21 enero, 2010

Preciso imaxinar paraísos posibles, en lugar de revolcarme nesa merda chamada nostalxia, os paraísos perdidos...a infancia, por exemplo. Porque tódalas infancias teñen algo de paraíso, ainda que sexan de todo desgraciadas: neso consiste a maxia de ser neno, na ollada optimista, na inocencia pura. Pero ¿ onde buscar? Hoxe busco nas teclas do ordenador como nunha sorte de camiño á felicidade dun xeito intuitivo. O día ten a mesma cor doutros días de xaneiro, e mesmo o meu corazón marca o mesmo ritmo (rutinas dun marcapasos que non responde ás miñas inquedanzas) ,pero eu teño que mudar a cara deste xoves que se me presenta como un túnel que conduce a unha morte agónica e inevitable. Morrerá o día entre as mantas e un programa de televisión, e eu morrerei tamén un pouco máis..., e así ata que remate a miña vida toda, sin deixar memoria atrás, nin legado, nin pena.
Hoxe resístome a esta sorte. E por eso busco nas teclas , no roce suave do teclado baixo os meus dedos ansiosos e ansiolíticos. Tiven fai pouco un momento de felicidade, efímero e verde, así foi. Logo pasou o tempo como unha condea, ata hoxe.
Si puidese tomar drogas, tomaría tódalas drogas do mundo. Comezaría hoxe, xa de mañá, a primeira raia de cocaína acompañaría ao primeiro café do día. E así conseguiría saír de aquí e ir a ese outro lugar : un sofá blanco nun salón baleiro cun amplo ventanal...A cidade paralizada e a chuvia amable, por unha vez. Quero instalarme sempre nese mesmo escenario, e naquela sensación tranquilizadora. O amor ten que ser algo semellante a unha felicidade rutinaria, que non se percibe na gorxa pero que está ahí, diferenciándonos do resto dos mortais. Porque ninguén é feliz ou infeliz máis que cando o comparamos cos outros. A relatividade, qué cousa. Si o amor non é rutina, non é amor. Sin embargo eu non concibo o amor máis que colgándome das lámparas ( esa expresión...), todo tan magnánime, tan pleno, tan excesivo...
Busco e non atopo. Deixo de escribir, sin máis. Non aparecen eses paraísos...quizais porque non existen. Queda un día por diante, unha vida enteira por diante...un sofá blanco no medio dunha estancia baleira, cálida, infinita...Unha cidade que se parece a tódalas cidades cando ti estás aquí...Esa é a clave: sempre a mesma cidade e sempre a mesma voz, onde sexa que ti habites e me queiras.

20 enero, 2010

Hoxe é así, un día deses nos que se mezcla a realidade con certa imprecisión, con certa falsedade nas cousas, coma si todo sucedese do outro lado do espello, ben lonxe, sin que ninguén alcance a comprender de todo si se trata de realidade ou ficción. Hoxe é un día neboento, triste, propicio para a nostalxia e os suicidios. Os pobres, os que non vivimos rodeados de glamour , coma esas grandes actrices do cinema por exemplo, non chegamos nunca a suicidarnos de todo. Suicidámonos a medias, como todo o que facemos ao longo das nosas miserables e anodinas vidas. Eu suicídome sin éxito con tres lexatines mezclados con cervexa; nunca tiven medo de mezclar fármacos con alcohol, e mesmo diría que o levo facendo dende que teño uso de razón con certa impunidade. Cadaquen morre ao seu xeito, ou deixase morrer nese abandono que constitúe o xeito de vida polo que optamos en Occidente.
Levo sobre as costas o peso de Xaneiro, un mes puto que non remata, que me doe nos ollos, que non me abre portas nin fiestras, nin siquiera pequenas rendixas entre a mugre para respirar un pouco de aire limpo e fresco.
Deixei de botarlle a culpa ao destino, á mala sorte, ao azar…e agora , sabendo que nin eu nin a casualidade temos a culpa de todo o malo que me sucede, simplemente acepto o pesadelo de días rutinarios como unha condea que me caeu porque sí. E a fase da rendición, da aceptación do fracaso, da culpa e do castigo.
Cando non hai nada que perder , dende ese abismo atroz, podemos atopar algo de calma, a calma que da pensar que podemos arriscalo todo, incluso a vida. Pérdese un pouco o medo e sin embargo engrandécese a desesperanza.
Non teño unha sensación de amargura profunda, é máis ben unha sensación de extrañeza, coma si o meu corpo non fóse meu, coma si eu non fose eu , coma si todo me fose alleo por completo: o meu nome , os nomes das persoas que din que me queren, os nomes das persoas que finxiron quererme…Só o frío nas mans, denso , que se me mete ata os ósos, fai que me sinta un pouco viva. O lexatin non funcionou esta vez, nin de lonxe. Síntome viva, si, asquerosa e hipócritamente viva. O mundo enteiro chora por Haití e eu non podo nin chorar por min. Todo a medias , a vida a medias, a felicidade a medias, a morte a medias, o corazón latexando a medias…

19 enero, 2010

Xaneiro está sucedendo tal e como eu o imaxinara, eu colgada das lámparas, como digo para referime a ese estado de nerviosismo noxento no que me atopo instalada, e o gris cubrindo a paisaxe sin tregua. O mundo convertiuse en xaneiro nun lugar máis nauseabundo, si cabe. Haití ule a morte e golpea as nosas conciencias de clase media dun occidente que se sente maltratado pola recén inventada palabra crise.
Diante do ordenador vomito tristura e bágoas invisibles, que non son só por este mundo putrefacto no que nos consumimos, senón e sobre todo, por min.
Gustaríame poder prender na solapa un pequeno broche de esperanza, e sair á rúa coa ledicia dun neno que ainda non perdeu a inocencia, pero desgraciadamente a inocencia perdeuse fai moito tempo dun xeito irrecuperable.
Hoxe tan só me suxeita a lembranza imprecisa dos últimos bicos, eses que se mezclaban con cervexa e que dalgún xeito me vivificaron. Despertar naquel cuarto foi coma voltar a vida despois dun suicidio necesario, foi coma unha segunda oportunidade nunha semana na que afogaba nas miñas propias vísceras, na que me suicidei en tragos longos de alcohol e melancolía. Foi nese preciso instante, no illamento que sentín naquela habitación ,no que tomei consciencia daquela pequena felicidade no medio da nada. Tiña o corpo preso duns brazos que me apretaban máis da conta, como si tivesen medo de afloxar o abrazo e que eu puidese escapar de súpeto, e esa sensación de inmobilidade , coas extremidades doridas pola postura , resultábame moi reconfortante. Sentín logo a lene caricia dun bico no ombreiro, antes de que comezase o mundo a moverse de novo...E non me quedou outra que seguir vivindo, a pesar de xaneiro e da miña esquizofrenia; a pesar da chuvia fóra e do mundo ferido por tódalas esquinas; a pesar de min e dos erros cometidos.

14 enero, 2010

Os domingos ao sol...

06 enero, 2010

Día de Reis

Os días especias, cando comezan mal, son peores que un día malo calquera. Clávanseche nas entrañas ata que casi te afogan e quítanche de súpeto anos de vida. Hoxe teño unha tristura desas que se identifican demasiado ben porque non te das tirado da cama, e ao mesmo tempo non paras de dar voltas , intranquila e sudorosa. Pésame a vida.
Desexo que se evapore este día canto antes, e tamén o día de mañá, e o seguinte...e así ata que non quede de xaneiro nin unha pinga de lembranzas, como si nunca existise este mes no calendario nin na vida.
Unha tristura que se identifica demasiado ben...que se asemella á soedade, á decepción, ao rídiculo...ao fracaso. A depresión.


...os días especiais, cando comezan mal, son peores que un día malo calquera...

01 enero, 2010

Estrenando década

Un de xaneiro no calendario, con chuvia e sin resaca (contra todo pronóstico despois das cantidades de champán ixeridas). Pasou a noitevella e non pasou nada extraordinario, apenas unha noite máis, sin sorpresas engadidas.
Non teño o corpo para promesas, nin para bós propósitos, non teño gana de engañarme a min mesma con estos tópicos impúdicos e hipócritas que nunca se culminan. Hoxe é un día gris, como calquera día gris. Fai calor na cociña e veñen vellas amistades de visita, algo extraño que fai do día un día festivo normal e corriente. Comeza outra década, e da un pouco de vértigo. Cumplin con espruculoso orden tódolos rituais para salvar o futuro: comer lentellas, poñer un anel de ouro na copa de champán, un euro no zapato, unha vela vermella frente á fiestra...e mil cousas máis que agora se me antoxan ridículas ,pero que non fai nin doce horas íaseme nelas a vida. E todo para qué? supoño que para non afogar de pánico nos próximos días, neste inicio de década infernal que me agarda e que non teño moi claro como afrontar.

30 diciembre, 2009

Fin de ano baixo a "lúa azul"

A última noite do ano 2009, e a entrada do 2010 , virán acompañadas dun fenómeno tan pouco corriente como máxico, a lúa chea do día 31 convértese en "lúa azul", por ser a segunda lúa chea que se produce no mesmo mes. Haberá que esperar ata o ano 2028 para que este fenómeno astronómico coincida co día de fin de ano.
A maxia dunha lúa chea hai que engadir a maxia que traerá esta lúa azul, que fará da noite unha explosión de luz, si a climatoloxía o permite. Pero non só contaremos con este fenómeno, senón que mañá tamén tera lugar un eclipse lunar de escasa magnitude que sucederá entre as 19:52 e as 20:53 horas, e que poderá apreciarse con dificultade.
A conxunción destes dous fenómenos sumados á fantasía que xa de sempre se lle presupón á noitevella, farán da entrada do 2010 algo realmente excepcional.
Os que non cren demasiado na maxia da noitevella, deberían mañá deixarse seducir pola propia luz da lúa, que cubrirá o ceo dunha luminosidade especial, e confiar nas posibilidades da astronomía, e nas forzas que os cambios lunares exercen nas persoas. Non debermos esquecer que o que sucederá mañá non voltará a repetirse ata dentro de moitos anos, e quizais eso xa sexa suficiente para deixarnos levar pola fantasía e a ilusión.