27 septiembre, 2013

Comezou a chover e presinto que ainda vai seguir chovendo durante días. Chegou o outono, sin que esté preparada. Co outono, o gris, as responsabilidades propias da realidade, a vida impoñendo o seu criterio...Nunca se está preparado para o fin do verán, para que se marche o sol...E aquí estou, tecleando coa ansiedade da proximidade do frío,  das noites infinitas, dos días sin luz...
O verán non me deixou nada significativo, máis ca unha dor extraña con ecos de desamor. Sin embargo, baixo o prisma das primeiras chuvias, parece que cobra un sentido distinto. Nin foi para tanto nin foi só un tempo perdido. O meu móbil está cheo de chamadas e mensaxes que teñen as súas raíces nos días cálidos de agosto, cando era infeliz e non me daba conta de que tamén sucedían cousas boas. E hai -agora- bicos xa de outono que teñen o sabor dunha traición, pero que fan que o verán cobre un novo significado: Estiven viva no verán, ainda que eu daquela non o sabía. Tivo que voltar a chuvia para entendelo dunha vez: houbo ternura no medio de tantas tardes de tristeza, de tantas noites de rabia e insomnio. Houbo pel contra pel, e caricias, e a esperanza de que algo podía continuar co ritmo das estacións. E dixen non, mentres me miraban con desexo, mentres me suplicaban que me deixase querer dun xeito novo, nun tempo novo...Fun infeliz ao tempo que vivía encontros novos e amores antiguos. Non foi un tempo perdido, a pesar das bágoas e as tardes de tranquilizantes. Porque tamén se revelaron os amigos, como fieis compañeiros de fatigas, como fortes apoios nos momentos máis escuros. E soportaron insoportables tardes de cerveza e lamentos, sin botarme en cara nin unha soa vez un "xa cho dixen".
E agora, chega a chuvia de setembro para limpar tanta equivocación, tanta conciencia adormecida, e devólveme á realidade que sempre estivo ahí:  xente que me quere, xente que me quixo e que non me olvida, xente que seguirá ao meu lado no frío e nas posibilidades que nos agardan.

No hay comentarios: