07 abril, 2008

Charlton Heston

Non me gustan as armas nin as persoas que as usan. Porque un arma , ainda que sexa co pretexto de utilizala en caso de unha ameaza, serve únicamente para ferir e matar. En ningún caso xustifico o seu uso, nin siquiera a súa tenencia. Isto é algo que aprendín xa de ben noviña, cando tiña eu 16 anos e a sorte de ser alumna dun profesor de literatura ao máis puro estilo de aquel famoso profesor de “El club de los poetas muertos”, que me ensinou que nunca colleramos un arma nas mans, porque si o facíamos, que tivésemos seguro que sería para matar. E así , me quedou a min grabado , dende temprana idade, que as armas non podían traer nada bó, máis que sangue, destucción e morte.
Pois ben, onte morreu o coñecido actor Charlton Heston, o que foi durante anos presidente da Asociación Nacional do Rifle.
En tódolos xornáis lemos hoxes eloxios e loubanzas para o actor que coas súas intepretacións se convertiu nun dos grandes do cine. Pero este home tamén tivo outras facetas a parte de representar con maxistral profesionalidade os papeis que o consagraron á fama. Este home , republicano, defendeu a través da Asociación Nacional do Rifle a libre posesión dun arma, e polo tanto do uso das mesmas nos Estados Unidos, xustificada na enorme violencia que reside nas rúas, protagonizada por bandas de delincuentes, frente aos que o estado non pode protexer aos cidadans. Esta asociación fundamenta os seus postulados en que hai que acabar cos asesinos, e así, en lugar de confiar nos corpos de seguridade estatais, e no funcionamento da xustiza, decide tomar a xustiza pola súa man, e portar un arma para erradicar a violencia.
Este héroe épico do cine, que será recordado por papeis inolvidables, terá tamén o estigma de presidir unha asociación que defende a posesión dun arma como garante da seguridade persoal. Unha mancha, ao meu entender, que nubla dalgunha maneira todo o seu currículo.
As resacas dos domingos rematan no primeiro café da maña no bar do lado da oficina. Afóganse nese café quente e amargo, que non só arrastra a resaca de toda a fin de semana, si non tamén a memoria e o regusto das horas que vivimos. Despois dunha fin de semana demasiado longa, demasiado intensa, é triste descubrir que non queda nada, ou casi nada, máis que as risas cos amigos e pequenas anécdotas que configuran un mosaico de imaxes coloristas que non voltarán a repetirse. Atrás quedou o venres e as súas traxedias, e a noite do sábado coa súa traca final de autocomplacencia e hedonismo a flor de pel, e o domingo de reconstrucción das xogadas entre a frescura das cañitas e a brisa do mar.
Cómo gusta lembrar que foron dous días que aproveitaches ao máximo, nos que o desamor tivo moito que ver, e nos que descubriches que sabes poñer ao mal tempo boa cara, e saír triunfante das adversidades que se lle presentan ao corazón. Non hai decepción que non se cure no fondo dun vaso de wisqui e nos bicos –sexuais- dun descoñecido que podería intimidar ao mesmo Apolo coa súa beleza e con seu don de conquista. E todo isto é o que nos salva ao final das semanas, un tempo de felicidade, no que a realidade se difumina un pouco e deixa un poso de ledicia pintado tímidamente nun soriso de luns. Boa semana a todos.

05 abril, 2008

Bye bye, Julius

Si o amor é absurdo, non quero nin contarvos a simple posibilidade de enamoramento dun tipiño ao que ainda non coñecemos moi ben, no que puxemos todas as nosas espectativas, un encoñamento, vamos. Sobre todo cando o encoñamento non é correspondido. Claro que o peor é cando pensas que si, que o outro se sente tamén preso da mesma emoción e gastas enerxías nunha especie de conquista crendo que estás avanzando e mesmo obtendo resultados. Cando de súpeto descobres que non, que estabas completamente soa nese intento de búsqueda compartida da felicidade a través do amor é coma si che desen unha patada na boca do estómago ,da que che custará repoñerte. Porque cando o amor sae mal, o que se desenamora ten tacto e delicadeza na ruptura, para non ferir á persoa que unha vez amou. Pero cando o obxecto do teu encoñamenteo che abre os ollos á realidade , faino sin contemplacións, coma si che botase un xarro de auga fría, e ás veces incluso, inconsciente do dano irreparable que acaba de causar.
Sintes que o corazón che salta polos aires , e a impotencia mézclase cunha rabia hacia un mesmo difícil de dixerir, cun sentimento de culpa por tanta inxenuidade.
Hai noites de venres nas que esto sucede. E recibes a patada no estómago ,e cústache despois dormir, e ainda máis despertar, porque xa non é posible nada. Sabes que foi verdade, que él era fermoso, e atento e que morrías por él, que suspirabas por él. Sabes que te equivocaches, que levas meses facendo o ridículo máis espantoso ao crer que él tamén tiña un brillo especial nos ollos cando te atopaba. Sabes que unha vez máis fracasaches da forma máis tráxica na que se pode fracasar, sin batalla previa, sin chegar a palpar siquiera a realidade mínima das túas ensoñacións. E sabes , que perdiches a partida porque as cartas estaban marcadas de antemán.
Un venres pola noite as ilusións esnaquízanse e hai que reconstruír os esquemas para non chorar por algo que nunca existiu. E así, toca levantarse ao día seguinte, e nun último arranque de dignidade, poñer fin a calquera resquicio de esperanza que nos faga crer que o amor todavía é posible. E despedirse. Despedirse definitivamente. Coma si él nunca existise.
Incluso as historias que non son, teñen un final claro no espacio reservado para o sentimentalismo. O bó de todo esto é que cando se toma unha decisión xa só queda tirar para adiante.

04 abril, 2008

LEONOR WATLING

Leonor no principio das miñas pupilas. De novo a posibilidade de sentir a súa voz como un susurro de felicidade , de memoria recobrada doutros tempos, non moi lonxanos, cando como sucederá mañá, tiven a sorte de escoitala no Pazo da Cultura de Pontevedra. Creo que xa pasaron tres anos dende entón, e lembro, sobre todo, que ao día seguinte, cando estaba tomando o café de media mañá na cafetería do Galica Palace, baixou da súa habitación do hotel, con un plumas negro e o rostro cheo de sono, e sentouse na mesa contigua. Un raio de nervios percorreume entón o corpo, e non dubidei en achegarme a ela, movida por ese impulso electrico, e expresarlle a miña total e absoluta admiración. Soaron as miñas palabras a certo enamoramento, e é que no fondo, si dentro do meu espíritu albergo algún requicio lésbico, ese despertou coa imaxe de Leonor.
E fermosa, tímida e agradecida. Gústame a súa pel, branca e suave. Os seus ollos profundos, e sobre todo , cando un ten a sorte de achegarse á auténtica Leonor, non á actriz ou á cantante, senón á muller, descobre unha dozura e unha humildade que te cautivan irremediablemente.
Leonor Watling actúa maña no Pazo da Cultura de Pontevedra, teño a miña entrada. O meu corazón latexa de emoción, incluso percibo certo tremor nas pernas cando penso na noite de mañá, na sua presencia no escenario. E na boca do estómago un cosquilleo vai a máis a medida que se achega o momento.

03 abril, 2008

Hot, hot, hot...

Ando estos días ás voltas cos temas do corazón. Quizais sexa porque por fin se dignou a saír o sol e me sinto de súpeto metida de cheo na primavera, e xa se sabe que a primavera o sangue altera. En todo caso, sexa por isto, ou por simple mezcla dunha apatía e pereza extremas que me alonxan de temas máis interesantes, nestes días de primeiros de abril, só me rondan pola cabeza historias de idilios hipotéticos e namoramentos que rozan o máis puro estilo “mononeuronal” que caracteriza o amor nos adolescentes. Pero, tamén ao máis puro estilo adolescente ou de hormonas con pés e ideas propias, o meu desexo ou os meus sentimentos romanticoides, trasládanme dun suxeito a outro a velocidade de vértigo. E mentres dedico a tarde ao estudio da asignatura de Introducción á Ciencia Política, os nomes que aparecen impresos nas páxinas do libro de texto evócanme esceas que calificarei de románticas para non ruborizar aos que me len. Así, mentres estudio a aportación de Julios K. Nyerere ao socialismo do Terceiro Mundo, a mente vai veloz ao rostro impactantemente serio dese homiño pontevedrés que parece atopou un espacio nos recantos máis escondidos do meu aloucado corazón. E mentres leo o xornal, busco a columna do meu xornalista favorito, polo que suspiro o tempo que me leva a lectura do seu artigo de hoxe. E así, todo o día. ¿ Podedes facervos unha idea do agotador que é ter tanto amor dentro e nin a máis mínima posibilidade de consumación?
Benditos os días nos que a política me inquietaba e ocupaba o meu tempo de lecer como si se tratase dunha actividade fascinante. Benditos os días nos que ler unha boa novela ou ver unha película en branco e negro, me mantiña inmóbil no sofá durante tardes enteiras.
Quizais sexa certo o tópico, despois de todo, de que coa primavera chega o amor aos corazóns ao mesmo tempo cás alerxias. Sinceiramente, boto de menos unha pouca de concentración. E si non é posible, conformaríame cun pouco de sexo.

02 abril, 2008

Estou con don Manuel

Non quero deixar pasar máis tempo sin falarvos ben, aínda que só sexa por unha vez, de don Manuel. E quero facelo a raíz da súa intervención de onte na sesión de apertura da Cámara alta, a cal presidiu por ser o senador de maior idade.
Fraga lamentouse onte de que acabaría os seus días sin ver unha cámara alta que fose realmente unha cámara de representación territorial. E é que dende que Fraga aterrizou na política autonómica, nesta nosa comunidade galega, foi unha das súas reivindicacións constantes a reforma do Senado, para convertilo nunha cámara de representación territorial ao estilo alemán, con poderes propios, e non unha cámara de segunda volta, na que nada importan as decisións que alí se adopten.
Don Manuel, veciño meu, e foco principal das miñas críticas durante os 15 anos que estivo ao fronte da Xunta de Galicia, ten un acerto na súa pretensión de dotar ao Senado de auténtico poder de representación. Claro que hai que ter en conta que comezou Fraga a preocuparse das utilidades da cámara alta cando caeu de cheo na política autonómica, unha vez que foi relegado da política estatal.
Onte, a imaxe dun don Manuel dando grazas a deus por chegar aos oitenta e cinco anos, enfermo , con rostro abatido e cansado, casi me conmoveu, sobre todo cando con tono melancólico recordou que a famosa reforma do senado estaba pendiente, e que confiaba en vela antes de morrer. E así nos fixo a todos cómplices dese desexo, que lonxe de plantexar unha reforma, con todas as consecuencias e implicacións que isto suporía, é dicir, alto consenso e reforma constitucional, levounos ao fondo dos seus ollos cansados, ao seu corazón abatido polo tempo e a derrota, e implorou ao sentimentalismo máis a flor de pel de todos cantos o escoitamos. Fraga non propuxo, senón que ,dende un lugar xa fóra do tempo, lamentou non conseguir o que foi durante tanto tempo o seu propósito. E fíxonos partícipes da súa tristeza.

01 abril, 2008

E finalmente Bono...

Bono saiu elexido presidente do Congreso en segunda volta, polo voto a favor de 170 diputados. Esto é, 169 correspondentes aos parlamentarios socialistas, e máis o voto de Gaspar Llamazares. Vendo estes datos, o que queda claro é que Bono obtivo o menor respaldo da democracia nunhas eleccións deste tipo.
Por outra banda, a candidata proposta polo Partido Popular para ocupar a presidencia do Congreso, Ana Pastor, obtivo o apoio de 152 diputados do PP, dos 154 electos. Zaplana e Juan Costa non só non votaron á candidata que propuxo o seu partido, senón que se sumaron á ovación que as filas socialistas brindaron a Bono tras a súa elección.
Comezaba así esta nova lexislatura, na que quizais o PSOE se equivocou un pouco , xa que despois de tanto falar de consenso, foi preciso acudir a unha segunda votación na que tivo que servir unha maioría simple para que Bono fose proclamado por fin presidente da Cámara Baixa.
Agora, veremos qué sucede, si Bono é quen de levar a cabo con éxito a empresa encomendada, e veremos tamén si os socialistas acertaron ou non con esta proposta.