde de venres. Un raio...tan só.


18 junio, 2009

Mobilización 19-J


"Pontevedra é capital. Anulación do decreto xa". Este é o lema que os colectivos e asociacións convocantes da manifestación decidiron para o encabezamento da protesta contra o decreto da Xunta polo que se crea un segundo delegado autonómico da provincia, con sede en Vigo. A manifestación partirá da praza da Ferrería as 20:30 horas do día de mañá e rematará en Campolongo, frente ao novo edificio administrativo da Xunta.


Sen dúbida é mañá unha ocasión perfecta para saír a rúa na defensa da capitalidade de Pontevedra, ou mesmo como medio de protesta contra o novo goberno do PP en Galicia, ou quen sabe, como forma de manifestar a animadversión a Feijoo. Sexa como sexa, ver saír á cidadanía pontevedresa á rúa, unida tras unha pancarta que reza "Pontevedra é capital" é algo tan insólito como extraordinario. Mañá non haberá cores nin bandeiras que distingan a uns pontevedreses dos outros. Mañá Pontevedra paseará as preciosas rúas da cidade defendendo o que máis gusta aos pontevedreses, eso ao que sempre se aferraron os cidadáns desta vila fantástica que respira aires de pobo polos catro costados. Pontevedra é capital. E ahí si que lles tocaron a fibra sensible aos pontevedreses, que xa non entenden nin de dereitas nin de esquerdas; as ideoloxías diluénse nun debate que lles toca de cerca e que lles doe. Pontevedra é ante todo e sobre todo a capital da provincia. Do que os pontevedreses presumen e do que senten orgullo. E nin que sexa un Feijoo recén elexido nas urnas quen leva a cabo a reforma serve de excusa a unha Pontevedra que vota maioritariamente ao PP para aplacar a súa furia cando ve que dende o goberno se ataca o seu ben máis preciado.


Eu non son pontevedresa, e o certo é que renego dabondo desta cidade e mesmo dalgunhas das súas costumes máis arraigadas (eso que se chama "de pontevedra de toda la vida") pero estou cos pontevedres nesta loita pola territorialidade e en contra do decreto, e penso que mañá, ainda que non podo asistir á manifestación, estarei de corazón con toda a cidadanía. Vai ser fermoso ver unha manifestación de pontevedreses defendendo o seu con uñas e dentes, con pancartas e sen ideoloxías. Porque no fondo o que prima é a esencia das cousas: Pontevedra é capital.

08 junio, 2009

Europa decidiu

Europa decidiu onte teñir o mapa político de azul. Nun contexto de grave crise económica Europa consagrouse á centrodereita como salvadora dos seus males, dun xeito -penso eu - irreflexivo e desesperado. O capitalimo fracasou e os pilares da economía mundial viñeronse abaixo, e xusto no momento histórico ideal para poñernos a reflexionar e redundir as estructuras económicas e sociais globalizadas, os europeos optan por tender a súa man aos mesmos que os levaron a situación de estar coa auga ao pescozo.
Despois da tristura que me produce que os europeos tiremos pola borda a oportunidade magnífica que estas eleccións nos brindaban para facer democráticamente unha revolución, non deixo de pensar cáles son os motivos que levaron a miles de persoas, aflixidas por unha crise económica, moitas en paro , a dar unha patada á socialdemocracia, e entregar as riendas dos seus destinos a unha dereita que non oculta a intención de acabar dun plumazo co estado social. E pensando nas razóns négome a simplificar dicindo que o pobo é humilde e tonto ao mesmo tempo e por iso culpa da situación económica ao goberno actual e vota sin sopesar as consecuencias á única opción que ten en frente. Igual que esas relacións amorosas tóxicas nas que antes de deixar ao ser amado que nos está facendo a vida imposible aferrámonos ao que sexa para manter viva a pequena chama do amor roto, os europeos aferraronse ao capitalismo dun xeito masoquista, sin darse conta de que a relación harmónica de outros tempos xa non ía voltar e que agora o que toca e soltar os lazos que nos unen a ese sistema fracasado para comezar unha nova andadura por outros camiños. Pero deixar atrás o coñecido, ainda que nos esté afogando, é difícil e require coraxe e vontade firme. Require reflexión e traballo. Máis sinxelo é agarrarse a un clavo ardendo, e crer que si seguimos na senda fixada as cousas por si soas acabarán indo a mellor.
Europa non soupo desfacerse das súas cadeas, máis ben ao contrario, afianzou os lazos que nos unen a ese monstruo que comezou a derribar o estado de benestar que se había conquistado, e para cando se de conta, quizais xa sexa demasiado tarde.

21 mayo, 2009

Retazos da familia

Cando unha ten a costume de indagar nos blogs, atopa ás veces opinións agradables que por cercanas non poden deixarme indiferente. Ainda que non é o habitual, sacar aquí a relucir as proezas da familia, a ocasión ben o merece : miña irmá estreabase no estrado como deputada autonómica e parece que o fixo pola porta grande, según os entendidos.

13 mayo, 2009

De nieve huracán y abismos, el sitio de mi recreo...

Morreu Antonio Vega, e non atopei ningunha homenaxe mellor que este artigo, que non só mostra as miserias e xenialidades do cantautor, senón tamén mostra a xenialidade do seu autor como poucos.

30 abril, 2009

Enterrar o galego

Jesús Vázquez, o novo conselleiro de Educación, ten nas súas mans a pataca quente que lle deixou Feijóo coa cuestión do bilingüismo no ensino e a derogación do decreto que aprobou o anterior executivo. Quixo Feijóo nestes días ventilar o tema rapidiño cunha circular que pretendía repoñer aos alumnos os seus dereitos civís, así, ao grande, e deuse conta a tempo de que un decreto non se ventila dun plumazo incitando á toda a comunidade educativa a insumisión. Para impartir ese bilingüismo do que fala Feijóo -e que comprende tan só él e os da plataforma Galicia Bilingüe- será necesario moito máis que un papeliño enviado por fax aos colexios e institutos. Existe un decreto, e mal que lle pese ao señor presidente, de momento, e ata que sexa derogado, é norma, e polo tanto debemos acollernos a él.
Recuou a tempo Feijóo con esto das circulares, pero o tema está sobre a mesa e son moitos os que manifestan a súa indignación. A modificación do decreto sobre o galego no ensino non pode levarse a cabo sin consenso, sin consultar a tódolos grupos implicados, centros educativos, asociacións de pais de alumnos, sindicatos...
Dende a nova Xunta a postura frente a este tema non deixa de ser hipócrita, xa que por un lado falan de enterrar o galego dixando a súa aprendizaxe nas mans dos pais dos alumnos que decidirán si desexan que os seus fillos se escolaricen en galego ou castelán, e por outra, din que a reforma farase dende a promoción máxima do idioma galego. ¿Cómo van promocionar o galego si o apartan dos plans educativos? ¿Dónde queda o bilingüismo si os pais dos nenos poden decidir xa dende que son pequenos que non estudien unha das dúas linguas? E non nos equivoquemos, o castelán non é unha lingua en perigo, ao igual que a imposición de impartir galego na metade das asignaturas non é antidemocrático. ¿ Cómo van decantarse os alumnos por estudiar as asignaturas nunha lingua que non coñecen ou non dominan? Esta é a realidade de hoxe en Galicia, o galego é unha lingua ferida que a penas se fala fóra do ámbito familiar, e que ainda menos se emprega na escrituta. Si os poderes públicos non a protexen e a impulsan mediante normas é unha lingua que acabará por desaparecer.
Dar liberdade para escoller escolarizarse en galego ou castelán é tanto como dicirlles aos nenos que non teñen que aprender galego si non queren. E dicirlles esto aos nenos e tanto como enterrar o galego.
Cando Galicia Bilingüe comezou a facer ruído lin un artigo de José María Carrascal no que dicía que o galego era unha lingua bonita que soaba ben e que á xente lle gusta falar nalgúns ámbitos. Dicir esto dunha lingua é o mesmo que considerala de segunda categoría. E eso mesmo é o que pensa o actual goberno da Xunta do galego, que é unha lingua bonita, pero que non debe falarse na sociedade, nin nas administracións, nin nas escolas, senón que debe quedar relegada, como sucedía antaño, ao agarimoso calor das lareiras.

21 abril, 2009

Dez eran dez...

Dez , foron dez efectivamente os conselleiros que configuran xunto con Alberto Núñez Feijoo o novo goberno da Xunta de Galicia. Un executivo sin cuotas no que as mulleres constitúen un 36 %. Un dato significativo que debemos ter en conta todos os galegos e galegas, xa que mal exemplo da este Goberno, obviando o problema que todavía existe na nosa sociedade en canto a igualdade efectiva entre homes o mulleres.
Pero o colorido da xornada puxérono os Citroen alineados ante a fachada de Raxoi, pretendendo ser símbolo dunha nova etapa que se presenta como de austeridade, pero que se converten en realidade en símbolo tan só da hipocresía dun goberno que sustitúe unha marca por outra, en lugar de consevar os coches que hai. Dí maginígicamente Lois Blanco no seu blog Cien días de Feijóo "Presumir de austeridad por el uso de una marca en vez de otra es de una simplicidad inquietante. Lo mejor que puede ir haciendo el nuevo Gobierno es agotar la vida útil de los coches heredados, Audis incluidos, pues lo contrario será despilfarrar para simular austeridad"
Chámame tamén poderosamente a atención a nova consellería que encabeza Agustín Hernández Fernández que fusiona as competencias de medio ambiente, política territorial e vivenda, cousas estas que en principio parece que casan mal ,que son de todo incompatibles e mesmo que se contrapoñen. Supoño que esto é un xeito simple de evitar os conflitos competenciais que poderían xurdir nestas áreas cun único puño executor.
Pouco máis da de si esta primeira posta en escea do novo goberno no que hai personaxes preocupantes non carentes de pasado , que sen dúbida iremos descubrindo pouco a pouco.
Pero hoxe a política queda relegada a un segundo plano no panorama meu particular deste martes 21 de abril. Síntome contenta e mesmo é unha felicidade tal que me gustaría compartila con calquera. Saiu débil un raio de sol, tomei o primeiro café da mañá cunha sentencia nos beizos un tanto frívola que logo confirmei buceando no google, e descubrín que o facebook é para idiotas que non teñen gran cousa que facer - eu incluída- e que ao mesmo tempo é preciso deixarse asomar ao escaparate para poñer os dentes longos aos que teñen un día peor ca o meu.

17 abril, 2009

Crónica dun amor anunciado


Chámase Chiny, é xornalista e divorciada. Esta é a que xusto o día da investidura de Feijoo como presidente da Xunta, aparece como a súa parella formal. Xa nola foron amosando na campaña de xeito discreto, sempre nun segundo plano, agardando o momento oportuno para dar o salto á opinión pública ao grande. Foi onte por fin, cun bico e cun abrazo. Pódese ler no Faro de Vigo " Al final, hubo beso. Se resistía , porque su pareja lo evitaba argumentando: "Me muero de verguenza". Pero el nuevo presidente tomó la iniciativa: " Chiny, no escapes". Y Feijoo, recién elegido, con la emoción contenida, besó a su pareja, la periodista Carmen Gámir."

Xa o xornal El Mundo, hábilmente construiu a historia dun amor que dura xa oito anos e que polo visto Alberto e Chiny levaban en segredo. O certo é que a escea romanticona que protagonizaron onte sucedeu antes do que esperabamos, quizais porque dende o PP galego desexen apurar todo o proceso familiar de Feijoo, vendo mal o feito de que un presidente esté solteiro, e ao mesmo tempo, para calar canto antes as voces dos que afirman que Alberto Núñez Feijoo é homosexual. Temos noiva, tímida, loira, xornalista...unha xoia para Galicia, que ata parece que colleu por sorpresa á nai de Feijóo , xa que lembremos que dixo "Alberto está casado con Galicia y Galicia , encima, no me puede dar nietos". Pois ben, poderá durmir tranquila de aquí en diante, dona Sira Feijóo, xa que o seu fillo deixará de ser o solteiro de ouro en breve, para protagonizar a que será sen dúbida a voda...¿do ano? O que xa non vexo tan claro é o tema dos netos, en parte porque Chiny xa non está para esas lides, aos seus 48 anos, según din os xornais. O bó de Carmen Gádir é que ben coa neta baixo do brazo para dona Sire, unha moza de 20 anos.

Cúmprese así a promesa nunca pronunciada de Feijoo, pero que todos tiñamos no subconsciente , a de que formaría en breve unha familia, ao chegar ao goberno. Este feito, que a algúns nos pode parecer hipócrita e oportunista, se o analizamos ben non deixa de ser un sinal inconfundible de modernidade dentro do PP: xa non é preciso , para ser un candidato de dereitas, estar casado. Feijoo presentouse como candidato as eleccións sendo solteirón, e nin súa nai desmentiu o dato. Eso si, para gobernar.... ahí xa son palabras maiores. Para iso fai falta ter esposa que o acompañe aos actos oficiais, ainda que xa superaron o tema do divorcio e dos fillos doutra relación. Para que logo digan que os do PP non van cos tempos.